Apoiatura
A apoiatura[1] en música é un signo que se coñece como Ornamento musical. Tamén é denominada apoiatura longa en contraposición á apoiatura.[2][3][4][5] Unha apoiatura musical, conforme a Souriau, supón o feito de esquivar a nota que viría esixida pola estrutura melódico-harmónica e no canto de interpretala inmediatamente, chégase a ela de forma indirecta, aínda a risco de producir unha disonancia.[6]
O termo provén do verbo italiano appoggiare que significa «apoiar».
Representación gráfica
[editar | editar a fonte]Nas partituras e partichelas, do mesmo xeito que a acciaccatura, aparece representada mediante unha ou varias notas de tamaño reducido que se debuxan diante ou detrás da nota principal presentada en tamaño convencional (ver Figura 1). Polo xeral, a apoiatura adoptará a forma dunha pequena corchea. Pode ser anotada seguindo o procedemento que acabamos de comentar, é dicir, como ornamento ou ben escribindo a súa execución en notación normal.[2][3][4][5]
Usos e efectos
[editar | editar a fonte]Trátase dunha nota que non pertence á melodía ou ao acorde. Normalmente dá lugar a unha disonancia con respecto á harmonía predominante que inmediatamente despois se resolve por graos conxuntos no seguinte tempo débil. Adoita implicar que a nota de adorno está un ton ou semitón por riba ou por baixo da nota principal. A miúdo emprégase a nota natural que segue á nota principal na escala diatónica, aínda que non hai regras estritas respecto diso. Igualmente existen as apoiaturas de varias notas que se poden colocar de maneira máis libre.[2][3][4]
A apoiatura, a diferenza da acciaccatura,[5] forma parte da melodía e toma a súa duración da nota á que precede ou nota principal. Aínda que este valor pode variar en función do contexto en que se atope:
- Cando a nota principal é divisible por dúas subtraerá a metade do seu valor.
- Se a nota principal é divisible por tres, a apoiatura restaríalle dúas terceiras partes da súa duración.
- No caso de que a nota principal estea ligada a outra, a apoiatura tomará o valor da máis longa das dúas.[7]
Na execución non se adoita acentuar a nota principal. No entanto, é fundamental coñecer a que época pertence a peza xa que a súa execución pode variar. A apoiatura é un ornamento que dá como resultado unha interpretación máis estética dunha obra musical. No Barroco era habitual que a música se interpretase no clavicémbalo, que era un instrumento que non permitía achegar ningunha clase de matices. De aí xurdiu a necesidade de adornar as melodías da época para dotar de variedade e estética ás composicións. Así mesmo, este ornamento foi utilizado con frecuencia polos compositores do período clásico.[8]
Na música barroca e do clasicismo así como no período romántico temperán, en determinados contextos a apoiatura dábase por sentado mesmo cando non estaba anotada na partitura. Esta circunstancia era particularmente frecuente no recitativo.[3]
Tipos
[editar | editar a fonte]As apoiaturas poden presentarse nun dos tipos seguintes:[2][3][4]
- Apoiatura breve ou acciaccatura: escríbese cunha corchea pequena riscada antes da nota principal.[5]
- Apoiatura longa: represéntase cunha corchea pequena sen riscar antes da nota principal.
- Apoiatura dobre: represéntase con dúas notas semicorcheas máis pequenas antes da nota principal que poden estar separadas entre si por intervalos diversos.
- Apoiatura posterior: neste caso a apoiatura aparece trala nota principal e reduce a duración desta no seu propio valor. Tamén pode ser sinxela ou dobre.
Ademais, estas notas de adorno pódense clasificar atendendo a dous criterios:
- Ascendentes ou descendentes, segundo sexan respectivamente máis graves ou máis agudas que a nota principal.
- De grao ou de salto, segundo estean colocadas a unha distancia de segunda da nota principal ou a distancia maior.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Apoiatura en bUSCatermos da USC.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Randel, Don Michael: The Harvard Dictionary of Music. Harvard University Press, 2003, p. 49.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 «Appoggiatura». New Grove Dictionary of Music and Musicians, ed. Stanley Sadie. Macmillan, 2001 [1980].
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Grabner, Hermann: Teoría general de la música. Akal, 2001, pp. 25-32.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 Seletsky, Robert E.: «Acciaccatura». New Grove Dictionary of Music and Musicians, ed. Stanley Sadie. Macmillan, 2001 [1980].
- ↑ Souriau, Étienne: Diccionario Akal de Estética. Akal, 1998, p. 118.
- ↑ Baxter, Harry & Baxter, Michael: Cómo leer música. Robinbook, 2007, p. 188.
- ↑ Antrazyt, Gisela E.: Guía de lenguaje musical. Icaria, 1989, p. 13.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Apoiatura |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- «Appoggiatura». New Grove Dictionary of Music and Musicians, ed. Stanley Sadie. Macmillan, 2001 [1980].
- Barjau, Eustaquio: «La música en los aledaños de la palabra: a propósito de la 'ornamentación musical'»Arquivado 30 de outubro de 2020 en Wayback Machine.. Palabra y música, 2005, pp. 83-93.
- Férriz Lozano, Eudoxia. Paradigma Digital, 2009 :19-22
- Hiller, Johann A. & Beicken, Suzanne J.: Treatise on Vocal Performance and Ornamentation. Cambridge University Press, 2001.
- Kreitner, Kenneth et al.: «Ornaments». Grove Music Online, ed. L. Macy. Consultado o 14-09-2008.
- Marín Corbí, Fernando: «De la ornamentación a la improvisación musical». Quodlibet, 47:10-31, 2010.
- Seletsky, Robert E.: «Acciaccatura». New Grove Dictionary of Music and Musicians, ed. Stanley Sadie. Macmillan, 2001 [1980].
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- «Notas de adorno» en Teoria.com
- «Notas de adorno» en MuseScore.org