Aña. Fanzine de (des)identidades femininas de Bueu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aña é un fanzine de periodicidade anual que versa arredor da figura homenaxeada pola Asociación Club Golfiños o día 8 de marzo na vila de Bueu. O primeiro número viu a luz en 2019.

Aña. Fanzine de (des)identidades femininas de Bueu

Descrición[editar | editar a fonte]

Editada en Bueu pola Asociación Club Golfiños, baixo a coordinación de José Manuel Dopazo Entenza. Presenta unha periodicidade anual e ten como obxectivo testemuñar o labor intenso das mulleres de Bueu. As seccións habituais deste fanzine son: biografía da(s) homenaxeada(s), recomendacións lectoras, contribucións divulgativas, achegas literarias e pasatempos.

Historia[editar | editar a fonte]

O título, Aña, provén da denominación que reciben os xenitais femininos en Bueu. Probabelmente este termo se asente na relación entre o cabelo pubiano e a la ovina. Pese a que o primeiro número con este título saíu en 2019, as homenaxes ás que se vencella comezaron un ano antes. Dese recoñecemento apareceu en papel un número 0 titulado Míriam Ferradáns, bueuesa senlleira 2018, unha antoloxía poética de escritoras e escritores novos feita ad hoc para a homenaxeada.

En 2019, dedicóuselle a Susi Ons e o seu personaxe Drag King Nico Elsker. En 2020, a Curucha, profesora xubilada de Lingua Galega e Literatura. En 2021, as homenaxeadas foron todas as Xulianas (estirpe de poxadoras desde 1860): Xuliana Conde, Concepción López, María Dopazo e Luísa Agulla. En 2022, Aurita Reiriz Otero.

Números publicados[editar | editar a fonte]

Número 0[editar | editar a fonte]

Dedicado á figura de Míriam Ferradáns Ferradás, poeta galega. Aínda que non recibe o nome de Aña, esta primeira publicación supón o punto de partida de todos os seguintes. Publicado en 2018, presenta un compendio de poemas dedicados á figura homenaxeada. As autoras e autores son: Rochi Nóvoa, Quico Valeiras, Carlos Lixó, Tamara Andrés, Jorge R. Durán e Arancha Nogueira. Dúas destas composicións foron incluídas posteriormente na obra Poesía Galega Novísima.

Aña 1[editar | editar a fonte]

Dedicado á figura de Nico Elsker, personaxe Drag. É o único Drag king de Bueu, así como un dos poucos en Galiza e no mundo.[Cómpre referencia] É de familia da Illa de Ons, estudou Arte Dramática e actualmente vive en Vigo, desde onde visibiliza toda a cultura Drag e dá voz aos Kings. Vive das súas actuacións no teatro e forma parte dunha compañía Drag chamada Marinita y sus Maromas.

Este número, publicado en 2019, conta con sete artigos: "O sistema matrifocal de Galiza" de Silvia Corelli, "Un triángulo rosa no peito" de José Manuel Dopazo Entenza, "O 'Giocondo', o códice e o desexo" de Carlos Manuel Callón Torres, "Mother Camp" de Patriza Portopaderne (libraría Lila de Lilith), "Dereitos LGBTI+" de Daniel Chapela, "Todos os rostros de Nico Elsker" de Míriam Ferradáns Ferradás e "Crónica das 1ª Xornadas pola Diversidade Afectivo-Sexual" de Macu Rodríguez Dias. A portada foi debuxada por Laura Riveiro, artista gráfica compostelá.

Aña 2[editar | editar a fonte]

Dedicado á figura de Curucha, mestra de educación infantil e profesora de Lingua Galega e Literatura. Naceu en Beluso, estudou maxisterio en Pontevedra e comezou a exercer en Oia. Na década de 1960 trasladárona ao Hío (Cangas), onde exerceu durante máis de dez anos. Nos anos 80 volveu á súa vila natal e continuou coa profesión no colexio Montemogos de Beluso. En 1995 pediu entrar no ensino secundario, rematando a súa traxectoria laboral no IES Johan Carballeira de Bueu.

Este número, publicado en 2020, conta con dezaseis colaboracións: "Curucha: mestra, muller" de Nico Martínez Otero, un debuxo da homenaxeada realizado por Víctor Gallego Fernández (artista bueués), "Cantares de María do Caño" de Alba Juncal Otero, "Relatos das escolas de Bueu" de Josefa García Nantes, "Volta ao dogma educacional" de José Manuel Dopazo Entenza, "Para a liberdade" de Daniel Chapela, "A escola en Bueu a inicios dos 2000" de Laura Ferradanes Parada, "Recomendacións lectoras" de Patriza Portopaderne (libraría Lila de Lilith) e de Fernando Miranda Estévez (libraría Miranda), "21 días co galego e +: un proxecto de aulas que medra e sae ás rúas" de Lidia Fernández Pastoriza, "A escola na Baixa Limia nos anos 60-70" de Alicia Rodríguez Domínguez, "Relatos das escolas de Bueu" de Manuela Dopazo López, "O estudo do galego en Cáceres" de Guillermo Vidal Fonseca, "Só se pode ser inxenuo" de Carlos Manuel Callón Torres, "Receita de nabicol rechea" de Fernando Trigo Chousinho e "Relatos das escolas de Bueu" de María Pérez Patiño.

Aña 3[editar | editar a fonte]

Dedicado á familia das Xulianas, poxadoras de peixe na lonxa de Bueu. Son catro figuras principais: Xuliana Conde González, iniciadora da estirpe, procedente de Marín e afincada en Bueu na década de 1860; Concepción López Conde, única filla da anterior e continuadora do labor familiar; María Amada Dopazo López, quinta filla de Concepción; e Luísa Agulla Dopazo, sobriña de María e neta de Concepción, derradeira poxadora. A estas mulleres haberíalles que sumar a figura de Manuela Dopazo López e a súa filla Lela Dopazo López, irmás de María e Luísa respectivamente, que realizaron os labores domésticos mentres as outras traballaban para gañar un soldo. Os únicos recoñecementos recibidos até o momento foron unha entrevista a Luísa no número 4 de Ardentía[1] e unha recensión do acto de homenaxe Bueuesa Senlleira no número 117 de A Trabe de Ouro[2].

Este número, publicado en 2021, conta con vinte e unha colaboracións: un debuxo das homenaxeadas realizado por Paula Dacal (artista gráfica luguesa), "Dúas anécdotas de Siña Conseusión" de Luísa Agulla Dopazo e Lela Dopazo López, unha colaxe mariñeira de Frachi Gómez Regenjo, "O léxico da contabilidade na pesca, recollido por Xaquín Lorenzo, Xocas" de Ana Castiñeira Rial, "Relato de vida dunha Xuliana" de Fita Dopazo López, "Análise da roupa interior" de Nereida Prada Piñeiro, "Recomendacións lectoras" de Patriza Portopaderne (libraría Lila de Lilith), "Mulleres de sal" de Lidia Fernández Pastoriza, "Ángeles Alvariño, oceanógrafa" de Cielo Fernández Caballero, "As mulleres e o traballo do mar en terra" de Covadonga López de Prado Nistal, "La mar ou el mar" de Casandra Artacho Rodríguez, "Se o mar tivera varandas" de Xavi Castaña, "O baile no Bierzo" de Dennis Álvarez Guerrero, "Desde a memoria que nos une" de Paula Dios Moledo, "Moito miras para min-e" de Xiana Sar Rañó, "Até ser ouvida" de José Manuel Dopazo Entenza, "Salitre ambiótico" de Nico Martínez Otero, "Merseditas" de Alejandra Picón Romero, "A avoa Mela gardaba un segredo" de Vanesa Santiago, "A culpa é das sereas" de Alba Rozas Arceo e "Samartinho guisado" de Fernando Trigo Chousinho.

Aña 4[editar | editar a fonte]

Dedicado á figura de Aurita, fareira da Illa de Ons e unha das derradeiras tocadoras de pandeireta do Concello de Bueu. Naceu na Illa de Ons, ocupouse tanto dos labores na casa até casar. Ademais dese traballo tamén desempeñou o oficio de cociñeira nos bares e de percebeira, entre outros. Na década de 1970 contratan o seu home como axudante no faro mais, como debía ir ao mar, acabouse encargando ela de desenvolver todas as tarefas propias dun torreiro. Neste oficio estivo arredor de tres décadas, até o pasamento do seu home en 2009.

No plano da música, tocar a pandeireta veulle herdado tanto da nai como da avoa e, así mesmo, boa parte das tías e curmás tamén foron tocadoras. A este respecto, recibiu varias homenaxes nas últimas décadas. A primeira delas en 2006 por parte da Banda de Gaitas Manxadoira de Bueu e en 2021 por parte do Concello de Bueu e da Asociación Arredor da Tradición. Ademais, en 2009 foi homenaxeada xunto ao resto de mulleres da Illa de Ons polo Día Internacional da Muller, recoñecéndolles o esforzo desenvolvido ao longo da vida. En 2019 tamén lle recoñeceron a súa contribución na organización e desenvolvemento das festas patronais da Illa de Ons. Finalmente, en 2022 recibiu a V Homenaxe Bueuesa Senlleira.

Este número, publicado en 2022, conta con dezaseis colaboracións: "O canzoneiro da Illa de Ons" de Paula Dios Moledo, "Os botiforas de Moaña" de Rebe Lemat, "Mestras cantadeiras da Illa de Ons" de Guillerme Ignacio Costa, "Aurita Reiriz, unha nai na Illa de Ons" de Celestino Pardellas de Blas, "Evolución das festas en Bueu" de José Manuel Dopazo García, "A folclorización do traxe tradicional" de Nereida Prada Piñeiro, "Traxes rexionais en misión diplomática para a ditadura franquista: os Coros e Danzas da Sección Feminina da Falanxe", de Uxía Otero González, "Recomendacións lectoras. Lila de Lilith" de Patriza Portopaderne (Libraría Lila de Lilith), "A costa atlántica sen fronteiras: vidas paralelas" de Araceli Piedras Abal, "Faros e fareiras na escrita galega" de José Manuel Dopazo Entenza, "O faro" tradución dun relato de Edgar Allan Poe, un debuxo da homenaxeada realizado por Jelen (artista berciana), "a aurita" poema de Serxio Abalo Formoso, "Bimilenaria" poema de Sara Plaza, "Lapislázuli. O regreso das superguerreiras" primeiros capítulos da novela homónima de Alba Rozas Arceo e "Guiso de Peixe-Sapo com cabaça e espinafres" receita de Fernando Trigo Chousinho.

Aña 5[editar | editar a fonte]

Dedicado á figura de Carmen Outeda, farmacéutica de Bueu desde 1982. Naceu en Meis, estudou no colexio Virxe Milagrosa de Bueu, no Illa de Tambo de Marín e o COU no Rosalía de Castro de Santiago. Fixo a carreira de Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela, rematándoa no curso 1980-81. Montou a súa propia farmacia en 1982 na Rúa Montero Ríos, sendo a primeira muller (e farmacia de Bueu) en ter especialidade de ortopedia. En 2023 recibiu a IV Homenaxe Bueuesa Senlleira.

Este número, publicado en 2023, conta con dezaseis colaboracións: "As farmacias de Bueu de 1940-1950" de Manuela Dopazo López, "As farmacias de Bueu de 1950-1960" de Josefa García Nantes, "As farmacias na Limia de 1950-1960" de Mariana Durán Losada e María Teresa Sanmartín Losada, "A muller no eido da farmacia" de Alba Chantada Sineiro, "Ás farmacéuticas" de Emi V. Lage, un retrato da homenaxeada realizado por Leticia Goimil García, "U-las boticarias e farmacéuticas?", de José Manuel Dopazo Entenza, "Carmen Piñeiro, parteira da Pardavila" de Veracruz García, "aunios reloaded" un poema de Ana Barja, "a Carmen Outeda" un brinde poético de Sara Plaza, "Recomendacións lectoras. Lila de Lilith" de Patriza Portopaderne (Libraría Lila de Lilith), "O feminismo e a diversidade" de Tensi Gesteira Estévez, "Os cantares do boticario" de Lidia Fernández Pastoriza, "Amelia Bloomer e o bloomerismo" de Nereida Prada Piñeiro, "Mamá Florinda" de Alba Rozas Arceo e "Papas de milho" receita de Fernando Trigo Chousinho.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Varela, Lola (2007). "As Xulianas de Bueu: unha saga de subhastadoras de peixe". Ardentia, 4, p. 36-38. Consultado o 2021-02-14. 
  2. Dopazo Entenza, José Manuel (2021). "As Xulianas de Bueu. Unha estirpe de poxadoras de peixe". A Trabe de Ouro, 117, 145-149. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]