Alice Springs

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 23°42′0″S 133°52′12″L / -23.70000, -133.87000

Alice Springs
Alice Springs Australia.jpg
Vista da cidade
Situación xeográfica
Alice Springs en Australia
Alice Springs
Alice Springs
País Australia Australia
Estado Flag of the Northern Territory.svg Territorio do Norte
Xeografía
Altitude msnm
Superficie 148 km²
Poboación
Poboación 28 605 hab. (2012)[1]
Densidade 193 hab/km²
Información
Código postal 0870-0872
Alcalde Damien Ryan
Páxina web Páxina oficial de Alice Springs

Alice Springs (Mparntwe en lingua arrernte), é unha cidade do Territorio do Norte, Australia. Segundo o censo de 2012 tiña 28 605 habitantes.

O asentamento, orixinalmente chamado Stuart, comezou como unha estación telegráfica en 1872 no medio do territorio tradicional dos arrernte centrais, preto dun regato chamado Alice Springs e máis tarde coñecido como río Todd, no medio da rota das caravanas de camelos que percorrían o deserto australiano. O ferrocaril chegou en 1929 e a cidade mudou de localización, aínda que en 1933 pasou a se denominar oficialmente Alice Springs.

Na cidade está a base de utilización conxunta australiano–estadounidense Pine Gap (1966) para o seguimento de satélites militares, na que traballan 700 persoas, pero a maior fonte de ingresos da cidade é o turismo. Alice Springs é a segunda cidade máis grande do Territorio do Norte, colocándose, por tamaño e poboación só por baixo de Darwin. É coñecida popularmente como The Alice, ou simplemente Alice.

Historia[editar | editar a fonte]

A cidade está case no centro exacto de Australia, e era un punto de paso para a liña de telégrafo entre Adelaida e Darwin. Ata a década de 1930 a cidade chamouse Stuart, en honra de John McDouall Stuart, quen en 1862 encabezou unha expedición ao centro de Australia, onde Alice Springs está situada, para poder construír a liña de telégrafos, que se terminou en 1972. A expedición de Stuart abriu o camiño ao interior da illa e permitiu a súa colonización permanente. Con todo, ata o achado de ouro en Arltunga, a 100 km da cidade, non houbo ningún asentamento de importancia.

A estación de telégrafos de Alice Springs foi situada preto do que se creu unha reserva de auga permanente, no que era o seco río Todd. Foi chamado Alice Springs en honra á esposa do que entón era o administrador de correos de Australia do Sur, Sir Charles Todd. O medio de transporte que foi usado inicialmente foron os camelos, guiados por emigrantes vindos da fronteira noroccidental da India Británica e Paquistán, que eran chamados cameleiros afgáns.

En 1929 terminouse o ferrocarril Palmerston and Pine Creek, que ía de Darwin a Birdum, mentres que o Great Northern Railway terminouse en 1991, que ía de Port Ausgusta a Oodnadatta. Con todo, non foi ata 2003 cando ambas as liñas uníronse.

Durante a década de 1960 converteuse nunha importante referencia defensiva co desenvolvemento da Pine Gap, unha base de satélites baixo terra, creada polos Estados Unidos e Australia. Con todo, a principal industria da cidade é o turismo grazas á proximidade da montaña Uluru ou tamén chamada Ayers Rock.

O nome que recibe por parte dos aboríxes é o de Mparntwe. Segundo as historias dos nativos arrernte, criaturas ancestrais merodean pola zona onde se sitúa a cidade, onde hai numerosos lugares importantes para os nativos, como Anthwerrke (Emily Gap), Akeyulerre (Billy Goat Hill), Ntaripe (Heavitree Gap), Atnelkentyarliweke (Anzac Hill) e Alhekulyele (Monte Gillen). No século XXI, a cidade ten influencias aboríxes e occidentais.

Xeografía e clima[editar | editar a fonte]

A cidade está situada xusto no centro de Australia, nunha zona desértica chamada Red Centre (o Centro vermello). Pola cidade pasa o río Todd, que a maior parte do tempo está seco. As temperaturas cambian drasticamente na cidade, pasando duns 28,8 °C de media no verán a uns 11,8 °C de media no inverno. A precipitación media é de 286 mm, pero pode variar radicalmente de ano a ano.

Táboa climática
Xan Feb Mar Abr Mai Xuñ Xul Ago Set Out Nov Dec Total anual
Temperatura media diaria das máximas (°C) 36,3 34,9 32,6 28,1 23,0 19,9 19,6 22,5 27,1 30,8 33,6 35,3 28,7
Temperatura media diaria das mínimas (°C) 21,3 20,7 17,4 12,5 8,3 5,2 4,0 6,0 10,2 14,7 17,8 20,2 13,2
Precipitación media (mm) 38,0 44,1 32,3 17,3 20,0 14,5 14,0 9,8 8,6 21,6 27,5 38,1 285,7
Número medio de días con choiva 4,6 4,8 3,1 2,2 3,2 2,7 2,6 2,0 2,3 4,7 5,7 5,8 43,7
Fonte: Oficina de Meteoroloxía de Australia

Transportes e comunicacións[editar | editar a fonte]

O tren coñecido como The Ghan é un dos principais medios de transporte da cidade.

A cidade de Alice Springs está comunicada por ferrocarril mediante o tren coñecido como The Ghan, que une Adelaida con Darwin. Tamén hai varios voos diarios con destino a Sidney, Melbourne, Uluru, Adelaida, Perth, Cairns e Darwin. A cidade tamén está comunicada por estrada, a principal delas, a Autoestrada Stuart, que une Darwin con Adelaida vía Alice Springs. Ademais conta cun servizo de autobuses que cobren esa mesma liña.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "ABS 3218.0 – Regional Population Growth, Australia, 2012". Consultado o 11 de decembro de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Alice Springs Modificar a ligazón no Wikidata

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]