Belas dormentes
![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2016.) |
Belas Dormentes | |
---|---|
Ficha técnica | |
Director | Eloy Lozano |
Produtor | Produtor executivo: Ángel Lozano Produtora: Off Filmes coa participación de TVG, TVE, Via Digital |
Guión | Eloy Lozano |
Baseado en | A casa das belas adormentadas de Yasunari Kawabata |
Intérpretes | Clive Arrindell Teresa Gimpera Jane Bautista Denis Rafter Brendan Price Unax Ugalde Xabier Elorriaga Leticia Dolera Andrea Bronston Kim Manning Mapi Galán May Keatherley Kathia Adam Carolina Ramos Elena Candorcio |
Música | Kikolai Korndof (extractos da Sinfonía V de Valentín Silvestrov) |
Montaxe | Martin Eller |
Distribuidora | Off Films |
Estrea | 9 de novembro de 2001 |
Duración | 122 minutos |
Orixe | ![]() |
Xénero | Drama. Ficción |
Orzamento | €1 171 970[1] |
Belas Dormentes[2] é a versión cinematográfica de A casa das belas adormentadas,[3] novela curta do Premio Nobel de Literatura xaponés Yasunari Kawabata, publicada en 1961. Eloy Lozano levouna ó cine no ano 2000. A rodaxe comezou o 31 de xaneiro e rematou o 28 de marzo dese ano. En maio do 2001 fíxose unha rodaxe adicional. Estreouse o 9 de novembro do 2001.
Sinopse
[editar | editar a fonte]O filme trata sobre as experiencias dun escritor en crise na cidade á que acaba de chegar. Lawrence, escritor e profesor, chega a Santiago de Compostela ós seus 60 anos para dar clases na universidade durante o semestre de inverno. O seu amigo Elías fálalle dunha misteriosa casa secreta onde os vellos da boa sociedade poden durmir con rapazas moi novas e belas que pasan sedadas toda a noite. Lonxe do seu país, bloqueado no libro que pretende escribir e intrigado pola proposta de Elías visita a casa, coñece a Salomé, a madame que a rexenta e tan misteriosa coma ela, e pasa a noite cunha das belas dormentes.
A pesar de que despois desta primeira noite Lawrence se promete non volver, a curiosidade levarao unhas semanas máis tarde de volta á casa onde dorme cunha rapaza diferente á da primeira vez.
Nas noites que se suceden, durmindo sempre con rapazas diferentes, ten soños que alternan con recordos e fantasías e queda prendido da beleza e sensualidade dos corpos sen consciencia das belas dormentes que o acompañan inconscientes. Lawrence descobre que son todas virxes, o que dalgún modo o compele a seguir as regras estritas da casa segundo as cales os clientes non deberían manter relacións sexuais coas mozas.
Frecuentar a casa fai que Lawrence adquira maior conciencia da súa propia crise existencial e da imposibilidade de comunicación coas rapazas. A ausencia do amor, a proximidade da morte, a beleza e a xuventude, e o sentimento de perda que o invade, acaban por volvelo cada vez máis meláncólico e morriñento dun pasado que revisita cada noite pero que el ve perdido para sempre. Nunha combinación caótica de vixilia ó lado de sensuais corpos nus, de fermosos e prácidos soños, e de profundos pesadelos relacionados coas obsesións de cando era novo, Lawrence acaba por identificarse cos demais clientes que na última fase das súas vidas pretenden matar alí as súas penas e a súa soidade. Finalmente, tras saber da morte dunha das belas dormentes que nunca despertan mentres os clientes están con elas, e despois dunha delas morrer aparentemente á súa beira, toma a decisión de drogarse coas mesmas pílulas ca elas e deixarse morrer durmindo na estraña casa das belas adormecidas.
Personaxes
[editar | editar a fonte]- Clive Arrindell como Lawrence, adulto.
- Teresa Gimpera como Salomé.
- Jane Bautista como Susan.
- Denis Rafter como Elías.
- Brendan Price como Martin.
- Unax Ugalde como Lawrence, novo.
- Xabier Elorriaga como Quintana.
- Leticia Dolera como Carol.
Produción
[editar | editar a fonte]A historia narrada por Kawabata na novela conta a historia de Eguchi, un home vello e solitario, que perdeu a muller e que se refuxia nunha misteriosa casa onde paga por durmir con rapazas virxes. Eloy Lozano trae a historia para Galicia na persoa dun respectable profesor visitante, maduro pero non ancián, que non obstante experimenta basicamente as mesmas sensacións de soidade, melancolía, baleiro e inutilidade có ancián xaponés diante da inocente e sedutora tenrura das belas narcotizadas.
Lozano arranxa o guión cunha bolsa de fondos europeos para a realización de guións (European Script Fund). Na produción que acomete coa súa propia produtora Off Films consegue as subvencións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia, a do Instituto de Cinematografía de las Artes Audiovisuales (ICAA) do Ministerio de Cultura de España, e a colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, que, coma a cidade, aparecerá retratada no seu edificio máis antigo, a Facultade de Historia (o claustro, a Biblioteca América), e no máis moderno, a Facultade de Ciencias da Comunicación acabada de construír por Álvaro Siza.
A produción executiva recaeu no seu irmán Ángel Lozano, mentres que a dirección de produción foi desempeñada por Antonio Gonzalo.
Recepción
[editar | editar a fonte]En termos económicos, da recepción pode dicirse que foi un completo fracaso se tomamos como referencia a billeteira. Os datos dispoñibles falan dunha mísera recadación de 6 253 euros.[Cómpre referencia]
En termos críticos, as recensións recibidas polo filme foron de todo tipo, desde as que o eloxiaron na súa plasticidade e poesía (sen dúbida consegue unha especial aura de estrañeza e morosidade poética) ata os máis sospeitosos silencios que probablemente haxa que relacionar coa transgresión que exhibe sen pudor tanto na difícil problemática que aborda (a vellez, o baleiro da existencia, a prostitución, a imposibilidade de comunicación...) como no tratamento propiamente dito dos temas (nudez feminina e masculina, promiscuidade, surrealismo etc.)
O crítico de cine Eduardo Galán Blanco escribiu:
"Seguramente Belas Dormentes é, canda Continental, o filme máis logrado, plasticamente falando, da historia do cinema galego. Mais non só é fermosa, resulta tamén coherente, espartana e zen, na súa relación imaxe-contido. Probablemente debido a esa coherencia, a moitos pareceralles tamén morosa e ata reiterativa; a nós moveunos a un ritmo que consideramos o axeitado para esta historia que xira, moi amodo, ó redor dunha obsesión de vida e morte".[Cómpre referencia]
En similar vea se expresou Xosé Nogueira:
"Sorprendente e mesmo atraente e estimulante para o espectador minimamente avezado [...]. Mérito [...] do Lozano director, que artellou unha posta en escena irrefutablemente coherente –na súa composición, no seu cromatismo, no ritmo das súas secuencias, na sobriedade da súa atmosfera– coa natureza do narrado."[Cómpre referencia]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ [1]
- ↑ AVG. O soportal do audiovisual galego CCG.
- ↑ Con versión en galego de Rinoceronte Editora.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Das Haus der Schlafenden Schönen (2006) de Vadim Glowna. A versión alemá da mesma novela curta de Kawabata.
- Nemureru Bijo (2007) de Akemi Tachibana. A versión xaponesa de baixo presuposto.
- Sleeping Beauty de Julia Leigh (2011). A versión australiana parcialmente baseada na mesma novela xaponesa.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Belas dormentes na IMDb (en inglés).