Blackburn Olympic Football Club
Blackburn Olympic | |||
---|---|---|---|
![]() | |||
Nome | Blackburn Olympic Football Club | ||
Alcume(s) | The Light Blues | ||
Fundación | Febreiro de 1878 | ||
Estadio | Hole-i'th'-Wall, Blackburn Lancashire, ![]() | ||
Liga | Ningunha (1878–1888) The Combination (1888–1889) | ||
| |||
O Blackburn Olympic F.C. foi un equipo de fútbol inglés de finais do século XIX con sede na cidade de Blackburn, en Lancashire. A pesar de que o club existiu só unha década, é moi importante na historia do fútbol en Inglaterra, xa que foi o primeiro equipo do norte do país e o primeiro da clase traballadora que gañou a principal competición futbolística da nación, a Football Association Challenge Cup (coñecida xeralmente como FA Cup). A copa só fora gañada por equipos afeccionados adiñeirados dos Home counties,[a] e a vitoria do Olympic marcou un punto decisivo na transición do deporte, dende un pasatempo dos homes de clase alta a un deporte profesional.
O club fundouse en 1878 e nos seus inicios só participou en torneos locais menores. En 1880 ingresou por primeira vez na FA Cup e tres anos máis tarde venceu o Old Etonians F.C. en Kennington Oval, gañando o trofeo. Esta vitoria foi un factor importante na decisión tomada polo consello de administración deportivo, a Football Association, para permitir o profesionalismo. Con todo, o Olympic foi incapaz de competir cos equipos máis ricos e de mellor soporte económico da era profesional e desapareceu en 1889.
Moitos dos partidos que o Olympic xogou como local disputáronse no Hole-i'-th-Wall Stadium, que lle debe o seu nome a un pub próximo. A partir de 1880, a primeira equipación do Olympic consistiu nunha camisola celeste e pantalóns brancos. Un xogador do club, James Ward, foi convocado pola selección inglesa e outros seis xogadores internacionais xogaron para o club; entre estes encontrábase Jack Hunter, quen era o adestrador do club cando o equipo gañou a FA Cup.
Historia[editar | editar a fonte]
Formación e primeiros anos[editar | editar a fonte]

O fútbol orixinouse na década de 1860 no sur de Inglaterra e era practicado por equipos de clase alta, ex alumnos das public schools e graduados de Oxbridge. Con todo, o xogo propagouse polas cidades industriais do norte na década seguinte.[1] A cidade de Blackburn, en Lancashire, tiña máis dunha ducia de equipos de fútbol activos contra o ano 1877, co Blackburn Rovers, fundado en 1875, visto xeralmente como o equipo principal da cidade.[2] O Blackburn Olympic F.C. foi fundado en febreiro de 1878 cando dous destes clubs, o Black Star e o James Street, decidiron unirse;[3] Sydney Yates, o dono dunha fundidora de ferro local, é considerado como o fundador e foi un dos principais beneficiarios do club.[4] O nome foi elixido por James Edmondson, quen fora o primeiro tesoureiro do club, e crese que se inspirara nunha recente escavación en Olimpia, lugar dos antigos Xogos Olímpicos.[2] O primeiro partido do novo club foi un amigable xogado o 9 de febreiro de 1878, que finalizou con vitoria por 2-0 sobre o equipo local, o St. John's.[2] En abril, o club ingresou na súa primeira competición, a Livesey United Cup. O Olympic derrotou o St. Mark's na final para gañar o torneo e como o certame non se realizou de novo, retivo o trofeo a perpetuidade.[5]
Durante as dúas tempadas seguintes, continuou xogando partidos amigables e ingresou na Blackburn Association Cup, un torneo de eliminación directa na que só participaban os clubs locais, creado pola organización que manexaba o fútbol na cidade. O Olympic gañou a copa en 1879 e en 1880, que foi a última edición do certame, xa que desapareceu cando a Blackburn Association foi absorbida pola Lancashire County Football Association, que tiña un maior alcance. Como ocorreu coa Livesey United Cup, o trofeo mantívose en posesión do Olympic polo resto da existencia do club.[6] A diferenza do Blackburn Rovers, que estaba formado principalmente por ex alumnos das public schools, o Blackburn Olympic estaba integrado por homes da clase traballadora.[4] Ambos clubs enfrontáronse por primeira vez o 15 de febreiro de 1879, con vitoria por 3-1 do Olympic.[4]
A comitiva do club decidiu en 1880 que o Olympic debía competir por premios maiores e optou por ingresar en dúas competicións adicionais, a Lancashire Senior Cup e a Football Association Challenge Cup (FA Cup), que era a competición futbolística máis importante do país.[7] No primeiro partido do club na FA Cup, os Light Blues foron derrotados 5-4 polo Sheffield FC,[8] e perderon de novo en primeira rolda na tempada seguinte, desta volta como visitantes, cun resultado de 3-1 ante o Darwen.[9] A reputación do club na súa área de orixe estaba crecendo, polo que se organizaban partidos con equipos máis afastados, como o Sheffield Wednesday, o Nottingham Forest e mesmo contra equipos escoceses, como o Cowlairs e o Hibernians.[10] Os seus crecentes gastos foron cubertos coa axuda de Sydney Yates, que prestou apoio financeiro ao Olympic durante a maior parte da súa existencia.[11] Ao final da tempada 1881-82, o Olympic derrotou o Blackburn Rovers para obter a East Lancashire Charity Cup.[12]
Éxito[editar | editar a fonte]

Na FA Cup da tempada 1882-83, o Olympic derrotou a catro clubs de Lancashire, o Accrington, o Lower Darwen, o Darwen Ramblers e o Church, para chegar á quinta rolda. Nesta etapa, o sorteo indicou que os Light Blues debían xogar contra un equipo galés, o Druids.[13] O Olympic derrotou o club de Ruabon por 4-1 e chegou ás semifinais, onde se enfrontou por primeira vez cun club do sur de Inglaterra, o Old Carthusians.[13] Os Carthusians, o equipo dos ex alumnos da Charterhouse School, gañaran a copa dous anos antes e mesmo os diarios de Blackburn considerábanos como os favoritos para chegar á final.[14][15] O Olympic, con todo, gañou 4-0 nun partido xogado en cancha neutral en Whalley Range, Manchester, para alcanzar a final, onde xogou con outro dos grandes equipos afeccionados, o Old Etonians, en Kennington Oval.[13] Os Etonians derrotaran o Blackburn Rovers, o clásico rival do Olympic, na final do ano anterior, que foi a primeira vez que un equipo do norte chegaba ata esa fase.[16]
Antes da final, o ex xogador da selección inglesa Jack Hunter, quen se unira ao club en 1882 en calidade de xogador e adestrador, fixo os preparativos para levar o equipo a Blackpool durante algúns días e realizar un adestramento especial. Ningún club fixera ata a data nada parecido e a idea foi considerada extremadamente orixinal.[17][18] O escritor Mark Keech sinalou na súa Encyclopedia of British Football, publicada en 2002:
This was the first recorded occasion of sustained systematic training, with players leaving home for a period of time to live communally.Esta foi a primeira ocasión rexistrada dun adestramento sistemático sostido, con xogadores que deixaban o seu fogar durante un período de tempo para vivir en comunidade.[4]
Na seguinte táboa amósase o camiño percorrido polo Blackburn Olympic para gañar a FA Cup da tempada 1882-83:[4][13]
Rolda | Rival | Resultado | Data e lugar |
---|---|---|---|
Primeira Rolda | Accrington | 6-3 | S/D |
Segunda Rolda | Lower Darwen | 8:1[b] | S/D |
Terceira Rolda | Darwen Ramblers | 8-0 | S/D |
Cuarta Rolda | Church | 2-0 | S/D |
Quinta Rolda | Druids | 4-1[c] | S/D |
Semifinais | Old Carthusians | 4-0 | S/D Whalley Range, Manchester |
Final | Old Etonians | 2-1 | 31 de marzo de 1883 Kennington Oval, Londres |
A final disputouse o 31 de marzo de 1883 en Kennington Oval, no barrio Kennington de Londres,[13] ante 8 000 persoas.[4] Os Etonians tomaron a dianteira cando Harry Goodhart marcou durante a primeira metade; con todo Arthur Matthews empatou para o Olympic na segunda parte.[19] Pouco despois, Arthur Dunn lesionouse e debeu abandonar o campo, reducindo a dez o número de xogadores do Etonians o resto do partido. O resultado mantívose igualado ao final dos noventa minutos regulamentarios. Segundo as regulacións da FA Cup, podían xogarse trinta minutos de tempo extra en caso de empate, a xuízo do árbitro, e en resposta ao fervente ánimo do público, os capitáns pediron seguir xogando para tratar de asegurar un resultado. Durante o tempo extra, a maior resistencia do Olympic comezou facerse notar. Arredor dos vinte minutos do suplementario, Jimmy Costley recibiu un pase de John Yates e pateou o balón para marcar o gol decisivo, vencendo ao porteiro do Etonian, John Rawlinson.[20] Durante o regreso do equipo a Blackburn, os xogadores formaron parte dun desfile de celebración e foron recibidos nunha recepción cívica, na cal o capitán Albert Warburton proclamou:
The Cup is very welcome to Lancashire. It'll have a good home and it'll never go back to London.A copa é moi benvida en Lancashire. Terá unha boa casa e nunca regresará a Londres.Albert Warburton[21]

No sur, con todo, a vitoria do Olympic sobre un dos equipos afeccionados máis grandes provocou consternación. Daquela, a Football Association (a FA), o consello de administración deportivo, prohibiu que os clubs pagaran aos seus xogadores. A pesar diso, os clubs da clase traballadora, especialmente os que tiñan a súa base en Lancashire, estaban baixo sospeita de realizar pagos ilegais aos seus xogadores dende, canto menos, 1876.[22] No inicio dunha boa racha de vitorias do Olympic, varios xornalistas e oficiais afiliados cos clubs afeccionados do sur intensificaron os seus esforzos para que a FA investigara as finanzas dos clubs do norte. Enfocáronse principalmente na viaxe de adestramento realizada en Blackpool polo Olympic, suxerindo que os xogadores non poderían terse tomado tanto tempo de traballo, a menos que o club lles estivera pagando algunha clase de soldo. Tamén xurdiron preguntas en torno aos xogadores que se trasladaban dunha cidade a outra, aparentemente co simple propósito de xogar para un novo equipo de fútbol. No caso do Olympic, Jack Hunter mudárase de Sheffield para unirse ao club.[23] Finalmente non se tomou ningunha medida contra o Olympic, a pesar de que se impuxeron castigos para outros clubs, incluíndo o Preston North End, que foi expulsado da FA Cup. Pola súa banda, isto provocou que os clubs do norte fixeran planos para romper as relacións coa FA e formar un consello de administración rival que non impuxera o chamado ideal afeccionado nos clubs.[24][25]
Deterioración e colapso[editar | editar a fonte]

A tempada seguinte, o Olympic chegou de novo ás semifinais da FA Cup, do mesmo xeito que o Blackburn Rovers. Cando se realizou o sorteo das semifinais, o club foi emparellado co Queen's Park e o Rovers co Nots County, ambos a partido único, abrindo a posibilidade de que os dous equipos puidesen enfrontarse na final. O Olympic, con todo, foi superado e derrotado 4-0 polos seus opoñentes escoceses. O club presentou unha apelación ante a FA, baseándose na invasión do campo realizada por algúns dos 16 000 espectadores, mais non lle resultou favorable.[26] Na final, que se disputou o 29 de marzo de 1884 no Kennington Oval, o Blackburn Rovers derrotou o Queen's Park por 2-1.[27]
O club nunca puido acadar de novo este nivel de éxito. Na tempada 1884-85, o Olympic perdeu por 3-2 na segunda rolda da FA Cup ante os Rovers, que consolidaron a súa posición como equipo principal da cidade, gañando o torneo por segunda tempada consecutiva.[28] En 1885 evitouse a ameaza dun cisma dentro do deporte, cando a FA aceptou legalizar o profesionalismo.[29] Nunha cidade do tamaño de Blackburn, con todo, ao Olympic foille difícil competir por espectadores e patrocinio co consolidado e máis exitoso Blackburn Rovers; en consecuencia, o Olympic non puido pagar salarios ao mesmo nivel que ese club ou que outros equipos profesionais de Lancashire. En 1886, o comité do club viuse obrigado a reducir os salarios dos xogadores a un cuarto do que estaba sendo ofrecido polo Preston North End, un dos clubs máis importantes da rexión. En resposta, moitos dos xogadores chave abandonaron o club e foron fichados axiña por equipos máis ricos.[30]
A Football League, a primeira liga de fútbol asociado do mundo, foi fundada en 1888 polos clubs máis importantes das Midlands e do Norte. William McGregor, o presidente do Aston Villa e impulsor da nova competición, impuxo unha norma que establecía que só un club de cada vila ou cidade podía unirse á liga, e elixiuse aos Rovers, antes que ao Olympic, para ser o representante de Blackburn.[31][32] Algúns dos clubs que non foron invitados a unirse á liga, incluíndo o Olympic, formaron The Combination. Con todo, esta foi unha competición mal organizada e desapareceu antes do final da tempada 1888-89.[33] Acosado por serias débedas, o comité do club anunciou a principios de 1889 que todos os xogadores profesionais serían liberados dos seus contratos con efectos inmediatos e que dende ese momento en diante o club só empregaría xogadores afeccionados.[34] Esta medida desesperada chegou moi tarde para salvar o club, que quebrou definitivamente en setembro de 1889. O último partido do Blackburn Olympic foi unha derrota como visitante ante o Everton.[35] Un equipo afeccionado non relacionado con sede na cidade adoptou o nome de Blackburn Olympic en 1959.[36]
Uniforme[editar | editar a fonte]
Ao comezo da existencia do club, os xogadores vestían usualmente con camisolas cor maxenta, aínda que as regras respecto ao equipamento eran menos ríxidas daquela e o defensor central Tommy Gibson insistía en empregar unha camisola que presuntamente lle daba sorte, de cor ámbar con círculos negros. Máis tarde, o seu compañeiro Alf Astley copiou o seu exemplo.[37]
Cando o club ingresou na FA Cup por primeira vez en 1880, as regras da competición sinalaban que todos os xogadores do equipo debían vestir cores a xogo, polo que se elixiu unha nova combinación de camisolas celestes e pantalóns brancos.[37] Cando había unha coincidencia de cores cos adversarios e o Olympic víase obrigado a cambiarse, os xogadores vestían cunha camisola azul escura e con pantalóns brancos.[38] Non hai rexistro de que o club tivese ningún escudo, a pesar de que as fotografías do equipo que gañou a FA Cup mostraban a varios xogadores co distintivo da Lancashire Football Association cosido nas súas camisolas, indicando que representaban a Lancashire nos partidos entre condados.[39]
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() Titular
|
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() Suplente
|
Estadio[editar | editar a fonte]

O primeiro partido do Olympic tivo lugar nun terreo pertencente ao Blackburn Cricket Club, localizado a campo aberto en Higher Oozebooth. Durante os primeiros dezaoito meses de existencia do club, o Olympic xogou os seus partidos como local en varios lugares de Blackburn, incluíndo Roe Lee e Cob Wall.[40] En 1879 a comitiva do club obtivo o contrato de arrendamento dun terreo adxacente ao pub Hole-i'-th'-Wall, localizado na cume do outeiro Shear Brow. O lugar fora empregado previamente por outro club, o Queen's Own, mais quedara vacante cando o club quebrou despois de que moitos dos seus xogadores ficharan polo Blackburn Rovers.[41]
A superficie de xogo inclinábase cara abaixo e era coñecida, inicialmente, por estar extraordinariamente enlamada; con todo, o comité do club investiu cen libras en 1880 para mellorar a drenaxe.[41] As instalacións eran mínimas e a maioría dos espectadores parábanse arredor do perímetro do campo, como era ocorría en moitos campos de fútbol desa época.[42] Erixiuse unha tribuna detrás da portería en 1881,[43] pero esta foi danada severamente por unha treboada en 1884 e substituída por unha estrutura máis elaborada, localizada nun dos costados máis longos da área de xogo. Ao mesmo tempo, construíronse outros refuxios para darlle aos espectadores situados noutras áreas a posibilidade de cubrirse dos elementos.[44] A maior asistencia rexistrada no Hole-i'-th'-Wall foi de aproximadamente 10 000 espectadores, para un partido contra o Preston North End en novembro de 1884; con todo, a asistencia normal para os partidos do Olympic era de entre mil e dúas mil persoas.[45] Logo da desaparición do club, o terreo foi adquirido polo Blackburn Railway Clerks Club. Actualmente é sede do St. Mary's College de Blackburn.[46]
Xogadores[editar | editar a fonte]


O equipo do Olympic que gañou a FA Cup en 1883 estaba composto por once xogadores nados en Inglaterra, polo que esta foi a primeira vez que un all-English XI gañou a competición.[47][d] O equipo formou co seguinte once, cuxo traballo tamén se especifica nunha columna denominada Ocupación:[4][48]
Posición | Xogador | Ocupación |
---|---|---|
POR | Thomas Hacking | Axudante de dentista. |
DEF | James Ward | Operador dunha máquina de algodón. |
DEF | Albert Warburton | Plomero e propietario dun pub. |
MED | Thomas Gibson | Traballador dunha fundición de ferro. |
MED | Jack Hunter | Propietario dun pub. |
MED | William Astley | Tecedor. |
DIA | Tommy Dewhurst | Tecedor. |
DIA | Arthur Matthews | Enmarcador de cadros. |
DIA | George Wilson | Administrativo. |
DIA | Jimmy Costley | Fiandeiro. |
DIA | John Yates | Tecedor. |
James Ward foi o único xogador que foi elixido para formar parte da selección inglesa mentres xogaba no club.[49] Xogou un só partido, un empate contra Gales o 14 de marzo de 1885 en Leamington Road, Blackburn.[50] Tommy Dewhurst foi elixido para un partido internacional en 1884, mais foi desestimado xa que estivo involucrado nunha pelexa cun xogador rival durante un partido entre o Olympic e o Northwich Victoria.[51] Outros seis xogadores que xogaron no Olympic representaron a Inglaterra, antes ou despois da súa etapa no club. Estes foron Joe Beverley (3 partidos, 0 goles),[52] Edgar Chadwick (7 partidos, 3 goles),[53] Jack Hunter (7 partidos, 0 goles),[54] Jack Southworth (3 partidos, 3 goles),[55] William Townley (2 partidos, 2 goles)[56] e John Yates (1 partido, 3 goles).[57][58]
Adestradores[editar | editar a fonte]
O concepto de preparador futbolístico ou adestrador non existía no século XIX, aínda que algunhas fontes modernas identifican a Jack Hunter como o preparador do equipo.[59][60] A principal responsabilidade de Hunter era adestrar os xogadores, a pesar de que nos últimos anos do club tamén se encargou de buscar e fichar xogadores afeccionados prometedores.[61] O benfeitor do club, Sydney Yates, mantivo o cargo de presidente e o seu irmán Fred serviu como presidente do comité do club. A maior parte da administración foi manexada polo secretario, un posto que foi ocupado por Bill Bramham durante case toda a existencia do club.[62]
Palmarés[editar | editar a fonte]
O club gañou os seguintes trofeos ao longo da súa curta traxectoria:[35]
- Livesey United Cup: 1878
- Blackburn Association Challenge Cup: 1879, 1880
- East Lancashire Charity Cup: 1882
- FA Cup: 1883
A única competición na que o club participou e que nunca puido gañar foi a Lancashire Senior Cup.[35]
Rivalidades[editar | editar a fonte]
A principal rivalidade do Blackburn Olympic era co Blackburn Rovers. O primeiro partido entre ambos equipos disputouse en febreiro de 1879, cunha vitoria por 3-1 a favor do Olympic. Ambos clubs xogaron corenta veces entre si, mais o Olympic só gañou seis destes partidos.[35] A rivalidade volveuse especialmente intensa en setembro de 1884 cando, en medio de acusacións de que os clubs estaban empregando tácticas deshonestas en intentos para roubarse os xogadores estrelas entre si, o secretario dos Rovers envioulle un telegrama ao seu colega, no que establecía que non xogarían partidos contra o Olympic na tempada 1884-85.[63] En decembro, con todo, os clubs foron emparellados mediante sorteo para enfrontarse entre si pola FA Cup e os partidos retomáronse máis tarde esa tempada.[63] O seu último encontro foi un partido en beneficio do Olympic en febreiro de 1889, no que os Rovers gañaron 6-1. Os Rovers aceptaron que o economicamente afundido Olympic quedara con todos os cartos recadados polas entradas, en lugar de compartilo.[35]
Notas[editar | editar a fonte]
- Referencias
- ↑ Davies 2003, pp. 29, 33.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Phythian 2007, p. 7.
- ↑ Mason, Tony (1980). Association football and English society, 1863-1915 (en inglés). Harvester Press. p. 3. ISBN 0-3910-1718-7.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 "Blackburn Olympic". The Encyclopedia of British Football (en inglés). Spartacus Educational. Arquivado dende o orixinal o 02 de marzo de 2009. Consultado o 6 de outubro de 2019.
- ↑ Phythian 2007, p. 9.
- ↑ Phythian 2007, pp. 82–83.
- ↑ Phythian 2007, pp. 21, 23.
- ↑ "FA Cup 1880-81" (en inglés). Football Club History Database. Consultado o 6 de outubro de 2019.
- ↑ "FA Cup 1881-82" (en inglés). Football Club History Database. Consultado o 6 de outubro de 2019.
- ↑ Phythian 2007, pp. 84–85.
- ↑ Phythian 2007, p. 44.
- ↑ Phythian 2007, p. 86.
- ↑ 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 "FA Cup 1882-83" (en inglés). Football Club History Database. Consultado o 6 de outubro de 2019.
- ↑ Soar & Tyler 1983, p. 157.
- ↑ Phythian 2007, p. 43.
- ↑ Soar & Tyler 1983, p. 158.
- ↑ Gibbons, Philip (2001). Association Football in Victorian England - A History of the Game from 1863 to 1900 (en inglés). Upfront Publishing. p. 71. ISBN 1-84426-035-6.
- ↑ Warsop 2004, p. 7.
- ↑ Warsop 2004, p. 38.
- ↑ Warsop 2004, p. 139.
- ↑ Soar & Tyler 1983, p. 20.
- ↑ Davies 2003, p. 36.
- ↑ Phythian 2007, p. 54.
- ↑ Davies 2003, p. 38.
- ↑ Dunning, Eric; Sheard, Kenneth (2005). Barbarians, Gentlemen and Players: A sociological study of the development of rugby football (en inglés). Routledge. p. 159. ISBN 0-7146-8290-X.
- ↑ Phythian 2007, p. 61.
- ↑ "FA Cup 1883-84" (en inglés). Football Club History Database. Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2007. Consultado o 7 de outubro de 2019.
- ↑ "FA Cup 1884-85" (en inglés). Football Club History Database. Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2007. Consultado o 7 de outubro de 2019.
- ↑ Goldblatt, David (2007). The Ball is Round: A Global History of Football (en inglés). Londres: Penguin. pp. 37–47. ISBN 978-0-14-101582-8.
- ↑ Phythian 2007, p. 71.
- ↑ Butler, Byron (1987). The Football League 1988–1988 The Official Illustrated History (en inglés). Anne Press. p. 11. ISBN 0-356-15072-0.
- ↑ James, Gary (2008). Manchester – A Football History (en inglés). James Ward. p. 45. ISBN 978-0-9558127-0-5.
- ↑ Shury, Alan; Landamore, Brian (2002). The Definitive Newton Heath F.C. (en inglés). SoccerData. p. 11. ISBN 1-8994-6816-1.
- ↑ Phythian 2007, p. 79.
- ↑ 35,0 35,1 35,2 35,3 35,4 Phythian 2007, pp. 82–96.
- ↑ "The History of Blackburn Olympic Football Club" (en inglés). Blackburn Olympic Football Club. Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2009. Consultado o 7 de outubro de 2019.
- ↑ 37,0 37,1 Phythian 2007, p. 8.
- ↑ Phythian 2007, p. 36.
- ↑ Phythian 2007, p. 81.
- ↑ Phythian 2007, p. 10.
- ↑ 41,0 41,1 Phythian 2007, p. 15.
- ↑ Davies 2003, p. 85.
- ↑ Phythian 2007, p. 29.
- ↑ Phythian 2007, p. 64.
- ↑ Phythian 2007, p. 18.
- ↑ Phythian 2007, p. 99.
- ↑ Barnes, Stuart (2009). 2009–2010 Nationwide Football Annual (en inglés). Sportsbooks. p. 381. ISBN 1-8998-0781-0.
- ↑ Warsop 2004, p. 53.
- ↑ Phythian 2007, p. 120.
- ↑ "Jim Ward" (en inglés). The Football Association. Consultado o 1 de decembro de 2009.
- ↑ Phythian 2007, p. 59.
- ↑ "Joseph Beverley" (en inglés). The Football Association. Consultado o 1 de decembro de 2009.
- ↑ "Edgar Chadwick" (en inglés). The Football Association. Consultado o 1 de decembro de 2009.
- ↑ "Jack Hunter" (en inglés). The Football Association. Consultado o 1 de decembro de 2009.
- ↑ "Jack Southworth" (en inglés). The Football Association. Consultado o 1 de decembro de 2009.
- ↑ "William Townley" (en inglés). The Football Association. Consultado o 1 de decembro de 2009.
- ↑ "John Yates" (en inglés). The Football Association. Consultado o 1 de decembro de 2009.
- ↑ Joyce, Michael (2004). Football League Players' Records 1888–1939. Soccerdata (en inglés). SoccerData. pp. 25, 51, 246, 262 e 290. ISBN 1-8994-6867-6.
- ↑ Soar & Tyler 1983, p. 158).
- ↑ Taylor, Matthew (2007). The Association Game: a history of British football (en inglés). Pearson Education. p. 44. ISBN 0-5825-0596-8.
- ↑ Phythian 2007, p. 74.
- ↑ Phythian 2007, p. 67.
- ↑ 63,0 63,1 Phythian 2007, pp. 63-66.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Blackburn Olympic Football Club |
![]() |
A Galipedia ten un portal sobre: Fútbol |
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Davies, Hunter (2003). Boots, Balls and Haircuts: An Illustrated History of Football from Then to Now (en inglés). Cassell Illustrated. ISBN 1-8440-3261-2.
- Phythian, Graham (2007). Shooting Stars: The Brief and Glorious History of Blackburn Olympic 1878–1889 (en inglés). SoccerData. ISBN 1-89946-883-8.
- Soar, Phil; Tyler, Martin (1983). Encyclopedia of British Football (en inglés). Willow Books. ISBN 0-0021-8049-9.
- Warsop, Keith (2004). The Early FA Cup Finals and the Southern Amateurs (en inglés). SoccerData. ISBN 1-8994-6878-1.