A morte en Venecia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A morte en Venecia
Mann, Thomas, A morte en Venecia (trad., pres. e notas de Laureano Xoaquín Araujo Cardalda), Cangas do Morrazo, Rinoceronte, Colección Clásica, 14, 2015.
Título orixinalDer Tod in Venedig
Autor/aThomas Mann
OrixeAlemaña
LinguaAlemán
Xénero(s)Novela
EditorialRinoceronte Editora
Data de pub.1912 (en alemán)
1995 (en galego)
2015 (en galego)
FormatoRústica con lapelas
Páxinas146
ISBN978-84-92866-70-0
TraduciónLaureano Xoaquín Araujo Cardalda
editar datos en Wikidata ]

A morte en Venecia é unha novela curta publicada por Thomas Mann en 1912 co título orixinal en alemán de Der Tod in Venedig.

Trama[editar | editar a fonte]

A novela expón unha anécdota en aparencia moi simple. Presenta dous personaxes que despregan unha mínima acción. Os escenarios redúcense, case, aos espazos dun exclusivo hotel de veraneo veneciano e á praia contigua ao hotel, lugares que se alternan na rutineira languidez dunha estancia de vacacións.

A obra narra o drama interior do personaxe principal, Gustav von Aschenbach, destacado escritor alemán de cincuenta anos chega a Venecia buscando renovar a inspiración perdida. Xa instalado no hotel, Aschenbach interésase por un adolescente polaco chamado Tadzio, dunha fermosura extraordinaria, que termina converténdose en obxecto de silenciosa adoración por parte do escritor.

É descrito entón o transo psicolóxico de Aschenbach, cuxa moralidade convencional comeza a ceder baixo unha paixón prohibida: o rigor intelectual e a estoica disciplina do escritor consómense nas brasas do amor, e o respectable Aschenbach vaise convertendo nun ser indulxente trastornado polo amor serodio. Porén, os delirios amorosos do artista mantéñense nun plano puramente intelectual, pois o temor ao rexeitamento impídelle achegarse fisicamente a Tadzio.

Paralelos á trama principal, aparecen cadros descritivos da cidade de Venecia e dos seus habitantes, presentados de modo expresionista, perfilando os trazos dunha contorna grotesca e decadente que anticipan a fatalidade: a epidemia de cólera que se cerne con sixilo sobre a vila.

As autoridades ocultan a existencia da peste, temerosas do éxodo dos turistas. Con todo, difúndense os rumores acerca do mal e os estranxeiros comezan a marchar. Aschenbach, que sabe da peste ao comezo da vaga, renuncia a partir para non privarse da proximidade de Tadzio, cuxa familia parece ignorar por completo o que está a suceder.

A saúde de Aschenbach decae progresivamente até que certo día, cando el e mais a familia do rapaz se preparan para partir como o resto dos turistas, mentres contempla extasiado o seu amado Tadzio na praia, Aschenbach sofre un desmaio que anticipa a súa próxima morte, logo de que Tadzio teña unha pelexa cun amigo e acabe desmaiado na auga.

Análise[editar | editar a fonte]

A morte en Venecia xerou numerosas interpretacións, debido ao seu complexo simbolismo. A propia vila de Venecia é ao tempo a cidade das aparencias e as ilusiones románticas, mais tamén unha cidade-despoxo que pode ser considerada un emblema da decadencia que afecta ao propio Aschenbach.

A novela ten unha parte autobiográfica, dunha viaxe feita por Mann á vila do 26 de maio ao 11 de xullo de 1911.

A obra foi levada ao cine por Luchino Visconti na película Morte a Venezia. Inspirou tamén unha ópera homónima de Benjamin Britten, con libreto de Myfanwy Piper. O novelista Luisgé Martín publicou no ano 2000 La muerte de Tadzio, na que Tadzio xa adulto volve a Venecia a morrer e recorda a admiración que a súa fermosura xuvenil produciu no escritor.

Tradución ao galego[editar | editar a fonte]

A primeira edición en galego d’A morte en Venecia, obra de Laureano Araujo, data de 1995, cando foi publicada por Tambre, unha editorial de Oleiros xa desaparecida. En 2015, unha edición (tradución, presentación e notas) revisada por Laureano Araujo foi incorporada por Rinoceronte Editora ao seu catálogo na colección Clásica. O portal Fervenzas Literarias. Revista de literatura galega outorgoulle o premio ao mellor libro traducido para público adulto do 2015, e a revista dixital BiosBardia. O país dos libros en galego incluíuna na súa "Biblioteca escollida do 2015".[1][2][3][4][5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Mann, Thomas. "A morte en Venecia (trad., pres. e notas de Laureano Xoaquín Araujo Cardalda), Cangas do Morrazo, Rinoceronte, Colección Clásica, 14, 2015". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2015. Consultado o 26 de setembro de 2015. 
  2. Martínez Bouzas, Francisco. "A morte en Venecia". Arquivado dende o orixinal o 08 de decembro de 2015. Consultado o 4 de novembro de 2015. 
  3. Montaña Louzao, Xosé [Estro Montaña]. "Arredor do sexo prohibido". Consultado o 4 de decembro de 2015. 
  4. "Mellor libro traducido para público adulto do 2015". Fervenzas Literarias. Revista de literatura galega. Arquivado dende o orixinal o 28 de xaneiro de 2016. Consultado o 15 de xaneiro de 2016. 
  5. Lorenzo Gil, César. "Biblioteca escollida do 2015". Arquivado dende o orixinal o 08 de febreiro de 2016. Consultado o 21 de xaneiro de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]