Aurélia de Sousa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aurélia de Sousa
Auto-retrato de Aurélia de Sousa (c. 1900)
NomeMaria Aurélia Martins de Sousa
Nacemento13 de xuño de 1866 e 1865
 Valparaíso
Falecemento26 de maio de 1922
 Porto
Nacionalidadeportuguesa
Influenciado porJoão Marques de Oliveira
Na rede
WikiTree: Martins_Sousa-1
editar datos en Wikidata ]

Maria Aurélia Martins de Sousa (tamén Souza, antiga ortografía) nada en Valparaíso, Chile o 13 de xuño de 1866[1] e finada no Porto o 26 de maio de 1922, foi unha pintora portuguesa.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Filla de emigrantes portugueses no Brasil e no Chile, Aurélia de Sousa naceu en Valparaíso, filla de António Martins de Sousa e de Olinda Peres. Era a cuarta de sete fillos do casal. Trasladouse a Portugal, xuntamente cos pais, con apenas tres anos. Pasou a habitar a Quinta da China, xunto ao río Douro, no Porto, comprada por seu pai, que faleceu en 1874, cando Aurélia tiña tan só oito anos.

Aos dezaseis anos, comezou a ter clases de deseño e pintura con António da Costa Lima e pintou o seu primeiro autorretrato. En 1893, entrou para a Academia de Belas-Artes do Porto, onde foi alumna de João Marques de Oliveira, quen influenciou amplamente a súa obra posterior. En 1898, Aurélia mudouse a París onde acudiu, na Academia Julian, os cursos de Jean-Paul Laurens e de Jean-Joseph Benjamin-Constant[2].

Realizou as primeiras exposicións e durante os tres anos seguintes viaxou e visitou os museos de Bruxelas, Antuerpen, Berlín, Roma, Florencia, Venecia, Madrid e Sevilla. Tendo regresado a Portugal en 1901, desenvolveu intensa actividade como ilustradora e participou regularmente na vida artística portuense, expondo na Sociedade de Belas-Artes do Porto, na Galería da Misericórdia e anualmente na Sociedade Nacional de Belas-Artes, en Lisboa.

Pasou a última fase da súa vida residindo na Quinta da China, onde faleceu en 1922 con cincuenta e cinco anos.

Obra[editar | editar a fonte]

A súa obra denota influencia dos estilos de pintura máis innovadores do seu tempo. Pintou nun estilo naturalista moi persoal, ás veces con influencias realistas, impresionistas e postimpresionistas.

Nas palabras da biógrafa Raquel Henriques da Silva, a obra de Aurélia de Sousa "rexistra a silenciosa narrativa da casa: a presenza da vella mai, os afaceres das mulleres e dos nenos, os cantos escuros da cociña e do atelier, as tardes en que a luz se confunde coas roupas de verán, os camiños campestres ou as vistas do río. Practica unha pintura vigorosa, raramente volumétrica, detida na análise das sombras para nelas captar a luz"[3].

Entre as súas principais obras, caracterizadas pola forza da expresión técnica e artística, encóntranse "Santo António", "Cabeza de italiano", "Cena familiar", "Muíño-Granxa", "Porcelanas antigas", "Cristo resucitando e a filla de Xairo", "Río Douro-Areiño" e o seu "Auto-retrato" (c. 1900), unha das obras-primas da pintura portuguesa de todos os tempos.

Parte da súa obra encóntrase hoxe no Museu Nacional de Soares dos Reis e na Casa-Museu Marta Ortigão Sampaio, ambos no Porto.

Algunhas obras[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Data de nascimento - "Aurélia de Souza naceu en 1866, non en 1865, como aparece referido en todas as obras" no libro de Raquel Henriques da Silva, op. cit., p. 13, nota 2.
  2. "Aurélia de Sousa". Arquivado dende o orixinal o 20 de outubro de 2011. Consultado o 30 de xullo de 2010. 
  3. "Aurélia de Sousa, quem foi?". Arquivado dende o orixinal o 17 de xullo de 2010. Consultado o 30 de xullo de 2010. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • SILVA; Raquel Henriques da, Aurélia de Souza, Col. Pintores Portugueses. Lisboa: Edições Inapa, 2004.