Casa da Moeda de Turquía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 48°42′14″N 18°55′0″L / 48.70389, -18.91667

Casa da Moeda de Turquía
Darphane
Antigo edificio da Casa da Moeda de Turquía no Palacio de Topkapi

Moeda dunha lira de 2009, cuñada na
Casa da Moeda de Turquía

TipoEmpresa pública.
Fundación1467
MatrizMinisterio de Facenda de Turquía
Localización Beşiktaş, Istambul
Turquía Turquía.
Persoas claveDirector: Abdullah Yasir Şahin.[1]
IndustriaCuñaxe.
ProdutosMoedas, medallas, produtos de investimento, etc.
editar datos en Wikidata ]

A Casa da Moeda de Turquía (en turco: Darphane ve Damga Matbaası Genel Müdürlüğü: "Dirección Xeral da Casa de Moeda e Timbre"; ou simplemente Darphane: "Casa da Moeda) é unha compañía estatal turca, con sede en Istambul, que se encarga da cuñaxe das moedas de curso legal do país, correspondentes ao sistema monetario da lira turca.[2][3]

A súa orixe remóntase a 1467, cando se estableceu en Istambul unha casa de moeda que chegou a ser a meirande do Imperio Otomán en substitución da antiga ceca bizantina de Constantinopla.[4][3]

Historia[editar | editar a fonte]

A Casa da Moeda de Istambul[editar | editar a fonte]

Moeda de prata da Casa da Moeda de Istambul a nome de Ahmed III (1703-1730)

Para satisfacer as necesidades de diñeiro do Imperio Otomán, que se expandiu rapidamente logo da conquista de Istambul, Mehmed II Fatih, o Conquistador, sumou ás cecas xa existentes unha nova casa de moeda na contorna da mesquita Beyazit, feito que se considera como o comezo da existencia dunha casa de moeda turca centralizada. Ao non existir documentación que determine a data exacta do seu establecemento, adóitase considerar a súa fundación en 1467, a data das primeiras moedas de ouro cuñadas nela, a nome de Mehmed II. Esta primeira ceca cobrou importancia e acabou trasladándose a Simkeşhane, no distrito de Beyazit, en Istambul, en 1596.[4]

Xa no século XVIII, en tempos do sultán Ahmed III (1703-1730), a casa de moeda trasladouse en 1723 a un dos edificios do complexo do Palacio de Topkapi e ampliouse en 1832 coa construción de novos talleres. Axiña se converteu na principal ceca turca, ata o punto de quedar, en 1843, como a única casa de moeda en funcionamento, logo do pechamento de todas as demais.[4]

A ceca actual[editar | editar a fonte]

Serie de moedas en circulación, cuñadas na Casa da Moeda de Turquía

O 8 de xullo de 1967, a casa de moeda trasladouse á súa situación actual, no distrito de Beşiktaş, nun edificio cuxa construción comezara xa en 1961, cunha superficie de 7.000 metros cadrados (mais un patio interior doutros 1.000 m2), nuns terreos de 11.000 metros cadrados. Porén, a división de impresión, que se fusionara coa de cuñaxe en 1933, permaneceu no Palacio de Topkapi ata 2012, cando se trasladou ao novo edificio.[4]

Mediante un Decreto lei do 18 de xuño de 1984, a entidade tomou a forma de Dirección Xeral da Casa de Moeda e Timbre (Darphane ve Damga Matbaası Genel Müdürlüğü), como unha unidade dentro da estrutura do Ministerio de Finanzas do Estado turco, coa misión de se encargar da produción de moeda de curso legal, moedas conmemorativas en metais nobres, medallas, condecoracións, selos oficiais e diversos documentos oficiais e de seguridade, como visas e pasaportes.[2][4][5][6][7][8][9][10]

Pasaporte turco, elaborado na Casa da Moeda de Turquía[5]

Directores da ceca[editar | editar a fonte]

Esta é unha listaxe dos directores xerentes da Casa da Moeda de Turquía desde 1979:[11]

  • Tuncay Toros (1979-1980).
  • Adnan Barlas (1980-1981).
  • Salih Yardımcı (1981-1994).
  • İlhan Sayın (1994-1995).
  • Raif Bakova (1995-1998).
  • Ahmet Rıfkı Güngör (1998-1999).
  • Cahit Büyüktürk (1999-1999).
  • Tuğrul Bilen Ünal (1999-2004).
  • Ahmet Erol (2004-2004).
  • Ahmet Büyükkaymaz (2004-2011).
  • Sadettin Parmaksız (2011-2019).
  • Abdullah Yasir Şahin (desde 2019).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Genel Müdürlermimiz". Sitio web da ceca: Darphane.gov.tr
  2. 2,0 2,1 "Madeni ufaklik para üretimi". Sitio web da ceca: Darphane.gov.tr
  3. 3,0 3,1 "Darphane (Turkish State Mint)". Online Coin Club.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 "TARİHÇE" (Historia). Sitio web da ceca: Darphane.gov.tr
  5. 5,0 5,1 "Pasaport üretimi". Sitio web da ceca: Darphane.gov.tr
  6. "Cumhuriyet altini üretimi". Sitio web da ceca: Darphane.gov.tr
  7. "Medalya ve nişan üretimi". Sitio web da ceca: Darphane.gov.tr
  8. "Mühür ve soğuk danga üretimi". Sitio web da ceca: Darphane.gov.tr
  9. "Diğer değerli kağıt üretimi". Sitio web da ceca: Darphane.gov.tr
  10. "Harç pulu, vize pulu üretimi". Sitio web da ceca: Darphane.gov.tr
  11. "Genel Müdürlermimiz". Sitio web da ceca: Darphane.gov.tr

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]