Alfred Vogel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaAlfred Vogel

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento26 de outubro de 1902 Editar o valor em Wikidata
Aesch (Basileia-Campo), Suíza (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte1 de outubro de 1996 Editar o valor em Wikidata (93 anos)
Feusisberg, Suíza Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeSuíza Editar o valor em Wikidata
RelixiónTestemuñas de Xehová Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoMedicina alternativa Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónemprendedor , escritor , médico Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua alemá Editar o valor em Wikidata
Alfred Vogel
Alfred Vogel.

Alfred Vogel, nado en Basilea-Campo (Suíza) o 26 de outubro de 1902, e finado en Feusisberg (Suíza), o 1 de outubro de 1996, foi un fitoterapeuta, nutricionista, escritor e orador suízo.

Biografía[editar | editar a fonte]

Alfred Vogel naceu en 1902 en Aesch, comuna suíza do cantón de Basilea-Campo. Era o máis pequeno de catro irmáns e seu pai e avós fórono iniciando desde pícaro nas plantas medicinais. Aos 21 anos, xa dirixía o seu propio establecemento de herboristería e de produtos dietéticos en Basilea, onde comezou a aconsellar os seus clientes sobre a súa filosofía de vida sa e natural, e comezou tamén a preparar e vender produtos. En 1927 casou con Sophie Sommer, con quen tivo dúas fillas. En 1929 comeza a publicar unha revista mensual titulada Das Neue Leben (A nova vida), que a partir de 1941 se converteu en A.Vogel Gesundheits-Nachrichten (Noticias de Saúde).

A partir de 1933 múdase coa súa familia ao cantón de Appenzell Rodas Exteriores, en primeiro lugar a Speicher e Trogen, e posteriormente, a Teufen. Alí as leis eran liberais no referente á práctica da medicina naturista e ao carón da súa consulta erixiu un sanatorio e un fogar infantil, así como un edificio para a elaboración dos seus produtos a base de plantas frescas, que cultivaba e recollía, sen ningún tipo de pesticidas, funxicidas ou outros elementos considerados daniños para o ecosistema e a saúde das persoas. A súa visión holística da saúde levouno a experimentar e perfeccionar a produción dos seus propios remedios naturais, concluíndo que a acción das plantas frescas é superior á das plantas secas.

En 1952 publicou o libro O Pequeno Doutor, obra de referencia na medicina naturista, onde recompila os seus coñecementos e que mereceu un amplo recoñecemento. Nese mesmo ano recibiu o título de Doutor Honoris Causa en botánica medicinal por parte da Universidade de California (Os Ánxeles, USA). En 1963 fundou a empresa Bioforce AG en Roggwil (cantón Thurgovia, Suíza), considerada unha das máis importantes, tanto en Suíza como Europa e ultramar, na elaboración de remedios naturais con control biolóxico. En recoñecemento aos seus logros para a medicina natural, concedéuselle en 1982 a medalla Priessnitz dos Heilpraktikers alemáns e en 1984 nomeárono membro honorífico do SAGEM (Sociedade Suíza de Medicina Empírica). En 1990, con 88 anos de idade, deixou a vida laboral para poder gozar tranquilamente da súa vellez e morreu en 1996, á idade de 94 anos.

Viaxes[editar | editar a fonte]

Vogel era unha apaixonado das viaxes, fitoterapeuta e naturópata cunha curiosidade sempre viva, interesouse por todas as plantas e herbas medicinais do planeta. Aproveitou cada ocasión para visitar países estranxeiros e outras culturas. E a principios dos anos 50, percorre numerosos países como América, África, Australia, Nova Zelandia e Tasmania.

Nunha das súas viaxes pasou un tempo en América do Norte cos indios síux. Alí fíxose amigo do xefe Alce Negro (ou Black Elk), quen lle ensinou a medicina tradicional india. Ao final da súa estadía, como sinal de amizade, Alfred Vogel recibiu do xefe Alce Negro sementes de echinacea. Os síux coñecían esta planta desde varias xeracións e utilizábana como medicamento universal: como uso externo para tratar as roeduras de serpes, feridas, mazaduras, e como uso interno para reforzar as defensas endóxenas. Xa en Suíza, Alfred Vogel empezou a cultivar e a investigar sobre esta planta, creando Echinaforce, que se convertería no produto máis importante da empresa.

Lembrando aquela época, escribía Alfred Vogel: "a planta xa non me abandonaría o resto da miña vida". E engadía: "realicei innumerables experiencias en min mesmo e aínda hoxe quedo asombrado do seu poder amplo e intenso".

Tras esta viaxe memorable e outras etapas, Alfred Vogel instalouse na localidade californiana de Pomona. Porén, desestimou o plan de fundar unha empresa nos Estado Unidos e, por consello da súa muller, rexeitou a invitación de dar clases no Instituto de Osteopatía, Quiropráctica e Métodos Naturistas da Universidade dos Ánxeles. Sophie Vogel coñecía ben o seu marido e sabía que aquilo non era para el, pois a súa máis prezada Universidade foi sempre a Natureza ao ar libre e as viaxes continuaron.

Deste xeito, chegou a etapa dunha granxa no Perú: en 1958 comprou en Tarapoto (Perú) unha leira de 72 hectáreas de terreo co fin de cultivar nela plantas medicinais, especialmente Chanca pietra, planta que xa coñecera nunha viaxe anterior pola rexión do Amazonas. Coa axuda dos indios, construíu alí unha casa e dispúxose a cultivar, ademais da Chanca pietra, cana de azucre, café, plátanos, iuca, papaia e uvas. Para asombro dos indios, el mesmo traballaba a terra. Segundo as súas palabras, aquilo era un pequeno paraíso. Pero o goberno peruano promulgou unha nova disposición legal que consistía en que os estranxeiros non podían dispor de máis de 15 hectáreas, e Alfred Vogel cedeu toda a súa posesión e partiu de novo.

Ás "aventuras" dos Estados Unidos e o Perú seguiron outras moitas. Fose en Norteamérica ou Suramérica, África, Oriente Próximo, Oriente Medio ou en Asia, Alfred Vogel tiña sempre clara a súa meta. Alá onde estivo sempre se mostrou aberto coa xente sinxela, facéndolles preguntas e mostrándose comunicativo. Visitou a maioría dos pobos e culturas, como a India, a China, Taiwán, Corea, o Xapón, Filipinas e Indonesia, permanecendo neles un tempo variable. Descubriu entón novas plantas medicinais que non coñecía, como o prezado ginseng de Corea, o durián (froita) ou o harpagofito (Suráfrica), así como novos métodos terapéuticos, como por exemplo a acupuntura.

A súa vida foi unha procura continua de como debe vivir o ser humano para non prexudicar o planeta nin as persoas. En 1963, Alfred Vogel fundou Bioforce AG en Roggwil, cantón de Turgovia, Suíza.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • El pequeño Doctor (1952) – 3ª edición en español a partir da 72ª edición suíza.