Ada Lovelace

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Ada Augusta Lovelace")
Ada Lovelace.

Augusta Ada King-Noel, Condesa de Lovelace, nada como Augusta Ada Byron en Londres o 10 de decembro de 1815 e finada na mesma cidade o 27 de novembro de 1852, foi unha matemática e escritora británica coñecida principalmente por ser a primeira programadora do mundo.

Durante a súa ceda madurez, o seu talento matemático conduciuna a unha relación de amizade prolongada co matemático inglés Charles Babbage. Entre 1842 e 1843, traduciu un artigo do enxeñeiro militar italiano Luigi Menabrea sobre a máquina, que complementou cun artigo repleto de notas propias. Estas notas conteñen o que se considera o primeiro programa de computador da historia, sendo o primeiro algoritmo codificado deseñado para que unha máquina o procese. Tamén pensou que os ordenadores tiñan máis capacidade aló do que outros vían, incluíndo neles o propio creador da máquina.

Ela referíase a si mesma como unha científica, poetisa, analista e metafísica.

Biografía[editar | editar a fonte]

Ada Lovelace.

Lovelace naceu como a filla única e lexítima do poeta George Gordon Byron, Lord Byron, e a súa esposa a baronesa Anne Isabella Byron. Todos os outros fillos de Lord Byron foron nados fóra do matrimonio. Byron deixou a súa esposa un mes despois e abandonou Inglaterra definitivamente, falecendo por enfermidade durante a guerra de independencia de Grecia, deixando así orfa de pai a pequena Ada con só oito anos. A nai de Ada promoveu o interese de Ada nas matemáticas e a lóxica.

No 1834 Ada era unha habitual na corte vitoriana e comezou a asistir a diversos eventos durante os que con frecuencia participaba nos bailes; alí impresionou moitos dos asistentes. Porén, John Hobhouse, que fora amigo do seu pai, describiuna coma "unha moza estirada e consumida pero con algún trazo do seu amigo, especialmente a súa boca". A descrición foi feita despois do seu encontro no 24 de febreiro de 1834 no que Ada deixara claro a Hobhouse que non lle gustaba, algo probablemente debido á influencia da súa nai, que lle levaba a rexeitar os amigos do seu pai. Esta primeira impresión non durou demasiado tempo e remataron facéndose amigos.

No 8 de xullo do 1835 Ada casou con William King, 8º barón de King, converténdose na baronesa de King. A súa residencia pasou a ser unha gran propiedade en Ockham Park, xunto con outra no fiorde de Torridon e unha máis en Londres. Pasou a súa lúa de mel na Mansión Worthy, situada en Ashley Combe, preto de Porlock Weir, Somerset. Posteriormente esa casa converteríase na súa casa de retiro de verán. O matrimonio tivo tres fillos, dous homes e unha muller. A vida de Ada estivo chea de sucesos dramáticos, polémicos e controvertidos; no 1841 a súa nai chegou a contarlle ás súas fillas que o seu pai era o pai de Ada, o cal era falso. A nai de Ada tiña un rencor reservado a Lord Byron e sempre que tiña ocasión aproveitaba para difamar a súa imaxe. Nesa mesma década, Ada protagonizou algúns escándalos debidos, en primeiro lugar, ás súas afectuosas relacións con outros homes, as cales desembocaron nunha serie de rumores sobre aventuras amorosas; no segundo lugar a súa paixón polo xogo, grazas á cal conformou no ano 1851 un grupo coa ambiciosa intención de crear un modelo matemático que lles axudase a gañar grandes apostas. O intento foi un estrepitoso fracaso, xerándolle a Ada miles de libras de débeda e provocando que un dos membros do grupo a chantaxease con informar ao seu marido. Finalmente, Ada viuse obrigada a confesarllo.

Mantivo ademais unha relación secreta e posiblemente ilícita co fillo de Andrew Crosse, John, da que se coñece pouco xa que o propio pai queimou toda a correspondencia que tiveron entre eles trala morte de Ada. Aínda así, esta relación foi o suficientemente forte para que Ada lle deixase en herdanza as únicas reliquias familiares que o seu pai lle deixara a ela. Durante a enfermidade que finalmente a matou no 1852, Ada sentíase moi angustiada por mor de que John, o seu amante, a visitara.

Máquina analítica de Charles Babbage[editar | editar a fonte]

Ada Lovelace é principalmente lembrada por escribir unha descrición da anterga máquina analítica de Charles Babbage que nunca chegou a construírse, e por desenvolver instrucións para facer cálculos nunha versión inicial da computadora. En 1843 fixo a suxestión da adaptación das tarxetas perforadas á programación. Ada soubo apreciar as ideas de Babbage, e en particular o concepto dunha máquina universal. E o que é máis importante, preveu un atributo que podería facer que potencialmente podería procesar non so números, senón tamén calquera notación simbólica, incluída a notación musical e outras notacións artísticas.

En 1843, Ada Lovelace traduciu ao inglés un artigo sobre a máquina analítica de Babbage de Luigi Menabrea (enxeñeiro militar italiano que máis tarde chegaría a primeiro ministro de Italia) para a revista científica Scientific Memoirs. Cando llo comunicou a Babbage, este sorprendeuse de que ela mesma non tivera escrito o artigo orixinal, ao que ela replicou que nin se lle pasara pola cabeza (por aquela época as mulleres no adoitaban publicar artigos científicos). Babbage suxeriulle entón que agregase unhas notas ao artigo. Nestas "notas de tradutora", que só firmou coas súas iniciais por medo a ser censurada polo feito de ser muller, descríbense as súas tres maiores achegas:

  1. A explicación da esencia dos ordenadores modernos. Explica Ada: Os límites da aritmética víronse superados no momento no que xurdiu a idea de aplicar tarxetas. A máquina analítica non ten nada en común coas meras máquinas de calcular. Ocupa plenamente un lugar propio. Ao permitir a un mecanismo combinar símbolos xerais, en sucesións de variedade e alcance ilimitados, establécese un vínculo de unión entre as operacións da materia e os procesos mentais abstractos.
  2. A xeneralización das operacións que pode realizar a máquina analítica. Baseándose na extensión de De Morgan da álxebra dunha lóxica formal sinalou que a máquina analítica podería procesar e executar calquera cosa que se puidese expresar con símbolos: palabras, lóxica, música...
  3. O funcionamento dun programa ou algoritmo informático. Intentando explicar como a máquina analítica podería calcular números de Bernouilli (unha serie infinita moi complexa) introduciu os conceptos de subrutina (secuencia de instrucións que realizan unha tarefa específica e que poden posteriormente introducirse nun programa máis amplo) e de bloque recursivo (secuencia de operacións que se repite).[1]

Nas súas notas, di que a "máquina analítica" só podía dar información dispoñíbel que xa era coñecida: viu claramente que non podía orixinar coñecemento. O seu traballo perdeuse no esquecemento por moitos anos, atribuíndolle única e exclusivamente o papel de transcritora das notas de Babbage. O propio Babbage caracterizou a súa achega ao chamala intérprete; porén, investigacións posteriores mostran a orixinalidade do seu punto de vista sobre as instrucións necesarias para acadar o funcionamento desta máquina.

Na actualidade recoñécese a Ada Byron como a primeira persoa en describir unha linguaxe de programación de carácter xeral interpretando as ideas de Babbage, pero recoñecéndolle a plena autoría e orixinalidade das súas achegas. Por iso, Ada Byron está considerada a nai da programación informática e desenvolveu a programación analítica.

Ada Byron chamouse a si mesma analista, un concepto realmente moderno para a época.

Morte[editar | editar a fonte]

Ada Lovelace morreu o 27 de novembro do 1852 aos trinta e seis anos a causa dun cancro uterino probablemente complicado polas sangrías realizadas polos seus médicos. A enfermidade durou varios meses, durante os cales a súa nai tomou o control respecto ás súas citas médicas e persoais. A súa nai fixo que deixase de ser materialista e adoptase ideas relixiosas que a levaron a arrepentirse da súa vida anterior.

Foi soterrada por petición propia ao carón do seu pai, no cemiterio da igrexa de Santa María Magdalena, en Hucknall, Nottingham.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Durante a vida de Ada poucos dos seus feitos foron apreciados e só se lle deron a importancia merecida anos despois da súa morte. Non foi até o século XX cando se aproveitaron para os avances da informática.

Moitas foron as mulleres que realizaron grandes tarefas para a informática, mais aínda así Ada Lovelace é a única muller que conta con unha linguaxe de programación que leva o seu propio nome, Ada.

No ano 2001, o autor estadounidense de ciencia ficción Michael F. Flynn publicou a novela In the Country of the Blind, ucronía na que se especula sobre as consecuencias de que se construíra a máquina analítica co programa de Ada.

O seu rostro foi marca de autenticidade nos certificados de licenza do sistema Windows.

En 19997 estreouse o filme sobre a súa vida Conceiving Ada.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Isaacson, Walter (2014). Los innovadores. Penguin Random House Grupo Editorial, S.A.U. ISBN 9788499924663. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ada Lovelace Modificar a ligazón no Wikidata
Galilibros
O Galilibros ten un manual sobre: A ciencia ten nome de muller

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]