Armorial

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Páxina do armorial alemán de Hyghalmen, de finais do século XIV.
O Armorial Segar (Segar's Roll) do século XIII, na imaxe unha copia do orixinal do século XVII, no que aparecen as armas de Galicia.

Os armoriais[1], tamén chamados libros de armería, son publicacións dedicadas á descrición sistemática de emblemas heráldicos ou escudos de armas, xeralmente obra de oficiais cronistas de armas ou heraldos.[2]

A orixe deste xénero de obras remóntase a finais do século XIII, período de apoxeo do uso do código heráldico en Europa Occidental, aparecendo en forma de códices ou libros manuscritos con repertorios completos ou parciais de brasóns xunto con ilustracións, frecuentemente iluminadas, que reproducen as figuras ou conxuntos heráldicos, coas cores que lles pertencen. Os armoriais, en particular os considerados medievais, publicados até o século XVI,[3][4] son empregados polos especialistas como fonte para o estudo historiográfico dos usos heráldicos.[5]

Diferentes museos e arquivos en diversos países conservan catalogados uns 350 armoriais dos cales 130 son ingleses, 80 franceses, 40 xermánicos e 20 españois e italianos.

Unha destas obras, a Crónica do Concilio de Constanza, obra de Ulrich Richental cara ó 1430, foi presentada pola República Checa para o seu rexistro no Programa Memoria do Mundo da Unesco.[6]

Tipoloxía[editar | editar a fonte]

En función do formato[editar | editar a fonte]

Especialistas como Jean-Bernard de Vaivre[7] e Ottfried Neubecker[8] diferencian os armoriais en función do formato de soporte:

  • rolos armoriados (Rolls of arms, rôles d'armes): os rolos armoriados son coleccións de escudos representados en forma de rolos de pergamiño, destacados xeralmente polo seu rigor descritivo ó incluír a miúdo un rexistro de acontecementos contemporáneos que permite a identificación dos personaxes e os seus emblemas heráldicos;
  • códices: os códices son libros manuscritos que inclúen diversos contidos estruturados en diferentes partes. Este formato é o máis frecuente en España, atopándose a parte dedicada á heráldica coas descricións que constitúen o armorial propiamente dito, xunto con breves tratados heráldicos.

En función da caracterización do representado[editar | editar a fonte]

Outros especialistas como Martín de Riquer[9] distinguen os armoriais en función da caracterización do representado e así poden distinguirse:

  • armoriais figurados: reprodúcese a representación gráfica ou debuxo do emblema, xeralmente a cor ou mediante un código para recoñecer o esmalte utilizado;
  • armoriais brasonados: presentan as descricións heráldicas de forma textual, normalmente na linguaxe e terminoloxía heráldica aínda que outros poden usar a linguaxe corrente;
  • armoriais mixtos: combinan texto e ilustracións.

En función do contido[editar | editar a fonte]

Desde o punto de vista do contido, outros autores dividen os armoriais en:

  • armoriais de ocasión: son os que reúnen os escudos de diversos personaxes reunidos para un evento particular, como unha batalla ou un torneo de cabalería. Algúns dos armoriais máis estudados e difundidos pertencen a este tipo, como o Armorial de Bigot, con ocasión da toma de Hainaut por Carlos de Francia en 1254 ou o Armorial do tratado de Guerande (Rôle d'armes du traité de Guérande), subscrito por 250 cabaleiros en 1381. En España atópase o Protocolo do torneo de Valladolid de 1527, obra de García Alonso de Torres;
  • armoriais institucionais: son os que recompilan as armas de persoas pertencentes a unha institución determinada como ordes de cabalaría, confrarías ou corporacións. Son exemplos deste tipo de armoriais, O Grand Armorial Equestre da Toison d'Or que se conserva en París, e en España, o Libro da Confraría de Santiago;
  • armoriais xerais: son os que rexistran as armas de todos os cabaleiros ou liñaxes dun territorio. O Armorial de Gelre que recompila preto de 1.700 escudos de cabaleiros de toda Europa, foi escrito entre 1370 e 1414;
  • armoriais razoados (ordinary rolls): principalmente do ámbito anglosaxón, son aqueles que recollen as armas e ordénanas segundo as características heráldicas dos emblemas representados, como particións, figuras e pezas;
  • armoriais marxinais (illustrative rolls): son obras literarias dentro das cales se describen conxuntos de emblemas heráldicos.

Armoriais na Península Ibérica[editar | editar a fonte]

  • O Libro del Conocimiento de Todos los Reinos (Libro del Conosçimiento de todos los rregnos ) de c. 1385 vai máis aló do alcance dunha simple armadura, sendo un diario de viaxe ficticio que dá conta da xeografía do mundo comecido, identificando tódalas terrras, reis, señores e as súas armaduras. O obxectivo principal do libro segue a ser o dunha armadura, mais está inspirado no xénero de libros de viaxes popularizado por Marco Polo e John Mandeville.
  • Armorial de la Cofradia di Santiago (Libro dos Cabaleiros da Irmandade de Santiago), continuamente actualizado dende a fundación da orde en 1338 ata o século XVII.
  • Tractat d'Armoria (s. XVI a XVII, inacabado), de Jaume Ramon Vila, crego e presbítero da catedral de Barcelona, e heraldista. Catro libros con escudos cataláns, pero tamén digresións históricas, por exemplo relacionadas co descubrimento de América, con algunha información que difire do corpus histórico actual.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "armorial". TERGAL. Arquivado dende o orixinal o 18/10/2018. Consultado o 18/10/2018. 
  2. Esteban de Terreros y Pando, Diccionario castellano con las voces de ciencias y artes, Madrid, 1786, p. 151.
  3. Michel Pastoureau, Traité d’heraldique, París, 1979, p. 255.
  4. Martín de Riquer, Heràldica catalana: des l´any 1150 al 1550, Barcelona, 1983, p. 59
  5. Libro de armería del Reino de Navarra. Introdución, estudo e notas de Juan José Martinena Ruiz, Pamplona, 1982, p. 25.
  6. "Crónica do Concilio de Constanza no portal da Unesco". Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2012. Consultado o 28 de agosto de 2012. 
  7. Jean-Bernard de Vaivre, Elements d´héraldique médievale: Orientation pour l´étude et l´utilisation des armoriaux du Moyen Âge, París, [19--], p. 4.
  8. Ottfried Neubecker, Lle grand livre de l´héraldique, [S.l. ], 1993, pp. 28?38.
  9. Heràldica catalana..., p. 54.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Pedro Blas Valverde Ogallar, Manuscritos y heráldica en el tránsito a la modernidad: el Libro de Armería de Diego Hernández de Mendoza. Universidade Complutense de Madrid. ISBN 84-669-1987-2 (en castelán)

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]