Andrej Kryt

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Андрэй Крыт
(Andrej Kryt)
Митрополит Андрей (Крит).jpg
Primado da Igrexa ortodoxa autocéfala belarusa
Biografía
Nacemento3 de xullo de 1901 en Marchačoŭščyna, Gobernación de Minsk, Imperio Ruso
Pasamento21 de maio de 1983 en Cleveland, Ohio
Ordes
Ordenación sacerdotal25 de xuño de 1950, por Vasiĺ Tamaščyk
Consagración episcopal15 de febreiro de 1968, por Sierhij Achatenka
Primeiro xerarca da Igrexa ortodoxa autocéfala belarusa
Metropolita de Hrodna e Cleveland
1971 - 1983
PredecesorSierhij Achatenka
SucesorIziaslaŭ Brucki

Andrej Kryt (en belaruso: Андрэй Крыт), nado como Aliaksandr Piatrovič Kryt (en belaruso: Аляксандр Пятровіч Крыт) o 3 de xullo de 1901 en Marchačoŭščyna (entón na gobernación de Minsk, Imperio Ruso) e finado o 21 de maio de 1983 en Cleveland (Ohio), foi un eclesiástico belaruso, primado da Igrexa ortodoxa autocéfala belarusa entre 1971 e 1983.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi fillo de Piotr Varfalamiejevič Kryt e de Teklia Kryt, un matrimonio de ortodoxos belarusos. En 1924 graduouse polo ximnasio de Niasviž, e en 1927 comezou a estudar para mestre en Radaškovičy. Ate 1939 residiu no territorio da Segunda República de Polonia, participando no movemento nacional belaruso e sendo membro da Unión dos Campesiños e Traballadores Belarusos.

En 1939, como soldado do exército polaco, foi capturado. Logo de ser liberado, uniuse á vida social dos belarusos en Alemaña. Por invitación do seu amigo Fabijan Akinčyc, uniuse en 1941 ao Comité de Autoaxuda Belaruso en Berlín, traballando na escola de Wustrau. En 1948 trasladouse ao Reino Unido, sendo membro da Asociación de Belarusos en Gran Bretaña, da que foi vicepresidente entre 1949 e 1950. No país coñeceu e mantivo amizade co greco-católico Časlaŭ Sipovič, quen lle conseguiría entre outras cousas libros litúrxicos cos que celebrar.

O 25 de xuño de 1950 foi ordenado sacerdote da Igrexa ortodoxa autocéfala belarusa polo bispo Vasiĺ Tamaščyk. Creou a parroquia de Bradford, e foi o organizador da súa Igrexa no Reino Unido. En febreiro de 1961 trasladouse aos Estados Unidos, e estableceuse en Cleveland. Sete anos máis tarde ingresou na vida monástica, tomando o nome de Andrej, e posteriormente foi elevado á dignidade de arquimandrita.

O 15 de febreiro de 1968 foi ordenado bispo co título de Hrodna-Navahrudak e Cleveland. Recibiu a consagración episcopal de mans de Sierhij Achatenka, primeiro xerarca da Igrexa, e de Dimitrije Balać, bispo de Australia e Nova Zelandia da Igrexa ortodoxa serbia libre. A consagración tivo lugar na cidade australiana de Adelaida.

O metropolita Kryt celebrando unha voda.

En 1970 foi elixido para dirixir a Igrexa nos Estados Unidos. Durante este período, estebeleceu como sé a parroquia de Cleveland. Posteriormente levou a cabo unha viaxe polo Reino Unido, visitando diferentes parroquias, e o 25 de setembro de 1971 visitou a casa mariana de Londres, onde foi recibido por Časlaŭ Sipovič.

En 1972 foi elixido primeiro xerarca da Igrexa belarusa, elevándoo ao rango de arcebispo. Nun segundo sínodo en maio de 1972 en Nova Jersey a Igrexa foi organizada como metrópole, e noutro sínodo do 13 de xullo de 1973 se definiron as eparquías dos Estados Unidos e Australia, da que Kryt foi nomeado metropolita, e a do Canadá e Europa, da que foi nomeado arcebispo Mikalaj Macukievič. Co gallo do pasamento do greco-católico Leŭ Haroška en 1977 escribiu unha carta de condolencia.

Nos seus últimos anos tivo desacordos co bispo Macukievič. O conflito comezou en 1981, por mor da decisión de Andrej Kryt de nomear bispo a Iziaslaŭ Brucki; sen escoitar a opinión de Macukievič, Kryt consagrou a Brucki como bispo, co título de Polack; isto provocou un cisma que duraría até 2003, cando se realizou un sínodo de unificación entre as dúas faccións.

O metropolita Andrej finou o 21 de maio de 1983. As súas exequias foron celebradas na catedral de San Cirilo de Turaŭ de Brooklyn, e está enterrado no cemiterio de East Brunswick, en Nova Jersey.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Гарбінскі, Юрась (1999). Беларускія рэлігійныя дзеячы XX ст.: Жыццярысы, мартыралогія, успаміны [Figuras relixiosas belarusas do século XX: vidas, martiroloxio, memorias] (en belaruso). Minsk-Múnic: Беларускі кнігазбор. ISBN 985-6318-65-3.