Saltar ao contido

Amador Lorenzo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Amador
Información persoal
Nome Amador Lorenzo Lemos
Nacemento 29 de setembro de 1954 (70 anos)
Lugar de nacemento Bueu
Posición Porteiro
Carreira xuvenil
Pontevedra
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1971–1972 Atlético Pontevedrés
1972–1975 Pontevedra 47 (0)
1975–1976 Real Madrid Castilla 35 (0)
1976–1978 Real Madrid 1 (0)
1978–1980 Hércules 63 (0)
1986–1990 Murcia 110 (0)
Total 263 (0)
Selección nacional
1972 España xuvenil
1980 España B 1 (0)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Amador Lorenzo Lemos, coñecido simplemente como Amador, nado en Bueu o 29 de setembro de 1954, é un exfutbolista galego que xogaba de gardameta. É o único futbolista galego que vestiu a camiseta dos dous maiores clubs de España: o Real Madrid e o FC Barcelona.[1] Aínda que tivo pouco protagonismo en ditos equipos, conquistou oito títulos, entre eles dúas ligas, dúas Copas do Rei e unha Recopa de Europa. Militou tamén no Pontevedra, club no que comezou a súa carreira, no Hércules e no Murcia.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Comezou a súa carreira como futbolista no Atlético Pontevedrés, filial do Pontevedra CF. Na tempada 1972/73 subiu ao primeiro equipo, co que debutou na Segunda División da man de Caeiro na primeira xornada ante o Barakaldo. Disputou 14 partidos esa campaña co equipo granate, co que acabou descendendo a Terceira. Defendeu a portería de Pasarón durante dúas campañas máis, acadando os 52 partidos oficiais co club.

Na tempada 1974/75 deixou Galicia para fichar polo Real Madrid Castilla, tamén de Terceira. Titular en case todos os partidos da tempada, co equipo dirixido por Sanchís rematou na terceira posición a un punto da promoción de ascenso a Segunda. As súas boas actuacións no filial propiciaron que para a tempada tempada 1976/77 pasase ao primeiro equipo do Real Madrid como terceiro porteiro.

Durante a súa primeira campaña no equipo non chegou a xogar ningún encontro oficial, tendo por diante ao ourensán Miguel Ángel e a García Remón. Non foi ata a tempada 1977/78 cando puido debutar na Primeira División, debido ás lesións dos outros dous gardametas. Foi o 6 de novembro de 1977, nun partido no Estadio Santiago Bernabéu ante o Valencia. O seu equipo, adestrado por Luis Molowny, gañou 1-0.[2] Uns días despois xogou na Copa do Rei o seu segundo e último encontro oficial co Real Madrid, ante o Algeciras. No verán de 1978, despois de gañar a súa primeira liga, deixou o club branco e fichou polo Hércules.

No equipo alacantino, que adestraba o exporteiro Joanet, non tardou en facerse coa titularidade por diante do internacional Deusto, e disputou un total de 32 partidos na súa primeira campaña, aos que sumou outros 42 na seguinte. O seu bo nivel abriulle as portas da selección B de España e do FC Barcelona, que o contratou en xuño de 1980.

O seu traspaso ao Barcelona custoulle ao club catalán 35 millóns de pesetas, así como as cesións ao Hércules de Amigó e Adjutori Serrat.[3] Porén, no equipo barcelonés non logrou acadar a titularidade, sendo suplente de Pedro María Artola primeiro e de Urruti despois.[4] Disputou un total de 26 partidos oficiais nas súas seis tempadas como azulgrana e acumulou numerosos títulos: unha liga, dúas Copas do Rei, dúas Copas da Liga, unha Supercopa de España, unha Recopa de Europa e un subcampionato da Copa de Europa en 1986. Tralo fracaso desta final continental ante o Steaua de Bucarest, deixou Barcelona e fichou polo Real Murcia.

Durante tres anos foi o gardameta titular do club murciano en Primeira División, co que acabou descendendo ao remate da tempada 1988/89. Disputou unha cuarta campaña co equipo en Segunda, acadando os 118 partidos oficiais co club, antes de colgar as luvas en 1990.

Trala súa retirada regresou a Galiza, desde onde colaborou co corpo técnico do FC Barcelona como observador de novas promesas.

Selección nacional

[editar | editar a fonte]

Foi internacional coa selección xuvenil de España, coa que conseguiu a medalla de bronce na Eurocopa xuvenil de 1972. En 1980 foi convocado en varias ocasións por Luis Suárez para a selección B de España, chegando a disputar con esta un partido internacional ante Hungría en Valencia.[5]

Palmarés

[editar | editar a fonte]
Real Madrid
FC Barcelona
  1. Labarga, Nacho (18 de marzo de 2023). "Un Clásico desde los dos bandos". Marca (en castelán). Consultado o 18 de marzo de 2023. 
  2. "Lo normal es que no juegue el domingo". ABC (en castelán). 10 de novembro de 1977. p. 64. Consultado o 17 de marzo de 2023. 
  3. Bernardos, Manuel (13 de xuño de 1980). "El Barcelona ficha a Amador". El País (en castelán). Consultado o 17 de marzo de 2023. 
  4. "Amador aún no ha perdido la esperanza de ser el guardameta titular del Barcelona", artigo en La Vanguardia, 26 de xaneiro de 1985 (en castelán).
  5. "El equipo B entusiasmó en el segundo tiempo". El País (en castelán). 24 de setembro de 1980. Consultado o 17 de marzo de 2023. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]