Pintura de Portugal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nuno Gonçalves: Panel do Políptico de San Vicente, c. 1470 e 1480. Museo Nacional de Arte Antiga.

A escaseza das reliquias pictóricas en Portugal anteriores ao século XV levou á formación dunha crenza de que neste país a pintura floreceu só a partir do Renacemento, porén, a ausencia de exemplos concretos non significa que as sociedades locais de tempos remotos, precursoras da formación do actual estado portugués, non practicasen esta arte, e ao contrario do que usualmente se supón, a pintura de Portugal ten unha tradición moi antiga. Infelizmente, por circunstancias diversas, a maioría das obras producidas ata mediados do período gótico desapareceron, e as poucas que sobreviven son por isto mesmo de extraordinaria rareza, sendo os únicos testemuños dunha liñaxe artística que data da prehistoria. A partir do Renacemento, de feito, coincidindo coa fase dos descubrimentos e do establecemento de diversas colonias máis alá do mar, as grandes riquezas que pasaron a afluír para a metrópole serviron como poderoso estímulo para a intensificación do intercambio cultural e comercial co resto de Europa e para un desenvolvemento acelerado e importante en todas as artes, beneficiándose loxicamente a pintura deste novo contexto. Desde entón a historia da pintura en Portugal está moito mellor documentada, e as súas obras consérvanse, hoxe, en diversos museos e coleccións privadas nacionais e estranxeiras.

Prehistoria e antigüidade[editar | editar a fonte]

As pinturas prehistóricas que sobreviviron ao tempo están insertas xeralmente nun contexto relixioso, en monumentos funerarios, posiblemente posuíndo funcións máxicas e evocativas, representando os mortos, os deuses e elementos na natureza, típicos da arte das sociedades cazadoras e colectoras e despois agro-pastorís. Entre as máis importantes están o conxunto da Gruta do Escoural, con pinturas rupestres do Paleolítico, e o do Abrigo Pinho Monteiro, datado do Neolítico, que mostra un par de imaxes antropomórficas vestidas, portando capacetes de cornos e bastón, xunto con animais esquematizados, que se supón representaren divindades astrais xemelgas, os acólitos, relacionadas co amencer e ocaso e co deus do trono. Outro exemplo significativo é o da Anta pintada de Antelas, da Idade do Cobre, que consiste en padróns abstractos e figuras en negro e vermello. Segundo Mário Varela Gomes, esta iconografía deriva de dúas fontes posibles: unha de herdanza caucásica, derivada da chegada á Península Ibérica dos pobos indoeuropeos, e outra emparentada coa cultura do Oriente Próximo e do Mediterráneo oriental, producida polo contacto que había entre o Portugal prehistórico e estas rexións, corroborado por unha cantidade de obxectos arqueolóxicos de orixe oriental ou dela derivada que se acharon asociados, aínda que noutros materiais, máis resistentes á degradación.[1][2]

A presenza de importantes e numerosas ruínas romanas en Portugal, onde se atoparon mosaicos de grande refinamento en bo estado, suxire que as elites locais durante o período de dominio romano teñan encomendado tamén pinturas e frescos para decoración de interiores, como era práctica en todo o imperio, pero infelizmente non sobreviviron exemplos concretos máis que en reducidos fragmentos. Na Casa dos Repuxos, nas ruínas da antiga Conímbriga, había ata os anos 1960 significativas mostras in situ de frescos, que en boa parte desapareceron nos anos seguintes por depredacións e outros problemas de conservación, pero no Museo Monográfico de Conímbriga aínda subsisten partes do que terían sido grandes paneis pintados con motivos de animais, candelabros, frisos e imitacións ilusionistas de elementos de arquitectura.[3][4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Instituto de Gestão do Património Arquitetónico e Arqueológico (ed.). "Anta pintada de Antelas" (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 29 de outubro de 2013. Consultado o 24 de febreiro de 2018. 
  2. Gomes, Mário Varela (1990). "O Oriente no Ocidente. Testemunhos iconográficos na Proto-História do Sul de Portugal: smiting gods ou deuses ameaçadores". Estudos Orientais (en portugués) I: 80-81. 
  3. Museo Monográfico de Conímbriga (ed.). "Pintura" (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 26 de setembro de 2018. Consultado o 24 de febreiro de 2018. 
  4. Braga, Isabel. Facultade de Ciencias da Universidade de Lisboa, ed. "Cascatas de água destroem frescos e mosaicos em Conímbriga - Obra incompleta ameaça ruína romana" (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 20 de xullo de 2012. Consultado o 24 de febreiro de 2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]