Phlebotominae

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Phlebotominae é unha subfamilia de dípteros pertencente á familia Psychodidae. Inclúe moitos xéneros de moscas que se alimentan de sangue (hematófagas), algunhas das cales son vectores primarios de enfermidades como a leishmaníase, bartonelose e febre pappataci. No Novo Mundo a leishmaníase é transmitida polas moscas do xénero Lutzomyia, que xeralmente viven en covas, onde os seus principais hóspedes son os morcegos. No Vello Mundo as moscas desta subfamilia que transmiten a leishmaníase son as do xénero Phlebotomus (flebótomos).

As femias dos Phlebotomine (nunca os machos) son as que zugan o sangue de diversos mamíferos, aves e réptiles. Algunhas especies son selectivas, mentres que outras pican a calquera hóspede axeitado que encontren. Algunhas especies poden producir unha posta de ovos antes da súa primeira comida de sangue; ditas femias dise que practican unha reprodución autóxena ou parcialmente autóxena. Outras especies necesitan comer sangue primeiro antes de poder poñer ovos, e dise que practican a reprodución anautóxena. Polo que se sabe actualmente todas as especies necesitan alimentarse de sangue por cada posta de ovos que fan. As proteínas e outros nutrientes do sangue do que se alimentan permiten que a femia produza as proteínas e graxas necesarias para producir ovos despois de esgotar os alimentos almacenados no seu corpo.[1] Unha soa alimentación de sangue permite a produción duns 100 ovos. As femias depositan os ovos no solo húmido rico en materia orgánica. Para alimentarse feren a pel do seu hóspede usando as súas pezas bucais para facer que o hóspede empece a sangrar; despois empezan a zugar o sangue, e mentres o fan inxectan compostos químicos que evitan a coagulación do sangue, e outros que estimulan que os mastocitos do hóspede produzan histamina; isto distende os capilares sanguíneos, o que tamén favorece o fluxo de sangue.

As moscas desta familia son pequenas; cun tamaño corporal duns 3 mm de lonxitude na maioría das especies, o que lles axuda a pasaren desapercibidas. A súa picadura non sempre se sente, pero deixa unha pequena marca redonda na pel, que forma un vulto colorado que empeza a proer horas ou días despois. Recoméndase usar un repelente de insectos nas áreas nas que están presentes estas moscas.

Distribución[editar | editar a fonte]

As Phlebotomine viven entre as latitudes de 50°N e 40°S pero están ausentes de Nova Zelandia e as illas do Pacífico.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Braverman, Y. Nematocera (Ceratopogonidae, Psychodidae, Simuliidae and Culicidae) and control methods Rev. sci. tech. Off. int. Epiz., 1994,13(4), 1175-1199
  2. Killick-Kendrick R. (1999). "The biology and control of Phlebotomine sand flies". Clinics in Dermatology 17 (3): 279–89. PMID 10384867. doi:10.1016/S0738-081X(99)00046-2. Arquivado dende o orixinal o 21 de novembro de 2010. Consultado o 18 de xullo de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]