Saltar ao contido

Alcmeónidas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os Alcmeónidas, (en grego antigo: Ἀλκμαιωνίδαι Alkmaiōnídai) foron unha das familias eupátridas da Atenas (séculos VI, V e IV a. C.). Pretendían ser atenienses autóctonos, descendentes por Alcmeón de Neleo (rei mítico de Pilos, fillo de Poseidón) e de Tiro, e aducían ser expulsados do seu reino polos dorios.[1]

Alcmeónidas e Cilonianos

[editar | editar a fonte]
Vista do Erecteion dende o suroeste.

O primeiro Alcmeónida soado foi o arconte Megacles I, que no 632 a. C. condenou á morte a Cilón e os seus cómplices, autores dun golpe de estado frustrado (posto que o pobo non se sublevou secundando os seus plans), que instigados por un oráculo délfico, apoderáronse da Acrópole.[2] Cilón sentou á beira da imaxe de Atenea Políade, protectora da cidade, sita no templo de Erecteo, o santuario máis antigo que tiña consagrado en Atenas, destruído máis tarde polos persas. Ao acollerse á protección da imaxe, o refuxiado adquiriu carácter de inviolable. Inviolabilidade que non se respectou e de aí o sacrilexio. Sobre Megacles, arconte epónimo, recaeu a responsabilidade e foi acusado de sacrilexio por Mirón de Flía.[3][4] Un tribunal composto por 300 nobres condenou a Megacles e á súa familia ao exilio perpetuo.[3] Os Alcmeónidas mortos foron desenterrados e trasladados aos arredores da cidade.[3] Epiménides de Creta foi chamado para purificar a cidade, o que fixo no ano 594 a. C.[3][5]

A tentativa de Cilón debeu contar co apoio de Megara, xa que o seu tirano Teágenes era sogro seu.[6] Cilón e o seu irmán conseguiron escapar da Acrópole, sendo os seus secuaces os que foron apresados, baixo a promesa dos atenienses a quen estaba confiada a garda da deusa, de non facerlles dano, pero matáronos. Incluso acabaron con algúns que sentaron xunto aos altares das Erinias.[7] O sacrilexio revestiu maior gravidade ao cometerse ao pé dos altares destas deusas. Segundo Plutarco os conxurados, convencidos por Megacles, accederon a baixar da Acrópole. O descenso fixérono atando á estatua un fino fío, pero cando chegaron preto das estatuas das Erinias, rompeu o fío e Megacles e os outros arcontes lanzáronse a capturalos, baixo o pretexto de que a deusa os rexeitaba como suplicantes. Aos que se refuxiaron nos altares das deusas degoláronos, ao resto lapidáronos, excepto a algúns aos que lles perdoaron a vida.[8]

Segundo a tradición ática, esta primeira expulsión dos Alcmeónidas ocorrería cara ao 594 a. C., en tempos de Solón e unha xeración despois da tentativa de Cilón. Con todo podería ser inmediatamente despois da conspiración e que os ósos non fosen desenterrados até a expulsión posterior.[9]

Durante o arcontado de Solón en 594 a. C., autorizouse o regreso dos Alcmeónidas, froito da súa política de reconciliación.

A historia de Atenas desde a conspiración de Cilón, mostra un antagonismo de máis dun século entre os Alcmeónidas e a nobreza ateniense; en concreto a súa alianza con familias para o derrocamento dos tiranos, sobre todo nos inicios da tiranía de Pisístrato.[10]

Alcmeón, fillo de Megacles, mandou as forzas atenienses na Primeira Guerra Sacra cara ao 590 a. C. Venceu nas carreiras de carros das Olimpíadas do 592 a. C. Era sumamente rico e na súa época e debido á súa fortuna, debeu de xeneralizarse o nome da familia.

Alcmeónidas e Pisistrátidas

[editar | editar a fonte]

Volveron ser expulsados da cidade durante a tiranía de Pisístrato. No 548 a. C. chegaron a un acordo coa anfictionía de Delfos e reconstruíron o templo de Apolo. No 510 a. C., trala caída de Hipias, os Alcmeónidas foron autorizados a regresar, de novo, a Atenas.

Megacles II, fillo de Alcmeón, casou con Agarista, filla do tirano de Sición, Clístenes. Megacles e a súa familia tamén foron exiliados tras acentuarse as diferenzas entre Megacles e Pisístrato despois da segunda toma do poder por parte do tirano.

Alcmeónidas posteriores

[editar | editar a fonte]
Bustos de Clístenes e Pericles.

Do matrimonio de Megacles e Agarista naceu Clístenes o reformador, que tivo un breve desterro tras caer a tiranía de Pisístrato. Outro fillo de Megacles foi Hipócrates, pai dunha segunda Agarista que contraeu matrimonio con Jantipo, matrimonio do que entre 495-490 a. C. naceu Pericles.

No 431 a. C. unha embaixada lacedemonia en Atenas, esixiu que para expiar o sacrilexio cometido contra Atenea fose desterrado Pericles, fillo de Jantipo, que estaba implicado no sacrilexio por vía materna, pero en realidade era un pretexto de Esparta para desprestixiar a Pericles cuxa política temía e coa certeza de que non prosperaría, pero si a acusación de que a guerra sobreviría debido á desgraza de pertencer á familia dos Alcmeónidas e a maldición que pesaba sobre el.

Entre os membros máis coñecidos desta familia atópanse: Clístenes, Pericles e Alcibíades. O tres foron involucrados no proceso que se instruíu contra os Alcmeónidas.

  1. Heródoto, Historia V.62.2
  2. Heródoto, op. cit.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Aristóteles, Constitución de los atenienses I.1
  4. Plutarco, Solón 12.1-2
  5. Plutarco, Solón 12
  6. Pausanias, Descripción de Grecia I.28.1
  7. Tucídides, Historia de la Guerra del Peloponeso I.126.11
  8. Plutarco, Solón 12.1
  9. A. W. Gomme, A. Andrewes y Kenneth DoverK.
  10. Felix Jacoby, p. 160

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]