Saltar ao contido

Brontispa longissima

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Brontispa longissima
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Coleoptera
Suborde: Polyphaga
Infraorde: Cucujiformia
Clado: Phytophaga
Superfamilia: Chrysomeloidea
Familia: Chrysomelidae
Subfamilia: Cassidinae
Xénero: Brontispa
Especie: B. longissima
Nome binomial
Brontispa longissima
(Gestro)

Brontispa longissima é unha especie de escaravello crisomélido que se alimenta das follas novas e dana as plántulas e cocos maduros das Arecaceae (coqueiros), polo que se lle adoita chamar escaravello do coqueiro.[1][2] Estase convertendo nun problema cada vez máis grave como praga dos coqueiros en varias rexións do Pacífico e Índico, especialmente nas últimas décadas.[3]

Características

[editar | editar a fonte]

Os ovos están inseridos entre as follas, miden 1,4 mm de longo ou menos e fan eclosión en 2-4 días. A fase larvaria dura 36 días e as larvas chegan a medrar ata os 8-10 mm e aliméntanse das follas causando danos. A pupa aparece nas partes secas das follas e mide 9-10 mm de longo e en 6 días dela emerxe o adulto. O adulto pode vivir ata 90 días e mide ata 10 mm de longo ; pode realizar curtos voos que serven para que a especie se espalle. Tanto a larva coma o adulto son destrutivos e causan danos na superficie das follas novas, facilitando ademais a entrada de patóxenos.[1]

Como praga

[editar | editar a fonte]

A área afectada por esta praga inclúe países como Indonesia, illas Salomón, Vietnam, Nauru, Camboxa, Laos, Tailandia, Maldivas, Myanmar, illa de Hainan e illas Aru e máis recentemente as Filipinas.

No Xapón a presenza deste escaravello foi detectada na illa de Okinawa en 1978. A especie espallouse a outras illas da prefectura de Okinawa. Á illa de Ishigaki chegou en 1982 e ás de Miyako, Iriomote e Yonaguni en 1984. [4]

En setembro de 2007 a Manila metropolitana e 26 provincias das Filipinas foron postas en corentena debido a ser infestadas con esta praga, para así tentar salvar a industria dos coqueiros das Filipinas, que produce 800 millóns de dólares ao ano.[5]

As medidas de control aplicadas inclúen o uso de pesticidas e axentes de control biolóxicos como as avespas parasitas, como por exemplo, Asecodes hispinarum.

Hai outro escaravello que é unha praga similar e que pertence a un xénero relacionado, o Plesispa reichei, ao que tamén se lle chama ás veces escaravello do coqueiro e como é moi parecido distínguese con dificultade de B. longissima; a principal distinción é que ten un corpo máis ancho e unha puntuación de pintas máis forte, con diferenzas tamén en antenas e padrón dos élitros.

  1. 1,0 1,1 ASEAN IPM Fact Sheet
  2. "Crops > Plantation crops > Coconut & oil palm > Insects > Brontispa > Brontispa sp., Maldives". marzo de 2021. 
  3. Jones, David L. (1995). Palms throughout the World. Washington, D.C: Smithsonian Institution Press. pp. 82. ISBN 1-56098-616-6. 
  4. TAKANO, S.-i., TAKASU, K., FUSHIMI, T., ICHIKI, R.T. and NAKAMURA, S. (2012), Life history traits and damage potential of an invasive pest Brontispa longissima (Coleoptera: Chrysomelidae) on Satakentia liukiuensis. Entomological Science, 15: 238-245. https://doi.org/10.1111/j.1479-8298.2011.00506.x
  5. "Inquirer.net, Beetles infest coconuts in Manila, 26 provinces". Arquivado dende o orixinal o 2007-10-12. Consultado o 2008-05-22. 

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre bioloxía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.