Action Directe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Action Directe (en galego, Acción Directa) foi un grupo armado francés de extrema esquerda que actuou en Francia durante a década de 1980.

Foi fundado en 1977 a partir da unión dos Grupos de Acción Revolucionaria Internacionalista (GARI) e os Noyaux Armés pour l'Autonomie Populaire (NAPAP) (Grupos armados para a autonomía popular), co fin de lograr a «coordinación político-militar do movemento autónomo». En 1979 transformouse nunha organización de guerrilla urbana e executou ataques en nome do antiimperialismo e da defensa do proletariado. O grupo foi prohibido polo goberno francés en agosto de 1982. En 1984 aliouse á Fracción do Exército Vermello alemá, baixo a estratexia da «unión dos revolucionarios de Europa Occidental».

O grupo foi a expresión en Francia dunha corrente autodefinida como marxista que consideraba a acción armada como un medio lexítimo de combater un réxime considerado opresivo. Durante os chamados «anos de chumbo», numerosos grupos retomaron as ideas anarquistas da propaganda polo feito. Entre eles estaban:

Action Directe foi responsábel de máis de 50 ataques, como o asalto con metralladoras ao edificio da Federación de empresarios o 1 de maio de 1979, amais de ataques a edificios gobernamentais e militares, empresas en complexos industrial-militares e mesmo ao estado de Israel. Tamén levaron a cabo roubos ou «expropiacións proletarias» e asasinatos, entre eles o do enxeñeiro René Audran en 1985 e o de Georges Besse, presidente da empresa Renault, en 1986.

O 21 de febreiro de 1987 os principais membros de Action Directe, Jean-Marc Rouillan, Nathalie Ménigon, Joëlle Aubron e Georges Cipriani, foron arrestados e condenados a cadea perpetua. Régis Schleicher fora arrestado xa en 1984. Joëlle Aubron foi liberada en 2004 por motivos de saúde e morreu pouco despois. A Jean-Marc Rouillan concedéuselle a liberdade condicional en 2007. Nathalie Ménigon foi posta en liberdade o 2 de agosto de 2008, afectada dunha doenza coronaria, tras 21 anos no cárcere. O 1 de abril dese ano os xulgados de París acordaron a semi-liberdade para Cipriani.

Posible reactivación da banda[editar | editar a fonte]

En 2009 Julien Coupat e o grupo responsábel da sabotaxe da catenaria de Tarnac foron considerados como «potenciais herdeiros de Action Directe» pola política Michèle Alliot-Marie. A Ministra de Interior confirmou, así, o retorno do terrorismo de «extrema esquerda».[1] Julien Coupat e o seu círculo máis próximo foron acusados de colocaren ganchos para bloquear a circulación do TGV e de escribiren o libro L’insurrection qui vient («A vindeira insurrección»). Ditos feitos non só non foron probados, senón que as e os especialistas tamén consideran que «Julien Coupat non ten relación con Jean-Marc Rouillan» no referido á ideoloxía.[2]

En febreiro de 2011, seis comisarías do departamento de Altos do Sena recibiron unha carta en que manifestaban «a reactivación de Action Directe». A misiva advertía de accións contra a policía na liña de combate de Jean-Marc Rouillan, Nathalie Ménigon et Joëlle Aubron. Con todo, non ficaba claro se se trataba dunha amenaza real. Aínda así, a xustiza tomouna en serio, e mantivo en alerta á sección antiterrorista da brigada criminal de París nas horas posteriores.[3]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Estudos sobre Action Directe[editar | editar a fonte]

Literatura[editar | editar a fonte]

Testemuños sobre a traxectoria de Action Directe[editar | editar a fonte]

Obras de membros de Action Directe[editar | editar a fonte]

Obra relacionada[editar | editar a fonte]

  • Jean-Claude Lutanie, Protestation devant les libertaires du présent et du futur sur les capitulations de 1980, edición descoñecida, 1981, reeditada en 2011 por Éditions Lutanie

Filmografía[editar | editar a fonte]

Documentais emitidos en televisión[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  1. https://www.marianne.net/Coupat-in-situ_a180195.html; http://www.rue89.com/2008/12/23/affaire-coupat-la-france-et-ses-epouvantails-gauchistes?page=8#comment-614278
  2. Christophe Bourseiller interrogé notamment sur le site les influences.fr : http://www.lesinfluences.fr/Christophe-Bourseiller.html.
  3. Leclerc, Jean-Marc (25 de febreiro de 2011). "Nouvelle menace d'Action directe". Le Figaro (en francés). Consultado o 20 de xaneiro de 2023. 
  4. Modelo:Ouvrage
  5. http://eubn.org.free.fr/eubn/article.php3?id_article=890