Casa da Moeda de Hamburgo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 53°37′27″N 10°9′13″L / 53.62417, -10.15361

Casa da Moeda de Hamburgo
Hamburgische Münze

Selo utilizado entre 1850 e 1923 pola
Casa da Moeda de Hamburgo


Edificio da
Casa da Moeda de Hamburgo

TipoEstatal
Fundación834
MatrizAutoridade financeira (Finanzbehörde) de Hamburgo.
Localización Hamburgo
Alemaña Alemaña.
Persoas claveDirector: Ralph Thiemann.
IndustriaCuñaxe.
ProdutosMoedas e medallas.
Número de empregados45
Notas
Marca de ceca: J.
Na rede
http://www.muenzehamburg.de/
editar datos en Wikidata ]

A Casa da Moeda de Hamburgo (en alemán: Hamburgische Münze) é unha das cinco fábricas de moeda estatais activas en Alemaña, situada en Hamburgo. As outras cecas do país teñen as súas sedes nas cidades de Berlín, Stuttgart, Karlsruhe e Múnic.

Na súa condición de empresa estatal, está xestionada polas autoridades financeiras da Cidade Libre e Hanseática de Hamburgo.

O seu cadro de persoal compóñeno 45 persoas, á fronte das cales está Ralph Thiemann, o director da institución.

A Casa da Moeda de Hamburgo produce arredor do 21 por cento das moedas de circulación, á parte doutras conmemorativas e para países estranxeiros, medallas e réplicas de moedas históricas singulares (por exemplo, a peza dun billón de marcos de 1923, da Provincia de Westfalia).

Historia[editar | editar a fonte]

Florín (gulden) da Casa de Moeda de Hamburgo (1435-1437)

As primeiras moedas cuñadas en Hamburgo datan de 834, cando o arcebispo da cidade acadou o permiso imperial para a emisión de moeda, que posteriormente foi ampliado polo emperador Frederico I, Barbarroxa en 1189, ao recoñecerlle á Casa da Moeda de Hamburgo dereitos sobre outras cecas. Os condes de Holstein transferiron en 1325 a titularidade da ceca á cidade de Hamburgo, á que lle permitiron a cuñaxe da súa propia moeda.[1][2]

En 1435, o emperador Sexismundo concedeu á Casa da Moeda o dereito de cuñar moeda de ouro, e comezou a cuñaxe de floríns. En 1553 producíronse por primeira vez táleros de prata e portugaleser de ouro, estes últimos a imitación dos cruzados portugueses, cuxa circulación estaba moi estendida no norte de Alemaña e na rexión do Báltico.[2]

Moeda de 2 marcos coa marca de ceca J baixo o escudo

Logo da ocupación militar da cidade por parte das tropas napoleónicas en 1806, as actividades da casa de moeda acabaron por suspenderse en 1813, aínda que o seu anterior director, H. S. Knoph, adquiriu parte do equipamento e mantivo a cuñaxe nunha ceca privada en nome do Banco de Hamburgo (Hamburgische Bank), emitindo ducados e outras moedas para uso na cidade.[2]

Superada a etapa napoleónica, en 1842 a casa da Moeda de Hamburgo foi destruída por un incendio que afectou toda a cidade e, ata que se construíu un novo edificio, a veciña ceca de Altona e a Casa da Moeda de Berlín encargáronse de subministrar as moedas circulantes en Hamburgo.[3] A construción da nova ceca tivo que esperar ata 1873 e a súa inauguración en Norderstrasse tivo lugar en 1875. foi nese momento cando a ceca de Hamburgo adoptou o J como marca de ceca, que mantén no século XXI.[2] O feito de adoptar esta letra débese a que naquel momento a nova ceca se convertía na novena casa da moeda do Imperio Alemán (o "I" representábase como "J"). As oito prensas de cuñaxe que se instalaron proviñan da Casa da Moeda de Estrasburgo, onde estiveran en servizo desde 1851.[4]

1 marco de 1937, con marca de ceca J


Durante a segunda guerra mundial, a Casa da Moeda de Hamburgo sufriu graves danos e detivo novamente a súa actividade, ata que a recuperou en 1948. En 1982, logo de catro anos de construción, trasladouse a un novo edificio máis funcional nunha zona industrial en Hamburgo-Rahlstedt. Alí comezaron a cuñarse en 1998 as primeiras series de moedas do sistema do euro, aínda que tanto estas como as dos catro anos seguintes lavan a data de 2002, o primeiro ano da súa circulación (con esta data cuñáronse en Hamburgo case 4.000 millóns de pezas).[5][2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hatz, G. (1975). "Streifzug durch die hamburgische Münzgeschichte". En Hamburgische Münze. Páxinas 10-21.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 ""J"a, wir sind die älteste Münzprägeanstalt in Deutschland. Die historische Entwicklung der Münzprägung in Hamburg Arquivado 10 de decembro de 2019 en Wayback Machine.". Hamburgische Münze.
  3. Von Wegerer, H. "Hundert Jahre Hamburgische Münze an der Norderstraße". En Hamburgische Münze (1975). Páxina 22.
  4. Abels, C. "100 Jahre Münzbetrieb in der Norderstraße". En Hamburgische Münze (1975). Páxina 29.
  5. "Regular euro coins issued in Germany by the Federal Ministry of Finance". Deutsche Bundesbank. 6 de novembro de 2019.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Gaedechens, O. (2012). Hamburgische Münzen und Medaillen. Salzwasser Verlag. ISBN 978-3864444661
  • Hamburgische Münze (1975). 650 Jahre hamburgisches Münzwesen. Eine Festschrift. Hamburgische Münze.
  • Schneider, K. (1983). Hamburgs Münz- und Geldgeschichte im 19. Jahrhundert bis zur Einführung der Reichswährung (Beiträge zur Geschichte Hamburgs). Gerd Martin Forneck. ISBN 978-3923708000

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]