Ácido teicoico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estrutura repetitiva dun ácido teicoico de Micrococcaceae

Os ácidos teicoicos (do grego τεῖχος, teicos, "parede") son un tipo de polímeros ácidos bacterianos [1] formados por unidades dos polialcohois glicerol fosfato ou ribitol fosfato unidos por enlaces fosfodiéster, e a miúdo presentan unidos moléculas de azucres e D-alanina.

Localización[editar | editar a fonte]

Os ácidos teicoicos forman parte da parede celular das bacterias Gram-positivas, como por exemplo, as bacterias dos xéneros Staphylococcus, Streptococcus, Bacillus, Clostridium, Corynebacterium e Listeria, e esténdense pola superficie da capa de peptidoglicano da parede. Os ácidos teicoicos non se encontran nas bacterias Gram-negativas. Poden unirse covalentemente a un ácido N-acetilmurámico do peptidoglicano, ou a lípidos da membrana plasmática, ou a unha D-alanina terminal do tetrapéptido que une as cadeas de peptidoglicano. A combinación de ácidos teicoicos e lípidos denomínase ácido lipoteicoico.

Funcións[editar | editar a fonte]

A principal función dos ácidos teicoicos é darlle rixidez á parede celular ao atraeren catións como magnesio e sodio. Os ácidos teicoicos xeralmente, pero non sempre, levan unidos a eles por enlace éster residuos de D-alanina,[2] o que lle dá á molécula propiedades de zwitterión. [3] Estes ácidos teicoicos zwitteriónicos son posibles ligandos dos receptores de tipo Toll 2 e 4 do sistema inmunitario animal.

Debido á súa carga negativa son en parte responsables da carga negativa neta da superficie celular bacteriana e poden intervir no paso de ións a través da parede. [4]

Os ácidos teicoicos axudan na regulación do crecemento celular ao limitaren a capacidade das autolisinas de romper a enlace glicosídico β(1-4) entre a N-acetilglicosamina e o ácido N-acetilmurámico.

Os ácidos lipoteicoicos actúan ademais como moléculas receptoras para algúns bacteriófagos de bacterias Gram positivas.[5] Diversas evidencias suxiren que os ácidos teicoicos poden actuar tamén como receptores para bacteriófagos, aínda que isto non foi aínda probado concluíntemente.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. MeshName - Teichoic+acids [1]
  2. Knox KW, Wicken AJ (June 1973). "Immunological properties of teichoic acids". Bacteriological Reviews 37 (2): 215–57. PMC 413812. PMID 4578758. http://mmbr.asm.org/cgi/pmidlookup?view=long&pmid=4578758. 
  3. Garimella R, Halye JL, Harrison W, Klebba PE, Rice CV (October 2009). "Conformation of the phosphate D-alanine zwitterion in bacterial teichoic acid from nuclear magnetic resonance spectroscopy". Biochemistry 48 (39): 9242–9. DOI:10.1021/bi900503k. PMID 19746945. 
  4. M. T. Madigan, J. M. Martinko, J. Parker .Brock Biología de los Microorganismos. Pearson-Prentice Hall. 10ª edición (2003). Páxina 76. ISBN 84-205-3679-2.
  5. Raisanen, L., Draing, C., Pfizenmaier, M., Schubert, K., Jaakonsaari, T., Aulouck, S., Hartung, T. and Alatossava, T. (June 2007). "Molecular interaction between lipoteichoic acids and Lactobacillus delbrueckii phages depends on the D-Alanyl and a-glucose substituion of poly(glycerophosphate) backbones". J.Bac: 4135–4140. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]