Auto do prisioneiro
Auto do prisioneiro | |
---|---|
Título orixinal | Auto do prisioneiro |
Autor/a | Ricardo Carballo Calero |
Orixe | Galicia |
Lingua | Galega |
Xénero(s) | Teatro |
Editorial | Editorial Galaxia |
Data de pub. | 1970 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Auto do prisioneiro é unha peza teatral de Ricardo Carballo Calero publicada no nº 28 da revista Grial en 1970 e escrita no ano 1969. Foi reeditada en 1971[1] e 1982[2].
Foi representada pòr O Facho en 1974 e 1975, por Breogania en 1974 e Terceiro Andar en 1981.[3]
Personaxes
[editar | editar a fonte]- O prisioneiro
- A nena
- O gardián
- O oficial
- A nai
- Laura
- Amiga primeira
- Amiga segunda
- Amiga terceira
- Amigo primeiro
- Amigo segundo
- Amigo terceiro
Desenvolvemento
[editar | editar a fonte]A acción desenvólvese toda na cela do prisioneiro: porta da Dirección, porta do cuarto de baño, porta do ascensor, mesa, cadeiras, teléfono.
- Escena I
A Nena pregúntalle ao prisioneiro se está preparado para a morte, se leva o caristel co pan e o viño para o camiño.
- Escena II
Sen diálogo. Toque de diana, o prisioneiro érguese.
- Escena III
Entra o gardián co almorzo, coméntalle ao prisioneiro o ben que vive, que ata pode recibir visitas, vive mellor ca el. É o día do seu aniversario e felicita o preso.
- Escena IV
O prisioneiro recibe varias chamadas de teléfono: da nai (quéixase de que o pai non lle colle o teléfono), de Laura, de...
- Escena V
O gardián recolle o almorzo e fálalle do Director, da súa inaccesibilidade, da sorte que ten o prisioneiro de ser seu fillo.
- Escena VI
O prisioneiro marca no teléfono e ninguén lle responde.
- Escena VII
Longo parrafeo do oficial co prisioneiro. O tema seu pai, o Director, e a imposibilidade de acceder a el, de constatar a súa presenza.
- Escena VIII
Entra a nai do prisioneiro, o oficial saúdaa.
- Escena IX
Felicítao e el pregúntalle por que está preso, tamén polo pai e pola súa existencia. Tampouco ela lle aclara nada. Chama ela no teléfono e tampouco lle collen.
- Escena X
Entra Laura e saúda o prisioneiro e a nai.
- Escena XI
Laura tenta convencelo de que esqueza o pai, que xa ten trinta anos, debe saír do niño.
- Escena XII
Os amigos e amigas celebran con Laura o aniversario do prisioneiro.
- Escena XIII
Entra tamén o gardián a celebrar o aniversario e acaban berrando: vivan as cadeas!
- Escena XIV
Laura, o prisioneiro, os amigos e amigas seguen a celebración e acaban cantando:
Un ano máis cumprido está.
O Prisioneiro feliz será.
Antre os seus brazos dormirá.
Ningún soño o despertará.
A roda. A roda que non ten fin.
Esta é a noiva que escollín.
Quéroa e ela quéreme a min.
Na noite pecha a luz perdín[4]
.
- Escena XV
Dialogan Laura e o prisioneiro sobre o amor, sobre o pai. Chaman os dous xuntos pero tampouco hai respostas. Soa o teléfono, é para Laura, tiña unha proba de roupa a esa hora.
- Escena XVI
O prisioneiro bebe só.
- Escena XVII
Entra o gardián e o prisioneiro quere durmir.
- Escena XVIII
Volve a nena do inicio, a filla do Gardian. Repítelle que chegou a hora.
- Escena XIX
Remate da peza.
Características
[editar | editar a fonte]O autor engade no prólogo:
No Auto do prisioneiro crúzanse moitos motivos, antre os cales semella fundamental o da insadisfaición metafísica do home, prisioneiro sempre, isolado sempre, aínda rodeado de seres irmáns, pero, na súa sede de trascendencia e liberación dos seus límites, esligado perante unha fonte selada, detido perante unha porta choída[5]
Pero ¿Realmente hai enigma? Ou, ¿realmente hai chave? A porta da Direición ábrese ao fin, sen chave algunha, pero o que deixa ver non son senón tebras. A luz, se é que hai luz, terá de percurala cada quen... Non cabe dúbida de que o fillo é produto do pai; pero no pai hai tantos elementos inconscientes, que o pai pode non se recoñecer no fillo.[4]
A peza xira sobre o problema da transcendencia, da soidade metafísica de inspiración un pouco á medida de Kafka ou Sartre. O autor considerábaa a súa peza dramática máis representativa[6].
O propio autor opinou sobre a obra:
O Auto do prisioneiro non pretende referise nunca a unha realidade tomada ao pé da letra, é evidente que aquel home está nunhas circunstancias oficiais. ¿Que prisión é esa onde o visitan os amigos, o visita a súa nai, pero hai un director descoñecido? Esta é francamente expresionista ou simbolista. ... Hai tamén, claro, un elemento de tipo amoroso. Sen embargo resulta insuficiente a axuda que lle presta a muller ao home prisioneiro. Este non pode contentarse con menos que ver a cara de seu pai e aí hai, claro, un afán de transcendencia que non pode satisfacerse co amor, cunha relación entre home e muller... Na época en que se representou por primeira vez, foi interpretada por algúns como unha sátira contra a sociedade de consumo, porque efectivamente hai algúns elementos deste tipo... É posíbel unha interpretación relixiosa porque a mai aparece aí como intercesora en certo modo e, esta é unha interpretación que ten o seu fundamento, aínda que, xa digo, para min é iso que hai aí, que admite, posibelmente diversas lecturas, como toda obra, e máis unha obra coma esta, que evidentemente é irónica, claro está[7].
Para Henrique Rabuñal:
O Auto do prisioneiro aborda un problema existencial, na liña do teatro filosófico e alegórico. O autor tentou “reflectir nunha forma moderna, poética e incisiva, a angústia do home engaiolado na sua finitude, mas con unha faústica sede de alén”. O punto de partida é a do home que vive na cadea por orde do pai.[8].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Carballo Calero, Ricardo (1971). Catro pezas. A sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A arbre, Auto do prisioneiro. Editorial Galaxia.
- ↑ Carballo Calero, Ricardo (1982). Teatro completo. Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-116-3.
- ↑ Rabuñal, Henrique (2020). Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra. Galaxia. p. 151. ISBN 978-84-9151-436-7.
- ↑ 4,0 4,1 Carballo Calero 1971, p. 15-16.
- ↑ Carballo Calero 1971, p. lapela.
- ↑ Villamayor, Sindo (1996). Historia da Literatura Galega. 33. O silencio interior(1940-1950). Ed. A Nosa Terra. p. 1044-5. ISBN 84-89679-05-3.
- ↑ Blanco, Carmen (1989). Conversas con Carballo Calero. Galaxia. p. 260-265. ISBN 84-7154-654-X.
- ↑ Rabuñal, Henrique. "Carvalho Calero na historia do noso teatro". adiante.gal. Consultado o 17/10/2018.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Caetano Biscaínho, C. (2011). "Auto do prisioneiro nas Mostras de Ribadávia: a recepçom cénica da obra dramática de Carvalho Calero no período refundacional do teatro galego", Ricardo Carvalho Calero: ciencia, literatura e nación. Universidade da Coruña, pp. 31–48.
- Castelao, Manuel (1910). Elucidacións na sombra. Edicións Laiovento. ISBN 978-84-8487-196-5.
- Fernández del Riego, F. (1971) [1951]. Historia da Literatura Galega (2ª ed.). Vigo: Editorial Galaxia. p. 260.