Éuscaro batua

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O éuscaro batua literalmente: "éuscaro unificado" (en éuscaro euskara batua), foi creado a partir do ano 1968 e baséase nos dialectos centrais, como o dialecto guipuscoano ou o labortano-navarro. Tamén ten raíces do dialecto labortano clásico do século XVII, precursor da literatura vasca e lazo de unión entre os dialectos peninsulares e continentais.

Lingua oficial[editar | editar a fonte]

En España, o éuscaro é lingua cooficial, xunto co castelán, no País Vasco e terzo norte de Navarra, lugares en que está amplamente presente na educación. As institucións seguen as normas e directrices marcadas por Euskaltzaindia para o éuscaro unificado. O éuscaro batua actualmente é a versión oficial do idioma, sendo o máis empregado no ensino, a administración pública, os medios de comunicación e na maior parte da produción escrita nesta lingua.

En Francia, o éuscaro, do mesmo xeito que calquera outra lingua que non sexa o francés, non ten ningún status legal.

Orixe e historia[editar | editar a fonte]

As diferentes variedades do éuscaro divídense no dialecto occidental, anteriormente chamado biscaíño; o central, chamado guipuscoano; o altonavarro oriental, o altonavarro occidental, o labortano-navarro e o suletino. Algúns difiren considerablemente entre eles, como o biscaíño e o suletino. Outro dialecto, o roncalés, desapareceu definitivamente en 1991 coa morte de Fidela Bernat, a súa última falante. Os dialectos de maior tradición literaria foron o labortano e o guipuscoano, e ata que se iniciou o proceso de unificación foron consideradas as de maior prestixio entre os vascofalantes, sendo as mais utilizadas na liturxia e a literatura.

Os antecedentes inmediatos do éuscaro batua serían os seguintes:

Estes modelos caracterizábanse pola súa flexibilidade normativa e por darlle excesiva importancia aos localismos e fonetismos de cada rexión. As propostas posteriores baseábanse máis na tradición literaria.

O éuscaro unificado foi creado debido á necesidade de unificar os diferentes dialectos baixo un mesmo conxunto de normas lingüísticas. A ausencia dun éuscaro literario común foi un problema que se fixo notar desde os inicios da literatura vasca. Moitos escritores facían referencia a este problema nos prólogos das súas obras e mantiñan correspondencia para aconsellarse uns a outros. Os predicadores, versolaris e en xeral, todos os que se valeron da palabra como principal ferramenta de traballo tiveron que buscar solucións para facerse entender entre os vascos de diferentes rexións. Ao longo de historia, entre os escritores foron xurdindo varios modelos, sen que ningún chegase imporse aos demais como único canon a imitar, debido principalmente á división territorial e á ausencia dunha institución que puidese usar a súa autoridade nesa materia.

O labortano kostatarra (ver Escola de Sara)

No século XVI, o ministro calvinista Joannes Leizarraga dotouse dunha particular koiné para a primeira tradución da Biblia ao éuscaro. Desta forma, a tradución podía servir a todos os vascofalantes ao lado continental, axudando á expansión da nova doutrina. Leizarraga tomou como basee algúns aspectos do dialecto labortano combinado con elementos baixonavarros e suletinos.

A partir do século XVII, os escritores influenciados pola obra de Pedro Agerre Axular atoparon no fala da costa labortana unha vía para o desenvolvemento da literatura vasca. A fama da prosa rica e elegante de Axular traspasou a fronteira do Pireneo, e converteuse tamén en mestre dos escritores altonavarros, guipuscoanos e biscaíños.

Arantzazu

Despois do parón que supuxo a guerra civil española e a posterior etapa de dura represión, nos anos 50 do século XX volveuse a abordar o problema, sobre todo grazas a unha nova xeración de literatos e activistas culturais. Estes diferenciábanse da xeración anterior por ser na súa maioría laicos, de orixe urbana e con estudos universitarios. Moitos deles eran euskaldun berriak ("novos falantes de éuscaro", isto é, non aprenderan o idioma como lingua materna), así Gabriel Aresti ou Federico Krutwig.

Grazas a un relativo ambiente de tolerancia por parte do réxime franquista, algunhas das primeiras ikastolas legalizábanse como "escolas parroquiais" e miles de adultos asistían ás clases nocturnas para a euskaldunización e alfabetización coñecidas como gau eskolak. Publicacións como Euzko Gogoa, Zeruko Argia, Yakin e Anaitasuna foron a escola dunha xeración de escritores que desexaba estender os dominios do éuscaro mais alá dos límites impostos tradicionalmente. Todo isto, xunto co cambio no modo de vida e a mentalidade dos vascos, fixo xurdir a demanda dunha unificación lingüística. Queríase garantir o uso do éuscaro en todos os ámbitos públicos, desde a educación básica ata a universidade. Os escritores e profesionais do ensino empezaron a esixir á academia que ditase normas exactas sobre o éuscaro escrito.

Koldo Mitxelena, Jose Luís Alvarez Enparanza Txillardegi, Gabriel Aresti, Fr. Luís Villasante, Jon Etxaide e Jon Mirande, entre outros, foron os pais da criatura. No Congreso de Arantzazu (Arantzazuko Biltzarra) celebrado en 1968 e convocado pola Academia da Lingua Vasca, establecéronse as liñas mestras do que despois sería o éuscaro batua, tomando como eixo central o relatorio presentado por Koldo Mitxelena, a cal quería buscar a unificación "na base biolóxica e sociolóxica da lingua".

No momento actual (2007) considérase que o proceso de unificación atópase inacabado. O proxecto do Euskal Hiztegi Batua (Dicionario do Léxico Unificado) aínda non chegou ao seu fin e algúns aspectos da terminoloxía científica seguen sen estar plenamente consensuados.

Críticas[editar | editar a fonte]

Os debates dos anos 60 e 70 tomaron un claro cariz de conflito xeracional, sendo tamén reflexo de antagonismos políticos. Moitas decisións, como a adopción da letra "h" na ortografía unificada, non foron do gusto dos sectores mais conservadores do nacionalismo vasco, representado naquel entón polo PNV. Estes acusaban ao á considerada esquerdista de querer impor o seu criterio. Algúns académicos desconformes fundaron unha escisión chamada Euskarazaintza, hoxe en día totalmente inactiva.

Outros escritores, influenciados por Federico Krutwig, defendían un modelo cultista baseado no labortano clásico xurdido a partir da obra de Joannes Leizarraga, tomando como referencia a historia do italiano e do idioma alemán. Aínda que ao principio esta postura gozou dun certo éxito, co tempo terminou converténdose en moi minoritaria: considerábase un modelo demasiado difícil de aplicar. Gabriel Aresti, Jon Mirande e Luís Villasante, entre outros, defenderon esta vía, aínda que co tempo decidiron abandonala.

Algúns autores sosteñen que o batúa é unha lingua artificial, como o esperanto, e que a súa existencia e impulso institucional é letal para o que eles denominan o "éuscaro auténtico", que a súa extensión eliminará os diversos dialectos, evolución da antiga lingua (Oskillaso; O libro negro do euskara, Matías Múgica: Libelo sobre a cultura en éuscaro). Pola contra, desde os sectores da cultura en éuscaro non se dá crédito a estas afirmacións se non é desde unha óptica totalmente tradicionalista e trasnoitada do que é a lingua vasca, ou desde un evidente descoñecemento. Enténdese que o que supón un perigo para a supervivencia do éuscaro é o avance do castelán e o francés, que son os que estiveron gañando terreo ao "éuscaro auténtico" na sociedade vasca. Enténdese que a variedade estándar da lingua debe completar os dialectos e non substituílos.

Coa perspectiva que dan os anos, fóronse publicando obras que pretenden avaliar o camiño emprendido hai máis de trinta. A obra do académico Ibon Sarasola Euskara Batuaren Ajeak (A resaca do Éuscaro unificado) (editorial Alberdania, 1997) presenta en formato de dicionario unha lista de palabras e expresións de orixe dubidosa que acabaron "coándose" no éuscaro moderno, propondo solucións que seguen criterios internacionais e buscando sempre o achegamento entre os vascofalantes continentais e peninsulares. O tamén académico Koldo Zuazo, no seu ensaio Euskararen Sendabelarrak (As herbas curativas do Éuscaro) (Alberdania, 2000) defende a convivencia entre a variedade estándar e as falas rexionais como condición necesaria para garantir a vitalidade da lingua. Zuazo tamén denuncia a existencia dunha linguaxe confusa e artificial que se adoita facer pasar por "batua" nos medios de difusión vascos, cualificándoo de Marteko hizkuntza (idioma marciano).

Hoxe día, para alguén que quere converterse en vascofalante a culminación ideal do seu proceso de aprendizaxe estaría en coñecer a variedade falada no seu lugar de residencia, o cal permitiríalle integrarse plenamente na comunidade lingüística.

Artigos relacionados[editar | editar a fonte]

Extensión dos dialectos actuais do éuscaro

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Koldo Zuazo (2005), Euskara Batua, Ezina Ekinez Egina, Elkar: Bilbao.