Beta Centauri

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Hadar A/B
Constelación Centaurus
Ascensión recta α 14h 03min 49,4
Declinación δ -60° 22’ 23’’
Distancia 352 anos luz
Magnitude visual +0,60
Magnitude absoluta -5,42
Luminosidade 11.200 soles
Temperatura 25.000 K
Radio 9 soles
Masa 14,7 / 14,7 soles
Tipo espectral B1III
Velocidade radial +5,9 km/
Outros nomes HD 122451 / HR 5267HIP 68702 / SAO 252582

Hadar ou Agena (Beta Centauri / β Cen)[1] é a segunda estrela máis brillante da constelación de Centaurus e a décima do firmamento. A súa magnitude aparente é +0,60.

Nome[editar | editar a fonte]

O nome de Hadar é de orixe árabe e o seu significado é incerto; para algúns autores significa «chan». O outro nome da estrela, Agena, provén do latín e significa «o xeonllo (do centauro)». O nome de Wazn, do árabe «peso», parece que se utilizou para designar a Alfa e Beta Centauri, así como a estrelas das constelacións de Columba e Canis Major; na actualidade é o nome habitual da estrela δ Canis Majoris.

Características físicas[editar | editar a fonte]

Situada a unha distancia entre 350 e 392 anos luz de distancia, Hadar figura clasificada nos catálogos como unha xigante branco-azulada[1][2] de magnitude absoluta -5,42[3], intrinsecamente moito máis luminosa que Alpha Centauri pero 90 veces máis afastada que esta.

En 1935, Joan Voûte descubriu que Hadar é unha estrela dobre, asignándolle o identificador VOU 31. A estrela máis tenue do par, Hadar B, ten tipo espectral B8 e magnitude 4, estando separada da estrela primaria polo menos 120 unidades astronómicas (ua). O seu período orbital é igual ou superior a 225 anos.[4]

A estrela principal, Hadar A, é, á súa vez unha binaria espectroscópica, sendo ambas as compoñentes case idénticas e de tipo espectral B1 ou B2. Cun período orbital de 357 días, a órbita é moi excéntrica, facendo que a separación entre ambas varíe entre 0,53 e 5,5 ua; a mínima separación tivo lugar en febreiro de 2000.[5] A velocidade de rotación medida —igual ou maior de 140 km/s—, xunto co seu diámetro —9 veces o do Sol—, dan como resultado un período de rotación inferior a 3 días para unha das estrelas polo menos. Á súa vez, unha ou as dúas estrelas son variables do tipo Beta Cephei con dous períodos de 3,2 e 5,3 horas. A proximidade entre as dúas estrelas fai que sexan unha fonte de raios X, debido á existencia de ventos estelares cuxa temperatura alcanza os 2 millóns de K. Cada unha ten unha masa de 14,7 masas solares —aínda que outro estudo sinala masas inferiores de 10,7 e 10,3 masas solares—, e pénsase que en realidade non son xigantes senón estrelas que aínda fusionan hidróxeno en helio, aínda que probablemente quédelles pouco tempo antes de abandonar a secuencia principal. Posteriormente expandiranse en xigantes vermellas e con seguridade a evolución de cada unha delas afectará profundamente á outra.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Beta Centauri (SIMBAD)
  2. Agena Arquivado 02 de novembro de 2015 en Wayback Machine. (The Bright Star Catalogue)
  3. Las 150 estrellas más luminosas en el catálogo Hipparcos
  4. "Hadar (Stars, Jim Kaler)". Arquivado dende o orixinal o 02 de decembro de 2008. Consultado o 28 de febreiro de 2017. 
  5. Davis, J.; Mendez, A.; Seneta, E. B.; Tango, W. J.; Booth, A. J.; O'Byrne, J. W.; Thorvaldson, E. D.; Ausseloos, M.; Aerts, C.; Uytterhoeven, K. "Orbital parameters, masses and distance to β Centauri determined with the Sydney University Stellar Interferometer and high-resolution spectroscopy" (4). pp. 1362-1370. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]