Pobo altai

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Altais»)
Non confundir coa estrela Altais, unha das máis brillantes da constelación Draco
Pobo altai
Xinete altai.
Poboación
Poboación total:
74 238 (2010)[1]
Rexións principais:
República de Altai68 814 (2010)
Krai de Altai1 763 (2010)
Aspectos culturais
Linguaaltai e ruso
RelixiónXamanismo
Cristianismo ortodoxo
Burkhanismo
Grupos
relacionados
Teleutas, Telengit, Tubalar, Calmucos

Os altais (en altai: Алтай-кижи; Altai kizhi) son un pobo nativo de Siberia, que habitan na República de Altai (68 814 habitantes), onde constitúen o 31% da poboación,[2] e no Krai de Altai (1 763 habitantes), segundo o censo de 2010.

Falan as linguas altai, unhas linguas da familia turca.

Dous grupos étnicos[editar | editar a fonte]

Os altais comprenden dous grupos étnicos:

  • Os altais do norte, que inclúen os grupos Tubalar (ou Tuba-Kizhi), os Chelkanos, os Kumandin e os Shors.
  • Os altais do sur, que comporenden os Altais propiamente ditos (ou Altai-Kizhi), os Teleutas, os Teles e os Telengit.

Os altais do norte e do sur formáronse na rexión das montañas Altai sobre a base de tribos Kimek-Kipchaks.[3][4]

Segundo un estudo recente (2016), os altais, especialmente os do sur, son descendentes do pobo ienisei e están moi relacionados con grupos paleoesquimós.[5]

Forma de vida[editar | editar a fonte]

Os altais eran orixinariamente nómades, cun estilo de vida baseado na caza e o pastoreo (gando vacún, ovellas, cabras), pero moitos sedentarizáronse como resultado da influencia rusa.

A alimentación común e tradicional está baseada no consumo de carne e lácteos. Os altáis procesan o leite agre, e fabrican kumis, callda e queixos. Tamén acostuman comer avea, cebada e algúns tubérculos silvestres.

Vivían tradicioinalmente en pequenas aldeas dispersas, onde había varias vivendas, levantadas a unha considerábel distancia unhas das outras. Habitaban en iurtas cónicas levantadas con troncos e cascas.

Organización social[editar | editar a fonte]

Tradicionalmente eran grupos tribais descentralizados, cada un dos cales estaba dividido en clans patrilineais exógamos, chamados seok (ósos).

Relixión[editar | editar a fonte]

Xamán altai.

Segundo as crenzas tradicionais, o mundo estaba controlado por un conxunto de espíritos bos e malos, comandados por dúas deidades principais e opostas: por unha parte, Ulgen, o bo creador do mundo e protector da xente e, por outra, Erlik, o malvado señor do inframundo. A ambos sacrificábanse cabalos, cuxa carne era comida polos participantes na cerimonia, mentres que a pel se estiraba nun poste e se deixaba no lugar do sacrificio. Concedíase grande importancia á oración pública. Oraban ao ceo, ás montañas, á auga, ao lume e á árbore sagrada, o bidueiro. Tamén se practicaba o culto ao Tësei, no que os membros da familia e o clan se consideran as súas imaxes, e rezaban para apacigualo.

As cerimonias presididas polo xamán, ou kama, ralizábanse ao son do tambor sagrado, tocado cun mazo especial. A pel do tambor representaba a imaxe do universo e as criaturas viventes. O mazo era considerado como o espírito do instrumento principal, que representaba a figura humana.

A partir do século XIX moitos altais ingresaron na Igrexa ortodoxa rusa. Desde 1904, comezou a extenderse entre os altais o Ak Jang ou burkhanismo (da palabra mongol, "Burkhan" = "Buda"), un movemento relixioso baseado no xamanismo, en combinación con elementos do cristianismo e do budismo tibetano-mongol.[6]

Historia[editar | editar a fonte]

Os altais foron anexionados polos Catro Oirates dos mongois occidentais no século XVI. Os mongois chamáronos "Telengid" ou "Telengid aimag" no período da dinastía Yuan do Norte. Despois da caída do khanato de Zungaria no século XVIII, os altais foron subxugados pola dinastía Qing. Nesta corte referíase a eles como "Altan Nuur Uriyangkhai".[7] Pero os altais non están relacionados xeneticamente cos Uriyangkhai, que é un grupo étnico oirate-mongol veciño en Mongolia.

Os altais entraron en contacto cos rusos no século XVIII. No período do imperio Ruso os altai eran coñecidos como oirots ou oyrots (este nome significa oirates); despois foron incluídos no óblast autónomo de Gorno-Altai. Os altais relatan que moitos deles volvéronse adictos ao vodka dos rusos, que chamaron "auga de fogo".[8]

Antes de 1917 os altais estaban considerados como un pobo composto por numerosos grupos étnicos diferentes.[9]

Co ascenso da revolución rusa de 1917, os altais intentaron facer da súa rexión unha república burkhanista separada chamada Oyrot. O seu apoio aos menxeviques durante a Guerra Civil Rusa levou ao colapso desta república tras a vitoria dos bolxeviques, e o posterior ascenso de Stalin. Na década de 1940, durante a segunda guerra mundial, cando Stalin levou a cabo numerosas purgas, o seu goberno acusou aos altais de seren pro-xaponeses. A palabra "oyrot" foi declarada contrarrevolucionaria. En 1950, a política de desenvolvemento da industrialización na Unión Soviética (1927-1953) deu lugar a unha importante migración de rusos a esta república, reducindo a proporción dos altais na poboación total do 50 % ao 20 %.[10] Nos inicios do século XXI, os altais étnicos representan aproximadamente o 31 % da poboación da república de Altai.[11]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Russian Census 2010: Population by ethnicity Arquivado 04 de decembro de 2013 en Wayback Machine. (en ruso)
  2. "Altai Republic :: official portal". Arquivado dende o orixinal o 13 de agosto de 2006. Consultado o 24 de outubro de 2006. 
  3. Ethnic history, History of a region, Statistic information at http://eng.altai-republic.ru/index.php Arquivado 17 de xullo de 2011 en Wayback Machine.
  4. NUPI - Centre for Russian Studies profile Arquivado 30 de setembro de 2007 en Wayback Machine. (en inglés).
  5. Flegontov, Pavel; Changmai, Piya; Zidkova, Anastassiya; Logacheva, Maria D.; Altınışık, N. Ezgi; Flegontova, Olga; Gelfand, Mikhail S.; Gerasimov, Evgeny S.; Khrameeva, Ekaterina E. (2016-02-11). "Genomic study of the Ket: a Paleo-Eskimo-related ethnic group with significant ancient North Eurasian ancestry". Scientific Reports 6. ISSN 2045-2322. PMC 4750364. PMID 26865217. doi:10.1038/srep20768. 
  6. Znamenski, Andrei A. (2014-06-30). "Power for the Powerless : Oirot/Amursana Prophecy in Altai and Western Mongolia, 1890s-1920s". Études mongoles et sibériennes, centrasiatiques et tibétaines (en inglés) (45). ISSN 0766-5075. doi:10.4000/emscat.2444. 
  7. Atwood, Cristopher P. (2004): Encyclopedia of Mongolia and the Mongol Empire. New York, NY, USA: Facts on File. ISBN 978-0-8160-4671-3, p. 9.
  8. "People from Russia — Interviews on the Streets", Way To Russia, 24 de setembro de 2003.
  9. Kolga, M. et al. (2001): The Red Book of the Peoples of the Russian Empire. Tallin, Estonia: NGO Red Book. ISBN 978-9-9859-3692-4, p. 29.
  10. "Altay" Arquivado 24 de abril de 2006 en Wayback Machine., Centre for Russian Studies, NUPI. Consultada o 28 de marzo de 2019.
  11. "Altai Republic :: official portal". Arquivado dende o orixinal o 13 de agosto de 2006. Consultado o 2006-10-24. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]