Bankim Chandra Chattopadhyay

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Bankim Chandra Chattopadhyay
Bankimchandra Chattapadhay.jpg
Nacemento 26 de xuño de 1838
  Naihati
Falecemento 8 de abril de 1894
  Calcuta
Nacionalidade Raj Británico
Relixión Hinduísmo
Educado en Universidade de Calcutá, Presidency University e Hooghly Mohsin College
Ocupación escritor e novelista
Irmáns Sanjib Chandra Chattopadhyay
Coñecido/a por Anandamath, Rajmohan's Wife, Kapalkundala, Durgeshnandini, Bishabriksha, Chandra Shekhar, Devi Chaudhurani, Krishna Kanta's Will e Rai Dinabandhu Mitra Bahadurer Jibani
editar datos en Wikidata ]

Bankim Chandra Chattopadhyay ou Bankim Chandra Chatterjee[1], nado en Kanthalpara o 27 de xuño de 1838 e finado en Calcuta o 8 de abril de 1894, foi un escritor bengalí, autor da letra da canción patriótica india Vande Mataram, trece novelas e varias outras obras en bengalí.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu no seo dunha familia brahmana ortodoxa, nunha aldea preto de Naihati. O seu pai era un funcionario do goberno e dos seus irmáns, Sanjib Chandra Chattopadhyay foi tamén novelista. Educouse no Hooghly Mohsin College fundado polo filántropo bengali Muhammad Mohsin e despois no Presidency College de Calcuta e foi un dos primeiros graduados na Universidade de Calcuta. De 1858 ata a súa xubilación en 1891 traballou como funcionario para o goberno da India Británica.

Chattopadhyay está considerado unha figura clave no renacemento literario bengalí así como no subcontinente Indio. Algúns dos seus escritos, dende novelas, ensaios e comentarios arredáronse dos tradicionais escritos indios, orientados cara ao verso e constituíron unha inspiración para autores de toda a India.

Actividade literaria[editar | editar a fonte]

Comezou a súa actividade literaria como poeta publicando versos no semanario de Ishwar Chandra Gupta, Sangbad Prabhakar pero axiña virou cara á prosa. O seu primeiro intento foi unha novela curta en bengalí que presentou a un premio literario e que nunca se publicou mentres a primeira obra que tirou do prelo foi a novela, Rajmohan's Wife, considerada a primeira novela india en inglés [2], con escaso valor literario e nulo impacto na súa época [3] . Volveu ao bengalí con Durgeshnondini (1865) que foi a primeira novela de certo relevo publicada en bengalí [4]. Non obstante, a que se considera a súa primeira obra importante foi Kapalkundala (1866), a protagonista da novela, que leva o mesmo nome que a esmoleira do Malatimadhava de Bhavabhuti ten como modelos a Shakuntala de Kālidāsa e a Miranda de Shakespeare, é unha rapaza dun remoto bosque que só coñece a vida con seu pai e ao casar con mozo Nabakumar vai á cidade pero non consegue adaptarse á súa nova vida. A novela permanece como unha das máis populares do autor [4].

A súa seguinte novela, Mrinalini (1869), marca o seu primeiro intento de definir a súa historia nun contexto histórico máis amplo. En abril de 1872 comezou a publicar unha revista literaria mensual co título de Bangadarshan, o primeiro número escribiuno case enteriamente el mesmo. Nesa revista publicou serializada a novela Vishabriksha (1873)

Chandrasekhar (1877) foi a seguinte novela importante, contén dous argumentos que transcorren en paralelo sen estar relacionados. Rajani (1877) presenta unha trama autobiográfica, cunha nena cega como protagonista principal. En Krishnakanter Vai (1878) realizou unha trama complexa que constitúe unha brillante representación da India contemporánea, o seu estilo de vida e a corrupción. Rajsimha (1881, reescrita e ampliada 1893) é unha novela histórica mentres Anandamath (1882) é unha novela política que retrata a época da rebelión sannyasi contra os británicos, e constitúe un chamamento á irmandade nacionalista hinduísta. Neste texto é onde aparece o poema Vande Mataram (no que mestura palabras en sánscrito con outras en bengalí) e que con música de Rabindranath Tagore pasou a ser a canción dos nacionalistas indios, e máis tarde converteuse na canción nacional da India, Aínda así na novela o autor aceptou que non se podería derrotar os británcos, intuíndo no seu argumento que o verdadeiro inimigo eran os musulmáns que non tiñan lugar na rexeneración de Bengala [5].

En 1884 publicou Devi Chaudhurani e en 1886 a súa última novela, Sitaram que conta a historia dun señor local hinduísta dividido entre o amaor á súa dona e á muller que desexa pero que non pode ter e que toma unha serie de decisión erróneas, arrogantes e autodestrutivas e finalmente debe enfrontarse consigo mesmo e motivar os poucos soldados que lle son leais para defenderse dun exército do nabab musulmán.

Tamén son moi coñecidos os seus contos humorísticos que publicou no volume Kamalakanter Daptar (1875; ampliada como Kamalakanta, 1885) e os seus comentarios ao Bhagavad Gita que se publicaron oito anos despois da súa morte e chega ata o verso 19 do capítulo 4. Nestra obra afirmou que tan só un hinduísmo reformado, rexenerado e purificado podía levar ao progreso da India.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Bankim Chandra Chatterjee". Encyclopædia Britannica. Consultado o 2 de setembro de 2017. 
  2. Gajendra Kumar (2002) Indian English Novel: Text and Context Sarup & Sons, p.22
  3. Meenakshi Mukherjee, "In Search of Critical Strategies," in M. Butchered (1983) The Eye of the Beholder London Commonwealth Institute, p. 49
  4. 4,0 4,1 Bandyopadhyay, Asit Kumar (2007) [1998]. Bangla Sahityer Itibritta'. VIII (3ª ed.). Kolkata: Modern Book Agency Pvt Ltd. pp. 493–502
  5. Peter Ward Fay (1995) The Forgotten Army: India's Armed Struggle for Independence, 1942-1945 University of Michigan Press, p. 230