Asasinato de Cánovas del Castillo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
O asasinato de Cánovas del Castillo, ilustrado por Juan Comba en La Ilustración Española y Americana (15 de agosto de 1897).

O asasinato de Cánovas del Castillo tivo lugar o 8 agosto de 1897 no balneario de santa Águeda, en Arrasate (Guipúscoa)[1] onde o presidente do goberno español Antonio Cánovas del Castillo pasaba uns días de descanso e foi obra do anarquista italiano Michele Angiolillo, quen foi inmediatamente detido, xulgado e executado. Durante o consello de guerra, Angiolillo xustificou o asasinato como unha vinganza polas torturas do proceso de Montjuïc.[2]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Durante a última década do século XIX, Barcelona viviu unha onda de atentados terroristas anarquistas. O de maior repercusión foi o atentado da rúa Canvis Nous ao paso da procesión do Corpus do 7 de xuño de 1896 no que seis persoas morreron no acto, e outras corenta e dúas resultaron feridas. De contado, desatouse unha brutal e indiscriminada represión policial que deu lugar ao famoso proceso de Montjuic, durante o cal 400 «sospeitosos» foron encarcerados no castelo de Montjuïc, onde foron brutalmente torturados —«uñas arrincadas, pés esmagados por máquinas prensoras, cascos eléctricos, puros habanos apagados na pel…»—.[3] A seguir, varios consellos de guerra condenaron á morte a 28 persoas—cinco das cales foron executadas— e a outras 59 a cadea perpetua —63 foron declaradas inocentes pero deportadas a Río de Oro—.[4]

O proceso de Montjuïc tivo unha gran repercusión internacional, dadas as dúbidas que había sobre as probas en que se basearon as condenas —basicamente as confesións dos acusados obtidas mediante torturas—, que tamén foi seguida por unha campaña de parte da prensa española en contra do goberno e dos «verdugos», na que destacou o novo xornalista Alejandro Lerroux, director do diario madrileño republicano El País que co título de Las infamias de Montjuïc publicou durante meses os relatos dos torturados —ademais Lerroux emprendeu unha xira de propaganda pola Mancha e Andalucía—.[5]

O asasinato[editar | editar a fonte]

O anarquista italiano Michele Angiolillo, autor do asasinato de Cánovas del Castillo.

Michele Angiolillo era tipógrafo de profesión e estaba fichado pola policía italiana como anarquista. En 1895, fuxiu ao estranxeiro para eludi-la condena de mes e medio de cárcere por uns artigos subversivos que publicara. Estivo en Barcelona e probabelmente atopábase alí cando se produciu o atentado da Procesión do Corpus de xuño de 1896. Marchouse entón a Francia, de onde foi expulsado en outubro, pasando a Bélxica e despois a Inglaterra. En Londres, coñeceu os relatos dos torturados no proceso de Montjuïc e mercou a pistola coa que asasinaría a Cánovas del Castillo.

Da capital británica dirixiuse a París onde se entrevistou co delegado dos insurrectos cubanos que loitaban contra España para lograr a independencia, Ramón Emeterio Betances,[6] ao que pediu cartos para poder ir a España e asasinar á raíña-rexente María Cristina de Habsburgo-Lorena, ao rei menor de idade e ao presidente do goberno Antonio Cánovas del Castillo. Betances deulle certa cantidade aínda que lle dixo que reprobaba os asasinatos.[7] En París, Angiolillo tamén se entrevistou co director do xornal anarquista L'Intransigeant, Henri Rochefort, que fora un dos medios que máis destacara na campaña internacional de denuncia das torturas de Montjuïc, e que tamén apoiaba a causa independentista cubana.[8]

Declaración de Angiolillo perante o consello de guerra que o xulgou.

De París marchou a Madrid onde entrou en contacto co xornalista republicano e anticlerical José Nakens a quen se presentou como xornalista co falso nome de Emilio Rinaldini, e a quen pediu axuda.[9] Nakens deulle algúns cartos e ao se despedir contoulle o seu proxecto de atentar contra a rexente, contra o presidente do goberno e tamén contra o novo rei Afonso XIII —entón un rapaz de 11 anos de idade—. Aquel non o creu, aínda que máis tarde Nakens confesou que, de saber que era certo, tampouco o tería delatado porque era un crime político.[8]

Fotografía do día da execución de Angiolillo.

A principios de agosto de 1897, Angiolillo atopábase en Guipúscoa e o día 8, ao mediodía, disparoulle catro tiros de revólver ao presidente do goberno Antonio Cánovas del Castillo cando lía os xornais nun banco no balneario de Santa Águeda, no que pasaba uns días de descanso. Segundo o informe oficial, a primeira bala cruzou a cabeza de dereita a esquerda, saíndo polo oído, por riba da cella esquerda. A segunda tronzou a xugular, provocando un gran derramamento de sangue; a terceira, mentres caía ao chan, penetrou polas costas, cruzando o pulmón; a cuarta saíu moi desviada pola presenza dun tenente da Garda Civil que se achegou ao escoitar o ruído e que foi que o detivo.[10]

O asasino foi detido e xulgado inmediatamente. Durante o xuízo xustificou o seu crime como unha represalia polas torturas ás que foran sometidos os sospeitosos polo atentado da procesión do Corpus de Barcelona no castelo de Montjuïc onde foran conducidos, e das que facía responsable ao presidente do goberno. Tamén declarou a súa solidariedade cos que vivían na miseria, o seu rexeitamento á inxustiza social e o seu amor ao anarquismo. Dixo tamén que actuara só, aínda que existen dúbidas de que isto fose verdade porque comentara os seus plans con varias persoas, a pesar de que tamén o negara durante o xuízo. Foi condenado á morte e a sentenza cumpriuse mediante garrote vil o 19 de agosto de 1897, só once días despois de cometer o asasinato.[8][9] A execución levouna a cabo o burgalés Gregorio Mayoral Sendino

Repercusións[editar | editar a fonte]

Debuxo do cadáver de Cánovas del Castillo realizado por Juan Comba sobre unha fotografía do conde de Aldana que se publicou nas páxinas de La Ilustración Española y Americana.

A prensa europea e americana fíxose eco do suceso, especulando sobre se o atentado contra o presidente do goberno español formaba parte dunha vasta conspiración anarquista internacional. O diario The Times afirmou que o crime fora obra dun fanático e destacou que non había probas de que detrás del houbese unha organización internacional, mais pediu que a policía estivese alerta aínda que sen chegar a tomar medidas excepcionais.

Noticia da execución de Angiolillo aparecida no The New York Times do 22 de agosto de 1897, no que se di que morreu valientemente gritando Germinal. Tamén se di que en España se censurou a noticia.

Para explicar o atentado The Times lembrou as torturas do Proceso de Montjuïc, polo que a súa sombra, como sinalou o historiador Juan Avilés Farré, «seguía enturbando a imaxe do Goberno español mesmo nos lutuosos días da morte de Cánovas».[11]

O asasinato de Cánovas pechou o ciclo de atentados terroristas anarquistas en España da década do noventa, pero a diferenza do ocorrido noutros países como Francia ou Estados Unidos, que tamén sufriron graves atentados naquela época e nos que xa non se reproduciron ao quedar o movemento anarquista completamente desprestixiado, en España «o anarquismo violento reapareceu en 1903 e a saga de crimes e atrocidades represivas manteríase durante décadas». Unha das posíbeis explicacións á persistencia do terrorismo anarquista en España, segundo Avilés Farré, estriba en «a resposta, á vez bárbara, ilegal e ineficaz das autoridades españolas». «A brutalidade represiva era en España un perverso sucedáneo da eficacia policial. Barcelona, en particular, carecía dunha forza policial suficientemente numerosa e capacitada para facer fronte ao desafío que representaron os atentados dos anos noventa. A falta de indicios, realizábanse redadas masivas e, a falta de probas, se torturaba aos principais sospeitosos». En cambio, en Francia «a policía fora eficaz e a xustiza severa (catro terroristas convictos e confesos foron guillotinados), pero acorde coas leis… Non houbo prolongadas detencións arbitrarias, nin torturas para obter confesións, nin sentenzas con dubidoso fundamento xurídico». «O resultado foi que en Francia a era dos atentados anarquistas rematou en 1894 para non rexurdir xamais».[12]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Varona Martínez, Gemma (2018). "El lenguaje de las víctimas en el contexto de la victimización yihadista.". En Herrera Moreno, Myriam. Myriam Herrera Moreno. Colección: Humanismo y criminología (en castelán). Bosch editor. p. 248. ISBN 978-84-948684-9-8. 
  2. Suárez Calleja (1998), p. 293
  3. Suárez Cortina (2006), p. 152
  4. Dardé (1996), p. 96
  5. Suárez Cortina (2006), pp. 151-152
  6. Ramos Pérez (1997), p. 250
  7. Ramos Pérez (1997), p. 253
  8. 8,0 8,1 8,2 Avilés Farré (2013), pp. 324-325
  9. 9,0 9,1 Cervera, César (14-3-2018). "La peligrosa incógnita del asesinato de Cánovas del Castillo por un anarquista italiano". abc.es. Consultado o 16-3-2020. 
  10. Piqueras (2008)
  11. Avilés Farré (2013), p. 326
  12. Avilés Farré (2013), pp. 360-361

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Avilés Farré, Juan (2013). La daga y la dinamita. Los anarquistas y el nacimiento del terrorismo (en castelán). Barcelona: Tusquets Editores. ISBN 978-84-8383-753-5. 
  • Dardé, Carlos (1996). La Restauración, 1875-1902. Alfonso XII y la regencia de María Cristina (en castelán). Madrid: Historia 16-Temas de Hoy. ISBN 84-7679-317-0. 
  • González Calleja, Eduardo (1998). La razón de la fuerza: orden público, subversión y violencia política en la Restauración (1875-1917) (en castelán). Madrid: CSIC. ISBN 84-00-07778-4. 
  • Piqueras Arenas, Jose Antonio (2008). Cánovas y la derecha española: Del magnicidio a los neocon (ebook) (en castelán). Madrid: Península. ISBN 978-84-8307-922-5. 
  • Ramos Pérez, Demetrio (1997). "El "Sólido Núcleo" de Betances en París y el asesinato de Cánovas". Boletín de la Real Academia de la Historia (en castelán) 194 (2): 239–254. ISSN 0034-0626. 
  • Suárez Cortina, Manuel (2006). La España Liberal (1868-1917). Política y sociedad (en castelán). Madrid: Síntesis. ISBN 84-9756-415-4.