Canco López
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1964 (59/60 anos) Sarria, España |
Actividade | |
Ocupación | organista, compositor, director de orquestra |
Instrumento | Órgano e Clavicémbalo |
Canco López, nado en Sarria (Galiza) en 1964 é un compositor, organista, clavecinista e director de orquestra galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Canco López naceu en Sarria (Lugo), onde iniciou os seus estudos musicais, pasando posteriormente polos Conservatorios de Santiago de Compostela, Lugo e Madrid, estudando órgano e clave con Anselmo Serna e Genoveva Gálvez respectivamente. En 1986 coñeceu a Francisco Guerrero, de quen recibiu clases de composición, integrándose no seu círculo de alumnos.
Recibiu axudas da Xunta de Galicia en diversas ocasións e en 1990-91 se trasladou a unha Residencia de Estudantes cunha bolsa de estudos do Concello de Madrid, onde escribiu Suite Vollard para 11 grupos instrumentais e Apotelésmata para 2 óboes, 3 clarinetes e 2 trombóns.
En 1988 estreou Yen (Contrapunctus), para frauta, óboe e piano, no Auditorio do Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. En 1989 Sigot, para 3 percusionistas, tuba e recitador; e sete anos máis tarde, en 1996 no Centro de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela, Amiat I e Amiat II para trío de corda.
En 1999 estreou Canzona Prima para Clarinete solo no Teatro Central de Sevilla, e en xuño do 2002 no Palacio de Lozoya de Segovia. No 2003 no Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofia estreou Senum C para electrónica, e en febreiro do 2004 no Auditorio Nacional de Madrid estreouse Semel para orquestra de corda.
A súa música foi interpretada pola orquestra Camerata del Prado, ademais de músicos como Sebastián Mariné, Iván Solano, David Quiggle, Ben Kreith, Jean Pierre Dupuy, Julián Elvira, Jorge Montes e Elsa Ferrer entre outros.
Atraído pola interpretación musical asistiu a cursos de música antiga e contemporánea. Pertence a varios grupos e en 1991 creou Ars Combinatoria (Taller de Interpretación Musical) coa pretensión de interpretar e dirixir músicas de tódolos tempos. Froito do traballo con Ars Combinatoria, no 2007 creou un taller artístico-educativo-musical onde naceu a Nova Orquestra Galega das Artes (NOGA), que foi un proxecto pedagóxico de Ars Combinatoria.
Actualmente é membro de Rigel (Departamento de Investigación para as Músicas Complexas), froito dunha estraña unión entre músicos e enxeñeiros, que fundou e dirixiu Francisco Guerrero.