Bartonella bacilliformis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Bartonella bacilliformis é unha especie de proteobacteria, gramnegativa, aeróbica, pleomórfica, flaxelada, móbil, cocobacilar, de 2 a 3 μm de longo e 0,2–0,5 μm de largo, que é parasítica intracelular obrigada. Causa doenzas en humanos transmitidas por insectos.

Historia[editar | editar a fonte]

Esta bacteria foi descuberta polo microbiólogo peruano Alberto Barton en 1905, pero o descubrimento non se publicou ata 1909. Barton identificouna orixinariamente como estruturas endoglobulares, que en realidade estaban formadas pola bacteria vivindo dentro de eritrocitos. Creouse para ela o xénero Bartonella, pero ata 1993, este xénero contiña só esta especie. Agora o xénero contén polo menos 23 especies (algunhas reclasificadas doutros xéneros), e o xénero está incluído na familia Bartonellaceae.[1]

Epidemioloxía[editar | editar a fonte]

Bartonella bacilliformis encóntrase no Perú, Ecuador e Colombia.[2] É endémica dalgunhas áreas do Perú, pero ocorren gromos da enfermidade en novas áreas epidémicas.[3] A bacteria é transmitida por moscas flebotomo do xénero Lutzomyia.

Microbioloxía[editar | editar a fonte]

Para o illamento cómpren cultivos especiais que conteñan ágar soia complementario, proteases, peptonas, algúns aminoácidos especiais e sangue. As colonias crecen en agar sangue Columbia suplementado cun 10% de sangue desfibrinado bovino incubado a 19–25 °C durante dúas semanas.

Fisiopatoloxía[editar | editar a fonte]

As bacterias son inoculadas nos capilares sanguíneos cando pican os flebotomos. Unha vez no sangue despois dun período variable de tempo (duns 21 días) invaden os glóbulos vermellos do sangue producindo unha anemia hemolítica intravascular grave (fase aguda da enfermidade de Carrion).[4] Esta fase é potencialmente unha infección que pode ser mortal e está asociada con febre alta, anemia, e inmunosupresión transitoria. A fase aguda tipicamente dura de dúas a catro semanas. Os frotis de sangue periférico mostran anisomacrocitose con moitos cocobacilos adheridos aos glóbulos vermellos. A trombocitopenia tamén se pode dar e pode ser grave. Obsérvase ás veces afectación neurolóxica (neurobartonelose) e o prognóstico nesta fase é malo. As complicacións máis perigosas son superinfeccións, principalmente por enterobacterias como Salmonella, ou parasitos como Toxoplasma gondii e Pneumocystis. Cando a bacteria invade as células endoteliais, produce a manifestación crónica da doenza chamada verruga peruana. Esta fase consiste nunha erupción benigna da pel con nódulos elevados de cor vermella púrpura (tumores anxiomatosos). A visualización da bacteria é posible utilizando un tipo de tinguidura de prata (o método Warthin–Starry) en biopsias.

Enfermidade[editar | editar a fonte]

Bartonella bacilliformis é o axente etiolóxico causante da enfermidade de Carrion ou a febre de Oroya (fase aguda da infección) e verruga peruana (fase crónica da infección). A fase aguda da enfermidade pode ser mortal e caracterízase por unha invasión masiva da bartonela dos glóbulos vermellos, causando unha forte hemólise e febre. Se a infección non se trata a taxa de mortalidade é do 40 ao 85%[5] Os pacientes nesta fase da infección poden sufrir complicacións por culpa de fortes infeccións por enterobacterias (Salmonella spp) e parasitos (Toxoplasma gondii, Pneumocystis jirovecii). A fase crónica está caracterizada por lesións cutáneas eruptivas benignas que proen e sangran, e outros síntomas como malestar xeral e dor osteoarticular.[2] Poden illarse as bartonelas de cultivos de sangue e secrecións das lesións en persoas de áreas endémicas.[6]

Tratamento[editar | editar a fonte]

Antes da era dos antibióticos, o único tratamento para a fase aguda eran as transfusións de sangue, pero a efectividade deste tratamento era escasa e a taxa de mortalidade era alta.[7] Despois aplicáronse con éxito os antibióticos, como a penicilina, cloranfenicol, tetraciclinas, e eritromicina. Con todo, hoxe prefírense as quinolonas polo risco de que aparezan infeccións abafadoras por enterobacterias. Informáronse de fallos da terapéutica e persistente bacteremia co uso de cloranfenicol, e o tratamento con éxito con este fármaco non parece eliminar o risco de que o paciente desenvolva a fase eruptiva, polo que o fármaco de elección é a ciprofloxacina.

Na fase crónica, o tratamento usado trradicionalmente era a estreptomicina durante 10 días. Desde 1975, a rifampina converteuse no fármaco de elección contra a verruga peruana. Porén, tamén se informou de casos de fallos do tratamento con rifampina e de desenvolvemento de resistencias. Recentemente utilizáronse macrólidos con similar efectividade.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Zeaiter Z, Liang Z, Raoult D (2002). "Genetic classification and differentiation of Bartonella species based on comparison of partial ftsZ gene sequences". J. Clin. Microbiol. 40 (10): 3641–7. PMC 130884. PMID 12354859. doi:10.1128/JCM.40.10.3641-3647.2002. 
  2. 2,0 2,1 Maguiña C, Garcia PJ, Gotuzzo E, Cordero L, Spach DH (September 2001). "Bartonellosis (Carrión's disease) in the modern era". Clin. Infect. Dis. 33 (6): 772–9. PMID 11512081. doi:10.1086/322614. 
  3. Maco V, Maguiña C, Tirado A, Maco V, Vidal JE (2004). "Carrion's disease (Bartonellosis bacilliformis) confirmed by histopathology in the High Forest of Peru". Rev. Inst. Med. Trop. Sao Paulo 46 (3): 171–4. PMID 15286824. doi:10.1590/S0036-46652004000300010. 
  4. Maguiña C. Bartonellosis o enfermedad de Carrion. Nuevos aspectos de una vieja enfermedad. AFA edit. Lima-Peru
  5. Maguiña C, Gotuzzo E (March 2000). "Bartonellosis. New and old". Infect. Dis. Clin. North Am. 14 (1): 1–22, vii. PMID 10738670. doi:10.1016/S0891-5520(05)70215-4. 
  6. Chamberlin J, Laughlin LW, Romero S; et al. (October 2002). "Epidemiology of endemic Bartonella bacilliformis: a prospective cohort study in a Peruvian mountain valley community". J. Infect. Dis. 186 (7): 983–90. PMID 12232839. doi:10.1086/344054. 
  7. Schultz MG (July 1968). "A history of bartonellosis (Carrión's disease)". Am. J. Trop. Med. Hyg. 17 (4): 503–15. PMID 4876803. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]