Arquipélago Alexander

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 56°40′00″N 134°05′00″O / 56.66667, -134.08333

Vista satélite do arquipélago

O arquipélago Alexander (en inglés, Alexander Archipielago) é un arquipélago ou grupo de illas, situadas na beira da costa noroeste de América do Norte, que se estende ao longo durante unhas 300 millas (500 quilómetros, aproximadamente). Está bordeado polo océano Pacífico e comprende aproximadamente unhas 1 100 illas, que son os cumes das montañas somerxidas costeiras que se elevan abruptamente desde o océano. Administrativamente, pertence aos Estados Unidos, ao estado de Alasca.

Características[editar | editar a fonte]

É unha zona bastante perigosa para a navegación, tanto polo mal tempo derivado das altas latitudes como pola amplitude das mareas na rexión. As illas están separadas da península, e entre elas, por canles profundas e estreitas e por fiordes, por algunha das cales discorre unha coñecida rota marítima protexida do océano aberto, a Pasaxe Interior (Inside Passage).

As illas esparéxense ao sur da baía Glaciar e son de formas moi irregulares, con costas escarpadas e cunha abundancia de vida silvestre e moita vexetación, composta de densos bosques chuviosos temperados. As illas principais son:

Mapa topográfico do Arquipélago Alexander.

A gran maioría das illas forma parte do Bosque Nacional de Tongass. Os asentamentos máis importantes son Sitka (máis de 8.000 habitantes no 2000), na illa de Baranof e Ketchikan (8.044 habitantes en 2004), en Revillagigedo. Os barrios máis poboados da cidade máis grande da rexión, Juneau, atópanse no continente, aínda que partes da cidade tamén se atopan na illa de Douglas, que é unha parte do arquipélago. Hoxe en día, as principais actividades son o turismo, a pesca e a silvicultura.

O gran número de illas que forman o arquipélago explica porque unha rexión de menos de 800 km de largo ten case 29 000 km de costa, máis de 10 000 estuarios e 22 128 quilómetros de vías navegables.

Historia[editar | editar a fonte]

Mapa do Arquipélago Alexander (1926).

As illas foron ocupadas polos nativos americanos tlingit e haida. Os tsimshianos que ocupan a illa Annette non son orixinarios dalí senón que emigraron dende a Columbia Británica a finais do século XIX.

O primeiro europeo que visitou o arquipélago foi o navegante ruso Aleksei Chirikov en 1741, que avistou as costas das illas Noyes e Baker (ámbalas dúas da costa oeste da Illa do Príncipe de Gales), así como as illas Baranof, Chichagof, Kruzof e Yakobi.[1] En 1774 Juan José Pérez Hernández avistou a costa sur da illa de Dall,[2] mentres que Juan Francisco de la Bodega y Quadra entrou na baía Bucareli baía da Illa Príncipe de Gales o ano seguinte.[3] En 1792 Jacinto Caamaño chegou á illa de Revillagigedo e ás Illas Gravina, descubrindo o estreito de Clarence.[4]

George Vancouver e os seus homes realizaron un extenso estudo do arquipélago entre 1793 e 1794, circunnavegando tanto Revillagigedo como as illas do Almirantazgo, trazando a totalidade da illa Kuiu, os lados leste de Baranof e as illas Chichagof, Etolin, Wrangell, Zarembo, Mitkof e Kupreanof.[5]

Unha década máis tarde os rusos atravesaron o Estreito de Peril que separa as illas Chichagof e Baranof, e nas décadas seguintes atopou os estreitos e as pasaxes que separaban unhas das outras illas principais. Unha carta rusa de 1844 mostra Kupreanof separada da illa Mitkof e Etolin, Wrangell, Woronkofski, e Zarembo. Os rusos exploraron a rexión desde 1741 e máis tarde fixérono os británicos, españois e estadounidenses. As illas ficaron baixo control estadounidense dende 1867, a partir da compra de Alasca por Washington.

Segundo o Dictionary of Alaska Place Names [Diccionario de nombres de Alasca] de Donald Orth (p. 64), o arquipélago Alexander recibiu o seu nome do «U.S. Coast and Geodetic Survey» en 1867[6]. A cadea de illas chámase así polo tsar Alexandre II de Rusia (non confundir con Alexander Baranov, que foi director da Compañía rusa de América, unha próspera empresa rusa de comercio de peles de principios do século XIX e ao que se honra coa illa de Baranof). Nun mapa da América rusa (Alasca) de 1860, o grupo de illas chámase Arquipélago do rei Xurxo III.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Golder, Frank Alfred; Stejneger, Leonhard (1922). Bering’s voyages: an account of the efforts of the Russians to determine the relation of Asia and America. New York: American Geographical Society. 
  2. Hayes, Derek (2001). Historical atlas of the North Pacific Ocean: maps of discovery and scientific exploration (1500-2000). Vancouver: Douglas & McIntyre. ISBN 978-1570613111. 
  3. Hayes, Derek (1999). Historical atlas of the Pacific Northwest: Maps of exploration and discovery; British Columbia, Washington, Oregon, Alaska, Yukon. Seattle: Sasquatch Books. ASIN B01K8ZCB6M. 
  4. Hayes, Derek (2004). America Discovered: A Historical Atlas of North American Exploration. Vancouver: Douglas & McIntyre. ASIN B01JXPPHLY. 
  5. Vancouver, George; Vancouver, Jhon (1801). A voyage of discovery to the North Pacific ocean, and round the world. London: J. Stockdale. 
  6. Dictionary of Alaska Place Names [Dicionario de nomes de Alasca] de Donald Orth (p. 64)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]