Bacteroides fragilis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Bacteroides fragilis é unha especie de bacterias gramnegativas con forma de bacilo, anaerobias obrigadas (ou nanoaerobias[1]) que viven no tracto intestinal.[2]

A especie B. fragilis pertence a un grupo de especies similares chamado "grupo B. fragilis". As bacterias do "grupo B. fragilis" son as Bacteroidaceae que se illan máis comunmente en infeccións anaerobias, especialmente nas que se orixinan por microorganismos da flora gastrointestinal. B. fragilis é o organismo máis común do "grupo B. fragilis", xa que supón entre o 41% e o 78% dos illados do grupo. Os organismos do "grupo B. fragilis" son resistentes á penicilina porque producen beta-lactamase, e por outros factores descoñecidos.[3]

Antes o primitivo taxon B. fragilis era máis amplo e era subdividido en subespecies, que eran: ssp. fragilis, ssp. distasonis, ss. ovatus, ss. thetaiotaomicron, e ss. vulgatus, pero agora todas esas subespecies foron reclasificadas formando especies separadas baseándose en estudos da homoloxía do seu ADN. Este conxunto de especies forman o "grupo B. fragilis".[4] Actualmente, a especie chamada B. fragilis corresponde á antiga subespecie B. fragilis ssp. fragilis, que se illa con frecuencia do sangue, fluído pleural, fluído peritoneal, feridas e abscesos cerebrais.

Aínda que as especies do "grupo B. fragilis" son as que se atopan máis comunmente en mostras clínicas, son as menos comúns das especies do xénero Bacteroides presentes na flora fecal, onde só supoñen o 0,5% das bacterias presentes nas feces. A patoxenicidade deste grupo de organismos probablemente se orixine pola súa capacidade de producir material capsular, que as protexe da fagocitose.[5]

Importancia clínica[editar | editar a fonte]

B. fragilis está implicada no 90% das infeccións anaeróbicas peritoneais.[6]

Actúa principalmente na superficie da mucosa intestinal.[7] Predomina na bacteremia[8] asociada con infeccións intraabdominais, peritonite e abscesos que seguen á rotura do vísceras, e abscesos subcutáneos ou queimaduras preto do ano.[9]

En investigacións con ratos e cultivos de laboratorio descubriuse unha cepa de B. fragilis que causa inflamación do colon e un incremento da actividade do xene do encima superóxido dismutase no intestino. O efecto é que o intestino queda exposto ao peróxido de hidróxeno, que causa danos no ADN e contribúe á formación de tumores de colon.[10]

Tratamento[editar | editar a fonte]

En xeral, B. fragilis é susceptible ao metronidazol, carbapenem, tigeciclina, a combinación β-lactam/inhibidor da beta-lactamase (por exemplo, Unasyn, Zosyn), e a certos antimicrobianos da clase das cefamicinas, como a cefoxitina. A bacteria ten un alto nivel de resistencia á penicilina inherente. A produción de beta lactamase parece ser o principal mecanismo de resistencia a antibióticos en B. fragilis.[11] A clindamicina xa non se recomenda como axente de primeira liña contra B. fragilis debido á crecente resistencia de alto nivel observada (>30% nalgúns informes).[12][13]

Outros usos[editar | editar a fonte]

Os bacteriófagos que infectan a B. fragilis utilízanse comunmente como trazadores do material fecal humano.[14]

O polisacárido A (PSA) desta bacteria parece estar implicado na protección da colite experimental inducida por Helicobacter hepaticus.[15] Outras investigacións sobre o PSA de B. fragilis atoparon que este composto intermedia en varios marcadores do sistema inmunitario saudable dos mamíferos, como son: os niveis de linfocitos T CD4, o balance das citocinas dos linfocitos T colaboradores, a presenza de estruturas foliculares ben definidas no páncreas, e na resposta intestinal inflamatoria aos patóxenos.[15][16][17] Tamén se usa para separar os grupos de carbohidratos que clasifican o grupo sanguíneo das células vermellas do sangue. O encima GalNAC-ase cliva o antíxeno dos glóbulos vermellos de tipo A converténdoos en células de tipo 0, o que permite producir unidades para transfusión de sangue de tipo universal.[18]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Morris, Rachel L.; Schmidt, Thomas M. (2013). "Shallow breathing: Bacterial life at low O2". Nature Reviews Microbiology 11 (3): 205–212. PMC 3969821. doi:10.1038/nrmicro2970. 
  2. "Hopkins ABX Guide" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 03 de agosto de 2012. Consultado o 01 de decembro de 2013. 
  3. Snydman DR, Jacobus NV, McDermott LA; et al. (2010). "Lessons learned from the anaerobe survey: historical perspective and review of the most recent data (2005–2007)". Clin. Infect. Dis. 50 (Suppl 1): S26–33. PMID 20067390. doi:10.1086/647940. 
  4. Baron EJ, Allen SD (1993). "Should clinical laboratories adopt new taxonomic changes? If so, when?". Clin. Infect. Dis. 16 (Suppl 4): S449–50. PMID 8324167. (require subscrición (?)). 
  5. Wexler HM (2007). "Bacteroides: the good, the bad, and the nitty-gritty". Clin. Microbiol. Rev. 20 (4): 593–621. PMC 2176045. PMID 17934076. doi:10.1128/CMR.00008-07. 
  6. EMedicine 233339 Bacteroides infections
  7. Kuwahara T, Yamashita A, Hirakawa H; et al. (2004). "Genomic analysis of Bacteroides fragilis reveals extensive DNA inversions regulating cell surface adaptation". Proc. Natl. Acad. Sci. U.S.A. 101 (41): 14919–24. PMC 522005. PMID 15466707. doi:10.1073/pnas.0404172101. 
  8. Brook I (2010). "The role of anaerobic bacteria in bacteremia". Anaerobe 16 (3): 183–9. PMID 20025984. doi:10.1016/j.anaerobe.2009.12.001. 
  9. Brook I (2008). "Microbiology and management of abdominal infections". Dig. Dis. Sci. 53 (10): 2585–91. PMID 18288616. doi:10.1007/s10620-007-0194-6. 
  10. Common bacteria cause some colon tumors by altering peroxide-producing gene
  11. Ayala, J.; Quesada, A.; Vadillo, S.; Criado, J.n.; Píriz, S. (2005). "Penicillin-binding proteins of Bacteroides fragilis and their role in the resistance to imipenem of clinical isolates"". Journal of Medical Microbiology 54 (11): 1055. doi:10.1099/jmm.0.45930-0. 
  12. Mandell GL, Bennett JE, Dolin R (2004). Principles and Practice of Infectious Diseases (6th ed.). Churchill Livingstone. ISBN 0-443-06643-4. 
  13. Brook I (2007). "Treatment of anaerobic infection". Expert Rev Anti Infect Ther 5 (6): 991–1006. PMID 18039083. doi:10.1586/14787210.5.6.991. 
  14. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 15 de maio de 2009. Consultado o 01 de decembro de 2013. 
  15. 15,0 15,1 Mazmanian SK, Round JL, Kasper DL (2008). "A microbial symbiosis factor prevents intestinal inflammatory disease". Nature 453 (7195): 620–5. PMID 18509436. doi:10.1038/nature07008. 
  16. Mazmanian SK. "The Microbial Health Factor: Just one molecule can make the difference in mediating a healthy immune response. Surprisingly, it comes from bacteria". The Scientist 23 (8): 34. Arquivado dende o orixinal o 08 de xaneiro de 2011. Consultado o 01 de decembro de 2013. 
  17. Mazmanian SK, Liu CH, Tzianabos AO, Kasper DL (2005). "An immunomodulatory molecule of symbiotic bacteria directs maturation of the host immune system". Cell 122 (1): 107–18. PMID 16009137. doi:10.1016/j.cell.2005.05.007. 
  18. Daniels G, Withers SG (2007). "Towards universal red blood cells". Nat. Biotechnol. 25 (4): 427–8. PMID 17420747. doi:10.1038/nbt0407-427. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]