Batalla de Rande
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Batalla de Rande | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
Parte de guerra de Sucesión española | |||||||
A batalla de Rande, por Ludolf Backhuysen, pintado cara a 1702. | |||||||
| |||||||
Belixerantes | |||||||
España Francia |
Inglaterra Provincias Unidas | ||||||
Líderes | |||||||
Almirante Manuel de Velasco y Tejada Vicealmirante François Louis de Rousselet |
Almirante sir George Rooke Lieutenant-Admiral Philips van Almonde | ||||||
Forzas en combate | |||||||
10 790 homes 1.541 canóns Barcos españois: |
23 599 homes 3.115 canóns Barcos ingleses: | ||||||
Baixas | |||||||
2.000 mortos 2.000 feridos Todos os barcos foron capturados, afundidos ou incendiados |
800 mortos 500 feridos |
A batalla de Rande foi unha importante batalla naval librada no estreito de Rande e na enseada de San Simón, no interior da ría de Vigo, o 23 de outubro de 1702. Enfrontou ás escuadras das coalicións anglo-holandesa e hispano-francesa, dentro do contexto da guerra de Sucesión española.
A batalla
[editar | editar a fonte]A Frota de Indias, composta por 19 buques escoltados por 22 navíos franceses, partira o 11 de xuño desde A Habana cara a Cádiz cun gran cargamento. Á metade de travesía foron informados de que unha poderosa escuadra anglo-holandesa os agardaba no cabo San Vicente, polo que o almirante Manuel de Velasco decide desviarse cara á ría de Vigo, onde entran o 22 de setembro.
O comboi buscou refuxio na enseada de San Simón, e axiña se preparou a defensa ao tempo que se requisaron 1.200 carros do país para transportar as mercadorías cara a Madrid. O paso de Rande foi obstruído por unha barreira de toros, cables e pequenas embarcacións, e foron recrutadas milicias para reforzar os dous pequenos fortes situados aos dous lados do estreito.
O 2 de outubro, mentres os ingleses dirixidos por George Rooke atacaron sen éxito Cádiz, a frota española comeza a desembarcar o seu cargamento en Baiona. O 17 de outubro o capitán Hardy, a bordo do Pembroke, informa a Rooke de que a Frota de Indias se retirara cara ao norte pola costa portuguesa, información recollida polo seu Capelán, e o día 18 convocouse un consello de guerra no buque insignia Royal Sovering no que se decide dirixir a escuadra cara á ría.
O 21 de outubro, o marqués de Châteaurenault, que tiña ao seu cargo a custodia da frota española, decide refuxiarse no fondo da ría, dispoñendo as súas naves para a defensa dos galeóns españois. O día 22 a escuadra anglo-holandesa entra na ría, e fondea pola tarde, baixo o incesante bombardeo do forte de Vigo.
O día 23 o duque de Ormond desembarca en Teis con 2.000 homes, e Churchill fai o mesmo en Domaio co obxectivo de atacar e paralizar o bombardeo dos fortes de Corbeiro e Rande. Silenciados os canóns, comezou o ataque por mar.
A artillaría francesa contivo os primeiros ataques, pero Hopson logrou romper a barreira que impedía o paso do estreito a bordo do Torbay, o buque insignia británico, armado con picos. A frota anglo-holandesa logrou así penetrar no fondo da ría, e ante a falta de espazo para as manobras recorreuse á abordaxe. A loita corpo a corpo combinouse co uso de material incendiario, decidíndose a vitoria pola gran diferenza numérica entre as escuadras.
O marqués de Châteaurenault ordenou incendiar os propios barcos cando estaba todo perdido para evitar que caesen nas mans do inimigo. Mentres, Gaspar Antonio de Zúñiga, o príncipe de Brabanzón, capitán xeneral de Galicia, ordenou poñer a salvo o pouco que quedaba por descargar do quinto real, transportándose ata Lugo e dende alí a Segovia.
Morreron uns 2.000 homes do bando hispano-francés e uns 800 do anglo-holandés. Ademais, os franceses perderon os seus mellores buques de guerra, e os españois quedaron sen barcos para a carreira de Indias.
“ | Mirey os nabios arder, |
” |
— Anselmo Feijoo Montenegro ou Benito Xerónimo Feijoo, Llantos dela Ninfa Zigalia (1702).[1] |
Se ben a batalla foi axiña silenciada en España (en parte polo éxito no balance total da guerra de Sucesión, coa consolidación dos Borbóns no trono), a vitoria de Inglaterra e Holanda acadou enorme difusión en toda Europa. En Londres existe a Vigo Street, en conmemoración da batalla, e Jules Verne falou dos tesouros de Rande na novela Vinte mil leguas baixo dos mares.
Tesouro de Rande
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Tesouro de Rande.
Tense especulado sobre as riquezas que levaban os barcos afundidos, sendo moitas as expedicións que o buscaron. Seguramente a parte máis valiosa do cargamento fora xa transportada a Castela durante o tempo que estivo a frota na ría, pero non se pode descartar que unha parte importante permanecese aínda nas adegas das naves.
A frota vencedora levou un botín de catro millóns de pesos, amais de sete buques de guerra e seis galeóns capturados.
Pegada na numismática galega
O que si que se coñece é que parte do metal requisado foi trasladado ás Illas Británicas e destinouse á emisión de moedas pola casa da moeda de Londres (daquela dirixida por Isaac Newton), de prata con valores de 1 penique, 6 peniques, 1 xilin, media coroa e unha coroa, e de ouro con valores de media guinea, unha guinea e cinco guineas.[2]
Co gallo de conmemorar esa importante vitoria, nos anversos destas moedas amósase, baixo o busto da raíña Ana, a inscrición "VIGO".
Ademais destas moedas, batéronse tamén medallas en ouro, prata e bronce, conmemorativas do suceso. En todos os casos amosan, entre outros motivos, imaxes da ría e do porto de Vigo, e da destrución da frota defensora hispano-francesa.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Museo de Pontevedra (via Corpus dixital de textos galegos da Idade Moderna Instituto da Lingua Galega, Universidade de Santiago de Compostela).
- ↑ “Dos monedas de ´Vigo´, adjudicadas por más de un millón de euros en Londres”. En Faro de Vigo. 16 de xaneiro de 2019.
- ↑ "Emisións da Raíña Ana de Inglaterra". En Pita Fernández, Ricardo Luís (1999). Numismática galega. A moeda en Galicia e Galicia na moeda. Santiago de Compostela. ISBN 84-605-9958-2. pp. 173-176.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Batalla de Rande |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Rande, Estreito de". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Abelleira Méndez, Sagrario (coordinadora) (2002). Rande 1702, arde o mar. Vigo: Museo do Mar de Galicia. ISBN 978-84-87887-57-0.
- Pereiro Alonso, Román (2002). A batalla de Rande. Mapas e gravados (1699-1715). Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 978-84-8288-588-9.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- «A Batalla de Rande 1702-2002» Sociedade Galega de Historia Marítima.