Bartolomé de Raxoi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bartolomé de Raxoi
Arcebispo da Igrexa Católica Latina
Biografía
Nacemento 24 de agosto de 1690 en Pontedeume
Pasamento 17 de xullo de 1772 (81 anos) en Santiago de Compostela
Ordes
Consagración episcopal 12 de setembro de 1751
Arcebispo metropolitano de Santiago de Compostela

Bartolomé de Raxoi e Losada, nado en Pontedeume o 24 de agosto de 1690 e finado en Santiago de Compostela o 17 de xullo de 1772, foi arcebispo de Santiago entre 1751 e 1772.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou gramática na súa vila natal, de onde pasou a Santiago de Compostela, ingresando no Colexio de San Xerome, obtendo o grao de bacharelato en leis. Logo de pasar á Coruña, graduouse como avogado. Posteriormente abrazou o estado eclesiástico, exercendo no cabido de Ourense e, logo, no de Lugo. En 1730 gañou a Penitenciaría de Santiago. Enviado a Madrid polo cabido compostelán, foi nomeado Comisario Xeral da Cruzada. O 30 de maio de 1751 foi designado polo rei Fernando VI de España Arcebispo de Santiago, posto que exerceu ata o seu falecemento.

Raxoi comitente[editar | editar a fonte]

En Compostela[editar | editar a fonte]

Ao longo do seu goberno ordenou unha serie de obras que contribuíron a mudar en boa parte a paisaxe urbana de Santiago. Entre elas cómpre salientar:

  • A nova fachada da Acibechería, no lado norte da Catedral, aprobada en 1757.
  • O novo Pazo de Raxoi (1766), que se destinaría no proxecto, en parte como seminario. Na actualidade é a sede do concello.
  • A capela da Comuñón, tamén na catedral (presentación do Cabido en 1769).
  • A ampliación do Pazo Episcopal coa construción de dous saíntes cara ao leste.
  • O hospital de Carretas con 50 camas.
  • Unha casa para mulleres arrepentidas, ao carón do hospital mencionado.
  • Un Hospicio, hoxe desaparecido, para o cal obtén de El Rei a cesión duns terreos na beira do río Sarela.

En Pontedeume[editar | editar a fonte]

Pazo de Raxoi de Pontedeume

Non esqueceu Raxoi á súa terra natal. As obras que impulsou en Pontedeume foron:

  • A nova igrexa parroquial de Pontedeume, rematada en 1763, obra do mestre arquitecto Alberte Ricoi.
  • A ampliación do Convento de Santo Agostiño, coa obriga de celebrar tres misas cantadas ao ano os días de Santo Agostiño, San Nicolao de Tolentino e Santo Tomás de Vilanova.
  • Os almacéns ou lonxas de pescadores no peirao antigo.
  • O seu propio pazo na que hoxe é a Rua Real. A fachada está rematada por un escudo nobiliario.
  • A fundación de dúas escolas para nenos e nenas.
  • A construción da igrexa de San Martiño de Porto, no actual concello de Cabanas.
  • A capela de Covés, hoxe desaparecida.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]