Aleixo III de Trebisonda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Aleixo III de Trebisonda
Chrysobull of Alexius III of Trebizond.jpg
Nacemento5 de outubro de 1338
 Trebizonda
Falecemento20 de marzo de 1390
 Trebizonda
NacionalidadeImperio de Trebisonda e Imperio Bizantino
Ocupacióngobernante
PaiBasilio de Trebisonda
NaiIrene de Trebizonda
CónxuxeTeodora Cantacuzena
FillosAnna of Trebizond, Queen of Georgia, Manuel III de Trebisonda, Eudokia of Trebizond, sen etiquetar, sen etiquetar e sen etiquetar
IrmánsTheodora Komnenos e Maria Komnenos
editar datos en Wikidata ]

Aleixo III de Trebisonda ou Aleixo III Comneno (en grego: Αλέξιος Γ΄ Μέγας Κομνηνός, trans. Aléksios III Mégas Komnēnós, nado en Trebisonda o 5 de outubro de 1338 e finado no mesmo lugar o 20 de marzo de 1390, foi emperador (Gran Comneno) de Trebisonda desde o 21 de xaneiro de 1350 até a súa morte. Aleixo III naceu o 5 de outubro de 1338.[1] O seu verdadeiro nome era Xoán, con todo, despois do seu ascenso ao trono, pasou a chamarse Aleixo, en honra do seu avó Aleixo II de Trebisonda[2][3]. Foi o segundo fillo do emperador Basilio Comneno e da súa amante (ou a súa segunda esposa) Irene[4]. Casou con Teodora Cantacucena, a sobriña do emperador bizantino Xoán VI Cantacuceno[5]. A súa voda con Teodora Cantacucena tivo lugar o 28 de setembro de 1351 no katholikón da igrexa de Santo Uxío[6]. O 21 de xaneiro de 1350 Xoán converteuse en emperador co nome de Aleixo III, despois de regresar a Trebisonda desde Constantinopla, tras un longo período de exilio[7].

Durante o seu reinado Aleixo III enfrontouse co conflito interno e as guerras civís entre as familias aristocráticas de Trebisonda, que atormentaban o Imperio desde o reinado de Irene Paleóloga[8]. Aleixo III foi incapaz de dominar ás familias enfrontadas; en lugar diso optou por achegarse a unha de cada vez, segundo as circunstancias, e sen deixar de arrestar aos membros de grupos rivais[9]. Tamén enfrontou as ameazas externas que foron o resultado da rivalidade entre os mercadores venecianos e xenoveses, así como os ataques dos turcomanos nos territorios do Imperio. Aleixo III tamén foi un gran benefactor da escola de educación superior en Trebisonda e de moitas igrexas e mosteiros na rexión[10]. Tamén restaurou os muros da cidade e de moitas fortalezas do país. Morreu o 20 de marzo de 1390[10].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e exilio[editar | editar a fonte]

Foi o fillo do emperador Basilio Comneno e da súa amante (ou a súa segunda esposa) Irene[4]. A aristocracia trapisondesa estaba representada principalmente por dúas familias: os Skholaris, coas súas alianzas constantinopolitanas, e a familia nativa dos Amytzantarios[11][12]. Despois da morte de Basilio o 6 de abril de 1340, as dúas familias aproveitaron o baleiro de poder a falta dun herdeiro lexítimo[4]. A esposa de Basilio, Irene Paleóloga estaba a ter dificultades para facer valer a súa autoridade[8]. Outras familias, como os Kabazites, Meizomates, Doranites e Tzanichites tamén se involucraron no conflito interno[13]. En agosto de 1340, Xoán (o futuro Aleixo III) xunto coa súa nai e o seu irmán máis vello foron enviados ao exilio en Constantinopla[10].

Regreso e ascenso ao trono[editar | editar a fonte]

O 22 de decembro de 1349, despois de Miguel Comneno abdicar do trono, Aleixo e a súa nai Irene regresaron a Trebisonda, co obxectivo de reclamar pacificamente o trono trapisondés apoiados por Xoán VI Cantacuceno[3][10]. Aleixo foi admitido na cidade polo pobo e os nobres e foi coroado o 21 de xaneiro do ano seguinte no katholikón da igrexa de Santo Uxío[2]. Despois da súa coroación obrigou a Miguel a se facer monxe e enviouno ao mosteiro de San Sabas[14].

Reinado[editar | editar a fonte]

Rebelións e conspiracións[editar | editar a fonte]

Desde o primeiro ano do seu reinado, Aleixo III tentou conter a inestabilidade política, causada pola inimizade entre as familias aristocráticas de Trebisonda: Aleixo III a miúdo aliábase cunha familia ou outra ou perseguía aos seus membros[10]. En xuño de 1350 arrestou ao gran stratopedarca Teodoro Doranites, tamén chamado Pilelis, e ao protovestiarios Constantino Doranites, así como a outros membros da mesma familia[15]. Os Doranites foron encarcerados por un curto período de tempo nunha prisión especial para os membros da aristocracia[15]. Con todo, as súas accións non disuadiron á ambiciosa aristocracia, que seguiu conspirando contra o emperador[16].

En xaneiro de 1351, o protovestiarios León Kabazites organizou unha conspiración contra Aleixo III[9]. O emperador arrestou a Kabazites e substituíuno con Pilelis, que fora liberado nese momento. Pouco despois Pilelis rebelouse de novo, ocupando o castelo de Trebisonda, Pilelis tamén capturou ao megaduque Nicetas Skholaris[17]. Con todo, este novo intento tivo un infrutuoso final, xa que non foi apoiado polo pobo[17]. Os conspiradores foron arrestados e encarcerados no castelo de Kekhrinas e un ano despois foron executados[17]. Nese momento, o emperador, sentíndose inseguro debido ás continuas rebelións, trasladouse a Tripolis[15].

En setembro de 1351 a nai de Aleixo III foi posta a cargo dunha misión contra Constantino Doranites en Limnia[15].  En abril de 1352 as relacións do emperador co pinkernes Xoán Tzanikhites foron restauradas, xa que só uns meses antes, en xaneiro, Tzanikhites ocupara a fortaleza de Tzanikha[18]. En maio de 1355 o emperador marchou contra o megaduque Nicetas Skholaris[19]. Skholaris anteriormente axudara ao emperador contra Doranites, pero reunindo o seu propio exército despois dos acontecementos de xuño de 1350 finalmente sublevouse en xuño de 1354, ocupando Cerasus[10]. Nicetas Skholaris tamén tentou atacar a cidade de Trebisonda por mar, axudado polo seu fillo e o protovestiarios Basilio Khoupakis[18]. En maio de 1355 Aleixo III tomou Cerasus, con todo, non foi capaz de capturar aos rebeldes, que fuxiron ao castelo de Kekhrinas[18]. Ao mesmo tempo, Miguel Comneno fixo un intento de recuperar o trono, pero fracasou. En outubro de 1356 o emperador ordenou ao megas domestikos Meizomates e ao gran stratopedarkhos Miguel Sampson marchar contra Kekhrinas e capturar a Skholaris e aos seus seguidores[18].

A tensión nas relacións entre o emperador e a aristocracia fixéronse evidentes cando Kabazites e Xurxo Skholaris tentaron asasinar a Aleixo III no río de San Gregorio en Katabatos, o 27 de outubro de 1363[20]. Kabazites foi capturado, pero Xurxo Skholaris escapou a Amisos, o bispo de Trebisonda Nefón foi confinado ao mosteiro de Sumela, como cómplice da conspiración[21]. En 1371, Aleixo III emitiu unha crisobula, que regresaba a Xurxo Doranites os ingresos da aldea de Khorobe[21]. Isto foi un intento de facer emendas e indicar que desexaba pór fin á guerra civil[21].

Guerra cos turcomanos[editar | editar a fonte]

O Imperio de Trebisonda e os seus veciños (1350).

Aleixo III fixo esforzos consistentes e arduos para recuperar as zonas do Imperio ocupadas polos emires turcomanos, pero tamén para asegurar as fronteiras do Imperio contra os ataques dos seus veciños, quen constantemente o ameazaron durante todo o seu reinado.

En agosto de 1355 Sorogaina foi liberada polo duque de Khaldia, Xoán Kabazites. O 27 de novembro de 1356 e de novo durante 1373, o emperador infrutuosamente marchou contra Kheriane[22]. O 11 de novembro de 1357 o Imperio de Trebisonda foi atacado por Ibrahim Haçi emir da rexión de Palaiomatzouka[22]. En 1360, mentres o emperador estaba a construír o castelo de Kukos en Khaldia, foi atacado polo emir turcomano, Hoça Latif, quen o obrigou a deter a construción[22]. Hoça Latif atacou sen éxito Matzouka ao ano seguinte[23]. En outubro de 1361 o turcomano Ahı Aynapak atacou a fortaleza de Golache e o cercouna, aínda que sen éxito. Con todo, o castelo caeu finalmente ante os turcomanos en 1369[23].

En 1370 Aleixo III derrotou aos turcomanos na área de Mármara, ao mesmo tempo que facía arduos esforzos para conservar o poder en Limnia e repeler os ataques dos turcomanos[24]. En febreiro de 1380 marchou con éxito contra os turcomanos con forzas militares e navais[23]. Aínda que Aleixo III non prevaleceu sobre os seus veciños musulmáns, recorreu ás alianzas matrimoniais como o fundamento da súa política externa.

Alianzas matrimoniais[editar | editar a fonte]

Tratando de manter baixo control aos gobernantes turcomanos e as súas aspiracións fronte ao Imperio de Trebisonda, Aleixo III desenvolveu unha política externa baseada en alianzas matrimoniais entre as mulleres da dinastía dos Grandes Comnenos e os herdeiros dos emiratos turcomanos[25]. Mediante esta vía diplomática, Aleixo III logrou gañar a seguridade territorial do seu Imperio pero tamén asegurou que as rutas comerciais permanecesen abertas na rexión do Ponto[25].

O primeiro matrimonio tivo lugar en 1352, entre Fakhr al-Din Kutlu Beg o emir de Amiot e a irmá de Aleixo, María Comnena[26]. O segundo matrimonio, en 1358, foi entre o emir Ibrahim Haçi e Teodora Comnena, irmá de Aleixo, despois do ataque do gobernante turcomano en Palaiomatzouka[25]. O 8 de outubro de 1379 o emir de Limnia Tadjeddin Pasha casou con Eudoxia Comnena, filla de Aleixo III, a cambio da zona de Limnia[27]. Nalgún momento despois de 1380 o gobernante turcomano de Paipert e Keltzene Muthharten casou cunha filla de Aleixo III, e outra filla do seu matrimonio casou con Kara Yülük Osman, fillo de María Comnena e Fakhr al-Din Kutlu Beg[25]. Tamén é posíbel que unha filla de Aleixo III casase co emir de Chalybia, Süleyman Haçi[28].

Aleixo III aplicou a mesma política de alianzas matrimoniais cos gobernantes cristiáns, co obxectivo de preservar as boas relacións e alianzas. A súa filla Ana casou co rei Bagrat V de Xeorxia en 1367[29]. O seu fillo Manuel III Comneno casou con Gulkhan, filla do rei David IX de Xeorxia[29].

Accións fronte ao expansionismo de Xénova e Venecia[editar | editar a fonte]

Expansión da República de Xénova no Mediterráneo.

A rivalidade entre os comerciantes venecianos e xenoveses, que ás veces daba lugar a enfrontamentos entre eles, foi unha das ameazas externas máis importantes para o Imperio, os dous rivais a miúdo movían as súas hostilidades aos territorios trapisondeses, así tamén representaban unha ameaza económica[30].

En 1364 Venecia mandou un embaixador ante Aleixo III esixindo a concesión dunha área para o seu barrio comercial, cunha crisobula emitida o mesmo ano, Aleixo outorgou o barrio entre a zona de «San Teodoro Gabras» e a costa, no leste dos suburbios de Trebisonda[31]. Este movemento foi un golpe para o próximo monopolio de Xénova no Mar Negro e trouxo unha reacción inmediata polos comerciantes xenoveses, que, nese momento, tiñan o seu barrio na zona comprendida entre Leonkastron e Kaneta[31]. Unha das reaccións máis violentas foi un conflito durante unha festa na praza principal da cidade[32]. En 1367, cunha segunda crisobula, Aleixo III concedeu aos venecianos novos privilexios comerciais e reducións de impostos, pero tamén lles permitiu estender o seu barrio na cidade de Trebisonda e construír o seu propio castelo[32]. Aleixo III, mesmo se comprometeu a cubrir os gastos para a construción dun recinto e unha torre[32]. Con todo, este castelo quedou inconcluso, xa que en 1368 Venecia non enviou os fondos necesarios para a súa realización[32].

Esta renovación das boas relacións entre o Imperio de Trebisonda e Venecia foron superficiais, xa que demostrou hostilidade entre os nativos e os venecianos, ela intensificou máis os esforzos por Aleixo III de impor a súa autoridade sobre os mercadores venecianos e unha posterior recuperación dos privilexios que lles dera coas crisobulas de 1364 e 1367[33]. Os venecianos foron gravados por novos impostos, resultante das débedas e as perdas financeiras, causadas pola competencia cos comerciantes locais[33]. En repetidas ocasións enviaron cartas ao emperador demandando unha compensación e en novembro de 1375 os venecianos organizaron unha campaña dirixida por Marco Giustiniani co obxectivo de destronalo[33]. Finalmente, a acción militar contra Aleixo III foi impedida en favor de negociacións pacíficas, onde os líderes da campaña esixiron unha compensación polas perdas dos venecianos e redución de impostos[33]. O novo tratado, asinado entre o emperador e os mercadores venecianos, tamén proporcionou que a débeda do emperador a Venecia sería reducida pola metade[33].

Morte[editar | editar a fonte]

Aleixo III morreu o 20 de marzo de 1390, e foi sucedido polo seu fillo Manuel III.

Legado[editar | editar a fonte]

Aleixo III de Trebisonda simbolizado na fundación do mosteiro de Dionisio no Monte Athos.

Aleixo III foi o benefactor de moitas igrexas e mosteiros na rexión do Ponto e a Grecia continental. En 1362 restaurou e decorou con frescos a igrexa de San Focas, o katholikón do mosteiro de Kordyle, que el mesmo fundara[34]. Entre 1360 e 1365 restaurou o mosteiro de Sumela[35]. Tamén doou unha icona da Virxe María, no tipo iconográfico da rosa inmarcesíbel[34]. En 1365 emitiu unha crisobula doando terras ao mosteiro de San Xurxo Khuturas, mentres que en 1374 fundou o mosteiro de San Dionisio no Monte Athos[25][34]. O monxe Dionisio de Koryssos prestou apoio financeiro para a construción do mosteiro, en nome do emperador Aleixo III, xunto coa suma anual de 1.000 moedas de prata[34]. En 1376, Aleixo decorou con frescos o katholikón do mosteiro de Panagia Theoskepastos[34]. En 1378 construíu o mosteiro de San Laurentios en Pelion e en 1386 deu privilexios ao mosteiro de Vazelon cunha crisobula[25][35]. As representacións de Aleixo III adornan o katholikón do mosteiro de Sumela, o mosteiro de Santo Uxío e o adro da igrexa do mosteiro de Panagia Theoskepastos[34].

Durante o reinado de Aleixo III a escola de educación superior en Trebisonda prosperou, baixo o interese persoal e o beneficio do propio emperador[36]. Baixo Aleixo III, o Imperio de Trebisonda en xeral pasou por un período de prosperidade, en especial despois do final das loitas internas e a exitosa erradicación das ameazas externas.

Matrimonio e descendencia[editar | editar a fonte]

Coa súa esposa Teodora Cantacucena, Aleixo III tivo seis fillos:

  • Ana (6 de abril de 1357 - despois de 1406). casou con Bagrat V de Xeorxia como a súa segunda esposa. A «Crónica Xeorxiana» do século XVIII indica que ela foi a nai do fillo menor de Bagrat V, Constantino I de Xeorxia[37].
  • Basilio (17 de setembro de 1358 - c. 1377). Fillo maior, morreu novo.
  • Manuel III (16 de decembro de 1364 - 5 de marzo de 1417).
  • Eudoxia. casou primeiro con Tadjeddin Pasha de Sinope, tamén emir de Limnia. O matrimonio tivo lugar o 8 de outubro de 1379. Tadjeddin morreu nunha batalla contra o seu tío Haji Omar en 1386[38]. Xurxo Frantzes indica que ela tivo fillos co seu primeiro marido, pero os nomes son descoñecidos. Eudoxia logo casou con Constantino Dragaš, un gobernante rexional semi-independente do fragmentando Imperio serbio, o seu propio reino centrouse en Velbazhd (Kyustendil). En 1395, xunto co seu veciño e aliado, o rei serbio Marko Mrnjavčević de Prilep, Constantino Dragaš morreu loitando polo seu sultán otomán Beyazid I contra Mircea I de Valaquia en Rovine, preto de Craiova. Eudoxia non tivo fillos coñecidos co seu segundo matrimonio[39].
  • María. casou con Süleyman Beg, emir de Chalybia.
  • Unha filla descoñecida. casou con Mutaharten, emir de Erzincan.

Aleixo III tivo polo menos un fillo ilexítimo, Andrónico. Estaba prometido ou casado con Gulkhan Khatun, unha filla de David IX de Xeorxia. Este fillo ilexítimo foi asasinado o 14 de marzo de 1376[40].

Devanceiros[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. (Nicol, 1968, p. 144)
  2. 2,0 2,1 Finlay, 2009, p. 431
  3. 3,0 3,1 Miller, 1926, p. 55
  4. 4,0 4,1 4,2 (Finlay, 2009, p. 419)
  5. (Ripley e Dana, 1857, p. 334)
  6. (Finlay, 2009, p. 432)
  7. (Φιλιππίδης, 1933, p. 237)
  8. 8,0 8,1 (Λυμπερόπουλος, 1999, p. 174)
  9. 9,0 9,1 (Miller, 1926, p. 246)
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 (Finlay, 2009)
  11. (Finlay, 2009, p. 444)
  12. (Miller, 1926, p. 46)
  13. (Finlay, 2009, p. 421)
  14. (Finlay, 2009, p. 430)
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 (Finlay, 2009, p. 433)
  16. Finlay, 2009, pp. 432–433
  17. 17,0 17,1 17,2 (Finlay, 2009, p. 434)
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 (Λυμπερόπουλος, 1999, p. 168)
  19. (Finlay, 2009, p. 435)
  20. (Finlay, 2009, p. 436)
  21. 21,0 21,1 21,2 (Bryer e Winfield, 1985, p. 327)
  22. 22,0 22,1 22,2 (ter Haar Romeny, 2009, p. 163)
  23. 23,0 23,1 23,2 (ter Haar Romeny, 2009, p. 161)
  24. (Finlay, 2009, p. 440)
  25. 25,0 25,1 25,2 25,3 25,4 25,5 (Nicol, 1992, p. 403)
  26. (Bryer, 1975, p. 135)
  27. (Bryer, 1975, p. 136)
  28. (Miller, 1926, p. 64)
  29. 29,0 29,1 Miller, 1926, pp. 68–69
  30. (Λυμπερόπουλος, 1999, p. 222)
  31. 31,0 31,1 (Bryer e Winfield, 1985, p. 203)
  32. 32,0 32,1 32,2 32,3 Zakythinos, 1932, pp. 34–35
  33. 33,0 33,1 33,2 33,3 33,4 (Λυμπερόπουλος, 1999, p. 232)
  34. 34,0 34,1 34,2 34,3 34,4 34,5 (Bryer e Winfield, 1985, p. 254)
  35. 35,0 35,1 (ter Haar Romeny, 2009, p. 166)
  36. Katsiampoura Yanna. "Σχολή Ανώτατων Σπουδών Τραπεζούντος". 
  37. "Profile of Bagrat V and his children in "Medieval Lands"". 
  38. "Profile of Tadjeddin and his children in "Medieval Lands"". 
  39. "Profile of Constantine Dragaš and his children in "Medieval Lands"". 
  40. "Profile of Alexios III and his children in "Medieval Lands"". 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Finlay, George (2009) [1851]. The history of Greece from its conquest by the Crusaders to its conquest by the Turks, and of the empire of Trebizond, 1204-1461 (en inglés). University of Michigan Press. ISBN 1150606843. 
  • Kazhdan, Alexander (1991). Oxford Dictionary of Byzantium (en inglés). Oxford University Press. ISBN 978-0-19-504652-6. 
  • Miller, William (1926). Trebizond: The Last Greek Empire of the Byzantine Era (en inglés). Chicago: Argonaut Publishers. 
  • ter Haar Romeny, R.B. (2009). Religious origins of nations?: the Christian communities of the Middle East (en inglés). Leiden University. ISBN 9789004173750. 
  • Ripley, George; Dana, Charles A. (1857). The New American cyclopaedia : a popular dictionary of general knowledge (en inglés). New York: Appleton. Consultado o 29 de agosto de 2011. 
  • Jongh, Brian; Gandon, John; Graham-Bell, Geoffrey (2000). Companion guide to Greece (en inglés). ISBN 9781900639354. 
  • Treadgold, Warren T. (1997). A History of the Byzantine State and Society (en inglés). Stanford University Press. ISBN 0804726302. 
  • Nicol, Donald M. (1992). Byzantium and Venice: A Study in Diplomatic and Cultural Relations (en inglés). Cambridge University Press. ISBN 9780521428941. 
  • Arbel, Benjamin; Hamilton, Bernard; Jacoby, David (1989). Latins and Greeks in the Eastern Mediterranean after 1204 (en inglés). Routledge. ISBN 0714633720. 
  • Nicol, Donald M. (1968). The byzantine family of Kantakouzenos, ca. 1100-1460. A Genealogical and Prosopographical Study (en inglés). Washington D.C. 
  • Φιλιππίδης, Χρύσανθος (1933). μητροπολίτης Τραπεζούντος, «Η Εκκλησία Τραπεζούντος» (en grego). Αρχείον Πόντου 4-5. 
  • Bryer, Anthony (1979). The estates of the Empire of Trebizond: evidence for their resources, products, agriculture, ownership and location (en inglés). Αρχείον Πόντου 4-5. 
  • Λυμπερόπουλος, B. (1999). O Bυζαντινός Πόντος. H αυτοκρατορία της Tραπεζούντας (en grego). Αθήνα. 
  • Bryer, A.; Winfield, D. (1985). The Byzantine Monuments and Topography of the Pontos (en inglés) I. Washington D.C.: Dumbarton Oaks Studies 20. ISBN 159740635X. 
  • Bryer, A. (1975). "Greeks and Turkmens: The Pontic exception" (en inglés). Dumbarton Oaks Paper 29. 
  • Zakythinos, D. A. (1932). Le Chrysobulle d’Alexis ΙΙΙ Comnene, Émpereur de Trébizonde en faveur des Venitiens (en francés). París. 
  • Bredenkamp, F. (1999). "The Doranites family of the 14th century Byzantine Empire of Trebizond" (en inglés). Βυζαντιακά 19. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]