Casa de Welf

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Casa de Welf
Coat of Arms of Brunswick-Lüneburg.svg
PaísBrunswick e Hannover
Casa maternaCasa de Este
Títulos
FundadorGüelfo I de Baviera
Último gobernanteErnesto Augusto III de Hannover
Xefe actualErnesto de Hannover
FundaciónSéculo XI
Disolución1918 (en Alemaña);
1901 (en RU e India)

A Casa de Welf, ou antiga Casa de Baviera (coñecida como os Welfos ou Güelfos) é unha dinastía europea á que pertenceron varios monarcas alemáns e británicos desde o século XI até o século XX.

Historia[editar | editar a fonte]

No Sacro Imperio[editar | editar a fonte]

A casa de Welf é a rama máis antiga da casa de Este, unha dinastía cuxos membros máis antigos coñecidos viviron en Lombardía no século IX. O primeiro membro destacado desta rama foi Güelfo IV, que herdou as propiedades da antiga casa de Welf cando seu tío materno Güelfo, duque de Carintia, morreu en 1055. En 1070, Güelfo IV converteuse en duque de Baviera.

Güelfo V contraeu matrimonio coa condesa Matilde de Toscana, que morreu sen fillos, deixando ao seu viúvo todos os seus dominios, entre eles Toscana, Ferrara, Módena e Reggio. Isto tería un importante papel na Querela das investiduras, posto que os Güelfos tomaron partido polo papa nesta ocasión, polo que os partidarios do papa pasaron a seren coñecidos en Italia como "güelfos" (ver Güelfos e xibelinos).

Henrique o Negro, duque de Baviera entre 1120 e 1126, foi o primeiro dos tres Henriques da dinastía Güelfa.

Seu fillo, Henrique o Orgulloso, duque de Baviera e tamén de Saxonia, rivalizou con Conrado III de Alemaña, dos Hohenstaufen, para obter o trono do Sacro Imperio Romano Xermánico. Non logrou ser elixido. Porén, xa que era apoiado por moitos dos príncipes electores, Conrado III desposuíuno dos seus ducados.

Henrique o León recuperou os dous ducados de seu pai: Saxonia en 1142 e Baviera en 1156. En 1158 casou con Matilde (11561189), filla de Henrique II de Inglaterra e de Leonor de Aquitania, e irmá de Ricardo Corazón de León.

Desposuído dos seus ducados polo emperador Federico I Barbarroxa tras a batalla de Legnano, en 1176, e reclamados os seus territorios por outros príncipes do Imperio, en 1180 exiliouse na corte do seu sogro Henrique II en Normandía. Regresou a Alemaña tres anos despois como duque dunha parte de Saxonia, o Ducado de Brunswick-Luneburgo. Morreu alí en 1195.

Seu fillo, Otón de Brunswick, foi elixido Rei de romanos e coroado como emperador do Sacro Imperio co nome de Otón IV.

Os Welf de Brunswick-Luneburgo continuaron gobernando os seus territorios até a caída das monarquías xermánicas en 1918.

En Alemaña e no Reino Unido da Gran Bretaña[editar | editar a fonte]

Vitoria I, última representante dos Welf no trono británico.

En 1692, o xefe dunha das ramas menores da familia, os Calenberg, Ernesto I Augusto de Brunswick-Luneburgo, foi elevado ao status de elector imperial, sendo elector de Hannover.

Seu fillo, Xurxo I, chegou a ser rei do Reino Unido en 1714.

Esta dinastía gobernou no Reino Unido até a morte da raíña Vitoria en 1901. No Reino Unido os Welf foron coñecidos como casa de Hannover.

Hannover mesmo converteuse en reino en 1814, pero foi anexionado por Prusia tras a Guerra austro-prusiana de 1866, na que Hannover tomara partido por Austria.

A liña primoxénita da dinastía gobernou o Ducado, moito máis pequeno, de Brunswick-Wolfenbüttel. Esta liña extinguiuse en 1884. Aínda que o Ducado debería ser herdado polo Duque de Cumberland, fillo do último rei de Hannover, as sospeitas acerca da súa lealdade fixeron que permanecese vacante até 1913, cando o fillo do duque de Cumberland, Ernesto Augusto, casou coa filla de Guillerme II de Alemaña, permitíndoselle entón herdar o Ducado. O seu reinado alí foi breve, xa que a monarquía quedou abolida ao terminar a Primeira Guerra Mundial en 1918.

Na actualidade[editar | editar a fonte]

A casa de Welf continúa existindo. O seu xefe actual, chamado, como moitos dos seus antepasados, Ernesto de Hannover, é máis coñecido por ser o terceiro e actual marido de Carolina de Mónaco.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]