Abellaruco persa
Abellaruco persa | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Merops persicus' Pallas, 1773 |
O abellaruco persa[2] (Merops persicus) é unha especie de aves da familia dos abellarucos, Meropidae. Cría no Norte de África e no Oriente Próximo desde o leste de Turquía a Kazakhstán e a India. Algúns exemplares desde o norte de África voan máis ao norte e poden aparecer como aves errantes principalmente en Italia e Grecia, e a especie tense detectado tamén en Galicia, polo que figura na Lista de aves de Galicia. Xeralmente é unha ave moi migratoria, que inverna na África tropical, aínda que algunhas poboacións crían e viven arredor do Sahel.[3]
Descrición
[editar | editar a fonte]Esta especie, igual ca outros abellarucos, ten unha plumaxe moi coloreada, e un peteiro fino. É predominantemente verde; a súa cara é azul na parte lateral cunha banda negra ocular, e unha gorxa amarela e castaña, e peteiro negro. Pode chegar a ter unha lonxitude de 31 cm, e as súas plumas alongadas centrais da cola engaden outros 7 cm máis á lonxitude. Os sexos son moi semellantes, mais as plumas longas da cola da femia son máis curtas.[3]
É unha ave que cría en áreas subtropicais semidesérticas con poucas árbores, xeralmente acacias. Inverna en bosques abertos ou pradeiras. Os abellarucos comen maiormente insectos, especialmente abellas, e avespas, que capturan no aire facendo saídas desde un pousadeiro aberto. Porén, esta especie probablemente captura máis libélulas que outras presas.
Os abellarucos desta especie poden facer o niño en solitario ou en colonias pouco densas de ata dez paxaros. Poden tamén facer niños en colonias xunto ao abellaruco europeo (Merops apiaster). Os niños están localizados en bancos areosos, terrapléns, penedos baixos ou nas ribeiras do mar Caspio. Constrúen un túnel relativamene longo de 1 a 3 m de lonxitude no fondo do cal poñen de catro a oito (comunmente seis ou sete) ovos esféricos brancos. Encárganse do coidado dos ovos tanto o macho coma a femia, aínda que a femia é a única que choca os ovos durante a noite. A incubación dura de 23 a 26 días.[3]
A súa chamada soa 'máis plana' e menos 'afrautada' que a do abellaruco común.
Subespecies
[editar | editar a fonte]Recoñécense dúas subespecies:[4]
- Merops persicus persicus - Cría en Asia, inverna no leste e sur de África
- Merops persicus chrysocercus - Cría no Norte de África, inverna en África Occidental
A especie está moi relacionada con Merops philippinus do leste de Asia, e con Merops superciliosus de África, e foi tratada como a mesma especie (conespecífica).[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ BirdLife International (2012). "Merops persicus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 de novembro de 2013.
- ↑ "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Fry, Hilary (2001). "Family Meropidae (Bee-eaters)". En del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew; Sargatal, Jordi. Handbook of the Birds of the World. Volume 6, Mousebirds to Hornbills. Barcelona: Lynx Edicions. p. 337. ISBN 978-84-87334-30-6.
- ↑ Clements, J. F. 2007. The Clements Checklist of Birds of the World, 6th Edition. Cornell University Press. Downloadable from Cornell Lab of Ornithology
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Merops persicus - Abellaruco persa - texto en The Atlas of Southern African Birds.
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Abellaruco persa |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Abellaruco persa |