Pisístrato

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Pisístrato (en grego: Πεισίστρατος), c. -607 - -527, foi un tirano grego do século -VI, que gobernou Atenas en -561, -559 - -556 e do -546 a -527.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Dracma de prata de Atenas de tipo heráldico do tempo de Pisístrato, 545–510 BC
Un óbolo arcaico de prata de Atenas de tipo heráldico do tempo de Pisístrato, 545–525 BC

Fillo de Hipócrates, un filósofo e profesor pertencente a unha familia aristocrática ateniense próxima a Solón, o lexislador, Pisístrato distinguiuse na guerra contra Megara (c. -570 - -565), dirixindo o exército ateniense como polemarco. Logrou recuperar Salamina e conquistar a cidade de Nisea, o porto de Megara. As súas accións e a súa amizade con Solón valéronlle un lugar salientado na política ateniense, que axiña sabería explotar.

Cando Solón abandonou Atenas, a sociedade quedou dividida en dous grupos políticos: os que desexaban un goberno oligárquico (partido da planicie ou pediakoi), dirixidos por Licurgo, e os que querían manter as reformas de Solón (Partido da costa ou paralioi), liderados por Megacles.

Pisístrato aproveitou a súa fama e popularidade para formar un terceiro grupo, o dos diakrioi ou hyperakrioi, formado principalmente por xente humilde, que quería reformas radicais aos seus problemas.

No -561 presentouse perante os atenienses reunidos no ágora, anunciando que fora vítima dun ataque propiciado polos seus inimigos políticos, e que se salvou de milagre. Un dos seus partidarios propuxo que se lle concedese unha garda persoal para a súa protección, e a asemblea popular entregoulle cincuenta homes armados con garrotes, que empregou para tomar a Acrópole nunha audaz acción e dar un golpe de Estado, converténdose en tirano. Porén este primeiro goberno sería efémero, pois a alianza dos pediakoi e os paralioi forzouno a abandonar o poder ao ano de adquirilo.

Regresou o ano -559 coa axuda de Megacles, agora incomodado con Licurgo, coa condición de que Pisístrato casase coa filla deste.

Fíxose de novo co poder e gobernou durante cinco anos (-559 - -556). A súa negativa a ter fillos coa filla de Megacles, para non prexudicar os seus fillos maiores, Hipias e Hiparco, conduciu a que os seus dous inimigos se volvesen aliar e o expulsasen e confiscasen todos os seus bens

Permaneceu exiliado dez anos, durante os cales se enriqueceu coas minas de ouro de Macedonia e Tracia, formando un novo exército e derrotando de forma definitiva os seus inimigos en Palene, no -549.

Para evitar novas rebelións contra o seu poder, tomou medidas máis firmes para conservalo, pero coa mesma moderación con que se distinguira anteriormente. Afectivamente Pisístrato gobernou con moderación e benevolencia, o que lle atraeu as simpatías do pobo. Soubo dominar as querelas políticas; embeleceu a cidade con templos como os de Zeus Olímpico e de Apolo, alén de camiños e o Liceo. Construíu un acueduto e novos mercados; Deu facilidades para o comercio e a industria; segundo a tradición, foi o primeiro en mandar poñer por escrito os poemas de Homero, A Ilíada e a Odisea. Tamén se lle atribúen as obras do primeiro teatro de Atenas (onde se achaba o altar a Bromio, na ladeira sur da Acrópole), polo que o consideran tamén un impulsor da traxedia grega.

Pisístrato fixo canto puido para embelecer Atenas, impulsando tamén o seu poder militar, acentuando o poder naval, ocupando rexións do Helesponto e costas de Asia Menor, estendendo a súa autoridade ata outros lugares do norte do mar Exeo e das Cícladas.

Faleceu no ano -527, deixando o poder aos seus dous fillos, Hipias e Hiparco, os cales aplicaron unha política máis severa que o pai.

Fontes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]