As flores radioactivas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

As flores radioactivas
Autor/aAgustín Fernández Paz
Ilustrador/aMiguelanxo Prado
CubertaMiguelanxo Prado
OrixeGalicia Galicia
LinguaGalego
ColecciónMerlín
EditorialEdicións Xerais de Galicia
Data de pub.1990
Páxinas120
ISBNISBN 84-7507-454-5

As flores radioactivas é unha novela de Agustín Fernández Paz publicada en 1990 na Colección Merlín de Edicións Xerais de Galicia que foi galardoada co Premio Merlín de Literatura Infantil no ano 1989. Na súa 19ª edición, publicada no ano 2013, foi moi anovada tanto no texto coma nas ilustracións e tamén os anexos foron actualizados, para incluír feitos como o accidente na central nuclear de Fukushima[1].

Trama[editar | editar a fonte]

Mentres está de pesca con Xabier, Alba escoita na radio que dous pesqueiros viron unha mancha brillante nas proximidades da Foxa Atlántica, da que ela sabe porque no 1982 seu irmán Lois, de ADEGA, foi alí no barco Arosa I xunto con Greenpeace, coa intención de impedir os vertidos radioactivos.

O Consello Permanente do Alto Mando da OTAN reúnese en segredo e pon en marcha a operación “Espello mariño”; dúas lanchas van buscar mostras da mancha, que resulta ser de flores semellantes a margaritas moi recendentes. Todos os que estiveron en contacto con elas adoptan actitudes pacifistas.

Ante a falta de información oficial, Lois e os de ADEGA deciden ir á Foxa nun pesqueiro, acompañados por dous xornalistas e Alba únese a eles como polisón, axudada por Xabier.

Cando chegan preto da mancha son avisados polo barco de vixilancia de que non poden achegarse e convéncenos de que só están pescando. Pola noite achéganse cunha zodiac coa intención de recoller mostras pero a rede que rodea a mancha e mais a alarma electrónica fan fracasar a misión. Á noite seguinte será Alba a encargada de conseguilas, con éxito.

Mentres, nunha terceira reunión urxente do Alto Mando, o Xeneral Mc Logan informa de que as flores proceden dun fenómeno radioactivo mais non emiten radioactividade e deciden bombardear a zona e informar de que a mancha é potencialmente perigosa para a vida mariña.

Ao día seguinte, Greenpeace e ADEGA convocan conferencias de prensa para informar e anunciar un repartimento masivo de flores, o que ten ampla repercusión mundial, con entrevistas a Alba na prensa de todos os continentes. Despois de tanta actividade, ela xa ten ganas de recuperar a súa vida normal en compañía de Xabier.

Narración[editar | editar a fonte]

A focalización da novela é múltiple: nos capítulos impares aparece un narrador omnisciente extradiexético e nos pares é Alba a narradora protagonista quen escribe o seu diario[2]. Estes dous puntos de vista complétanse con diferentes recortes de prensa.

Personaxes[editar | editar a fonte]

A protagonista é Alba, unha adolescente que por primeira vez se interesa por un rapaz pero aventureira e con decisión, que non dubidará á hora de enganar a todos para subir ao barco.

A loita pola emancipación da muller hai que comenzala desde a nenez. Unha maneira de favorecela é dende a literatura infantil. Eu podo ser un compañeiro de viaxe, ese é o motivo polo que os protagonistas das miñas novelas e nos meus contos, sexan nenas cunha proxección dinámica e positiva[3]

Lois é o seu irmán, profesor e ecoloxista, participou nas protestas contra os vertidos tóxicos e é o principal organizador da expedición actual.

Xabier, adolescente, o mellor amigo de Alba, axudaraa na súa aventura, nun segundo plano.

O Xeneral Mc Logan, mandatario do Consello Permanente do Alto Mando da OTAN, é o responsábel da investigación, destrución e ocultación da mancha.

Traducións[editar | editar a fonte]

  • Ao catalán por Salvador Pallarès Garí como Les flors radioactives, publicado en 1991 por Edicions Bromera, na Colección El Micalet galàctic[4].
  • Ao éuscaro por Patxi Elizegi como Lore erradioktibo ak publicado en 1993 por Editorial Elkar na colección Xaguxar[5].
  • Ao castelán por Xan Vences como Las flores radiactivas publicado en 1995 en Lóguez, La joven colección[6].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "As flores radioactivas". Consultado o 15/10/2017. 
  2. Sabela Álvarez Núnez. "De flores radiactivas a flores pacifistas" (PDF). agustinfernandezpaz.gal. Consultado o 15/10/2017. 
  3. "Entrevista a Agustín Fernández Paz" (PDF). agustinfernandezpaz.gal. Consultado o 15/10/2017. 
  4. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2017. Consultado o 15 de outubro de 2017. 
  5. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2017. Consultado o 15 de outubro de 2017. 
  6. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2017. Consultado o 15 de outubro de 2017. 
  7. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2017. Consultado o 15 de outubro de 2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]