Hipias de Atenas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hipias de Atenas
Nacementoséculo VI a. C.
Lugar de nacementoAtenas
Falecemento490 a. C.
Lugar de falecementoMaratona
NacionalidadeAntiga Atenas
Ocupaciónpolítico
PaiPisístrato
NaiHippias' and Hipparchus' mother
FillosArchedice
IrmánsHiparco de Atenas e Hegesistratus of Sigeum
editar datos en Wikidata ]

Hipias (en grego antigo: Ἱππίας), finado en 490 a.C., foi tirano de Atenas do 527 ao 510 a.C..

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Hipias era fillo do tirano Pisístrato, ao que sucedeu xunto co seu irmán Hiparco. Foi Hipias quen asumiu a dirección efectiva dos asuntos públicos, aínda que non é fácil delimitar que parte dos logros da tiranía en Atenas foi obra do pai e cal dos fillos, polo menos até a morte de Hiparco. Unha das actuacións principais de Hipias foi a introdución dun novo sistema monetario en Atenas en -525. Polo demais, os seus primeiros anos no poder estiveron marcados polas sucesivas concesións á aristocracia e por unha relativa estabilidade política.

O período de tranquilidade terminou co asasinato de Hiparco, o seu irmán. Este abusara da súa posición sometendo a un asedio amoroso a Harmodio, amante de Aristoxitón. Foron a humillación e os celos os que levaron a ambos a asasinar o tirano (-514), aínda que a opinión popular ateniense os elevou ao rango de heroes contra a opresión, especialmente despois de que Hipias os fixese executar.

A partir dese momento Hipias estableceu un réxime de terror, desconfiando de todos e de todo e multiplicando as vexacións contra as clases altas, mentres o panorama internacional se ía volvendo cada vez máis sombrío: desaparición dos tiranos aliados, Polícrates de Samos e Ligdamis de Naxos; ofensiva persa que esnaquiza o primeiro imperio marítimo ateniense, creado por Pisístrato; e, en fin, ruptura de relacións entre Tebas e Atenas tras a alianza selada por esta última coa cidade de Platea.

Esparta, preocupada pola progresiva expansión de Atenas, dubida en intervir directamente. Non se decidirá até o -511, a instancias do oráculo de Delfos, comprado pola familia exiliada dos Alcmeónidas ―inimigos acérrimos de Hipias― mediante a construción dun novo templo na cidade sacra. Un primeiro exército espartano ás ordes de Anquimolio foi derrotado.[1] Pero un novo intento dirixido polo propio rei de Esparta, Cleómenes I, conseguiu cercar a Hipias e os seus seguidores na Acrópole ateniense. Para salvar as vidas dos seus fillos, que caeran en poder dos sitiadores, consentiu en partir ao desterro no Helesponto (-510).[2][3]

O exilio de Hipias supuxo o inicio da democracia en Atenas, que chegou co alcmeónida Clístenes de Atenas. Máis tarde os espartanos consideraron que unha Atenas libre e democrática podería representar un perigo para a hexemonía de Esparta e tentaron repor a Hipias como tirano, pero este refuxiouse xa na corte persa de Darío I. Persia ameazou con atacar a Atenas se esta non readmitía a Hipias, posibilidade que os atenienses rexeitaron de plano aínda a risco de entrar en conflito coa gran potencia asiática. Pouco despois produciríase a Revolta xónica contra os persas de -499, apoiada calorosamente por Atenas. Esmagado o levantamento o -494, os persas buscaron o desquite. Hipias animou a Darío a iniciar a primeira das Guerras Médicas e participou na expedición. Este, entre outras cousas, aconsellou o desembarco na chaira de Maratón.[4] Resultou morto en Lemnos, durante a devandita guerra, pouco despois da batalla de Maratón (-490).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Herodoto. ob.citada, p.63.
  2. Pastorio. ob.citada, pp. 56-57.
  3. Grimberg, Carl; Svanström, Ragnar (1980). Historia Universal Daimon. Grecia. Ediciones Daimon. p. 108. ISBN 84-231-05-82-2. 
  4. Fink. ob.citada, p. 145-146.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]