Bhagavad Gita
Bhagavad Gita | |
---|---|
Título orixinal | Bhagavadgíta, Shrimad Bhagavad Gita e भगवद्गीता |
Autor/a | Vyasa |
Lingua | Lingua sánscrita |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Bhagavad Gita (sánscrito: भगवद्गीता, Bhagavad-gītā; lit. "O canto do deus"), comunmente coñecida só como Gita, é un relato de 700 versos do libro sexto do Mahabharata, parte destacada da epopea sagrada hindú. Compúxose entre os séculos VI e II a. C. Malia que o hinduísmo inclúe multitude de seitas, a Gita é considerada un importante texto sagrado por todas elas. Como tal, trátase dunha obra que encarna a totalidade do pensamento hindú.
A obra desenvólvese no marco dun diálogo entre o príncipe dos Pandavas, Arjuna, e o seu auriga Krishna, un dos avatares de Vishnu. Ao comezo da guerra de Kurukshetra entre os Pandavas e os Kauravas, Arjuna, desesperado pola violencia e a morte que a batalla inflixirá nos seus semellantes, atópase sumido nun dilema. Considerando renunciar á guerra, Arjuna consulta a Krishna, sendo o resto do libro o seu discurso en resposta. Krishna aconséllalle cumprir coa súa obriga como guerreiro (kshatriya) en defensa do dharma. Este diálogo entre Arjuna e Krishna aborda unha gran variedade de temas espirituais, dilemas morais e problemas filosóficos que van para alén da inmediata guerra. O contexto bélico é considerado unha alegoría das loitas e veleidades da vida humana.
A Gita recolle as concepcións do divino presentes nas Upanishads, aceptando a existencia dun eu individual (atman) e dun eu supremo (brahman) en cada ser. O diálogo entre o príncipe e Krishna foi interpretado como unha metáfora da eterna conversa entre o ser humano e os deuses. Os comentadores do Vedanta interpretaron as nocións da Bhagavad Gita sobre a relación entre o atman e o brahman de distintas maneiras: o Advaita Vedanta afirma a non dualidade de ambos, namentres o Dvaita Vedanta defende a súa dualidade.
Segundo a mitoloxía hindú, a Gita foi escrita por Ganesha, en base ao relato do sabio Vyasa (sánscrito: व्यास, Vyāsa; lit. "compilador" ou "editor"). A Gita constitúe os capítulos do 23 ao 40 do libro VI do Mahabharata, chamado Bhishma Parva, o texto central para a tradición vishnuísta e o prasthanatrayi. Como tal, recolle as crenzas basilares do hinduísmo, como a diferenza entre o corpo transitorio e o eu eterno, a transmigración da alma, a actualidade dos gunas, a necesidade de cumprir co propio deber, e a importancia do desapego. O texto analiza as vías do Jñāna, do Bhakti, do Karma e do Rāja para lograr a liberación do espírito (mokṣa), ao tempo que defende o camiño do Bhakti (devoción) como o máis sinxelo e principal.
Título
[editar | editar a fonte]A palabra "gita" significa "canción" ou "canto". Pola contra, o termo "bhagavad" ten sido interpretado de moitas maneiras polos expertos e líderes relixiosos. En consecuencia, o título foi traducido como A canción do deus, A palabra do deus (polas escolas teístas),[1] As palabras do señor,[2] A canción divina[3] ou O canto celestial,[4] entre outros.
Na India, o seu nome en sánscrito adoita escribirse como Shrimad Bhagavad Gita ou Shrimad Bhagavadgita. O prefixo shrimad úsase para indicar un elevado grao de respecto. Outros títulos son Iswara Gita, Ananta Gita, Hari Gita ou Vyasa Gita.[5] Non debe confundirse co Bhagavata Purana, un dos dezaoito puranas principais, que versa sobre a vida do deus Krishna e outros avatares de Vishnu.[6]
Datación
[editar | editar a fonte]As hipóteses sobre o momento de elaboración da Gita son diversas. O texto adoita datarse na segunda metade do primeiro milenio a.C.[7] Algúns expertos consideran razoable o período entre o século V a. C. e o século II a.C.. Segundo Jeaneane Fowler, o século II a.C. é a data máis probable de composición,[8] afirmación coa que concorda Arvind Sharma.[9] J. A. B. van Buitenen acouta este rango con máis precisión, establecendo a data cara ao 200 a.C.[10]
Porén, outros especialistas sitúan a composición da obra nunha data anterior. Segundo Kashi Nath Upadhyaya, a Gita foi sempre parte do Mahabharata polo que abonda con establecer a data de composición deste último.[11] Tendo en conta que o budista Asvagosha (c. 100 d.C.) cita literalmente o texto, o terminus ante quem da Gita é o comezo do século I d.C.[11] Outras citas nos Brahma sutras e outros textos permítenlle concluír que a Gita foi creada no século V ou IV a.C.[12] Segundo Arthur Basham, o contexto da Bhagavad Gita suxire que na súa época a ética da guerra estaba a ser posta en dúbida, e a renuncia monástica era unha opción de vida común.[13] Xa que logo, trátase dun momento posterior ao ascenso do budismo e o xainismo no século V a.C., en particular tras o goberno de Ashoka (século III a.C). [13] Polo tanto, a primeira versión da Gita foi composta durante ou despois deste século.[13]
Traducións
[editar | editar a fonte]En galego
[editar | editar a fonte]- Bhagavad Gita (2019). Tradución directa de Iván Sende. Rinoceronte Editora.[14]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Isherwood & Prabhavananda 2002.
- ↑ Arnold 1885.
- ↑ Cornille 2006.
- ↑ Mookherjee 2002, p. 18.
- ↑ Sharma 1986, p. ix.
- ↑ Dalal 2010, p. 409-411.
- ↑ Doniger 2024.
- ↑ Fowler 2012, p. xxiv.
- ↑ Sharma 1986, p. 3.
- ↑ van Buitenen 2013, p. 6.
- ↑ 11,0 11,1 Upadhyaya 1998, p. 16-18.
- ↑ Upadhyaya 1998, p. 17-19.
- ↑ 13,0 13,1 13,2 Basham 1991, p. 95-96.
- ↑ AELG (2019-03-06). "Compostela: presentación de Bhagavad Gita, traducido por Iván Sende - Axenda cultural AELG". axendacultural.aelg.gal. Consultado o 2024-07-01.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Arnold, Edwin (1885). Bhagavadgita (en inglés).
- Basham, Arthur Llewellyn (1991). The Origins and Development of Classical Hinduism (en inglés). Oxford University Press. ISBN 978-90-429-1769-9.
- Cornille, Catherine (2006). Song Divine: Christian Commentaries on the Bhagavad Gītā (en inglés). Peeters Publishers. ISBN 978-0-19-507349-2.
- Dalal, Roshen (2010). Hinduism: An Alphabetical Guide (en inglés). Penguin Books. ISBN 9780143414216.
- Doniger, Wendy (2024). "Bhagavadgita". Encyclopedia Britannica (en inglés).
- Fowler, Jeaneane D. (2012). The Bhagavad Gita: A Text and Commentary for Students (en inglés). Sussex Academy Press. ISBN 978-1-84519-520-5.
- Isherwood, Christopher; Prabhavananda, Swami (2002). Bhagavad-Gita: The words of God (en inglés). Signet Classic. ISBN 978-0-451-52844-5.
- Mookherjee, Braja Dulal (2002). The Essence of Bhagavad Gita (en inglés). Academic Publishers. ISBN 978-81-87504-40-5.
- Sharma, Arvind (1986). The Hindu Gītā: Ancient and Classical Interpretations of the Bhagavadgītā (en inglés). Open Court. ISBN 978-0-8126-9013-2.
- Upadhyaya, Kashi Nath (1998). Early Buddhism and the Bhagavadgītā (en inglés). Motilal Banardisass. ISBN 978-81-208-0880-5.
- van Buitenen, J. A. B. (2013). The Bhagavadgītā in the Mahabharata (en inglés). University of Chicago Press. ISBN 978-0-226-21902-8.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Texto completo en francés (Gallica)
- Texto completo en inglés (Proxecto Gutenberg)
- Texto completo en sánscrito (Wikisource)
Este artigo sobre literatura é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |