Tricerátops

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Triceratops")
As cargas dos tricerátops debían de ser temibles, pois chegaba a correr 35 km/h, apuntando cos seus cornos ós seus inimigos.

O Triceratops (que significa literalmente "cara con tres cornos") é unha especie de dinosaurio que viviu no período Cretáceo tardío en América do Norte. Medía uns 3 metros de altura e 9 de lonxitude. Tiña unha alimentación herbívora, e comía todo tipo de plantas.

Era un dinosaurio moi robusto, cunhas moi boas defensas:

  • Individualmente: Os Triceratops contaban cunha placa ósea que lles cubría o cranio e a noca, e dela saían dous cornos de considerable tamaño, ademais de teren outro menor no fociño. Crese que a cor da placa ósea dos machos servíalles para atraer as femias durante a época de celo. Quizais tamén podía morder coa súa mandíbula, pois esta era moi parecida á das aves, en caso de ter oportunidade de facelo, coma outros ceratópsidos coma o protocerátops.
  • En grupo: As mandas de Triceratops estaban compostas por adultos e crías. Investigando os comportamentos dos animais actuais, considérase que os adultos das mandas rodeaban as súas crías ó chegaren os depredadores.

Os machos combatían entre si polo control das femias, pero nestes combates os cornos estaban á marxe, pois só se utilizaban empurróns e loitas cos cornos trabados. Porén, está demostrado que estes combates chegaban a unha gran violencia, pois os paleontólogos atoparon numerosas placas óseas de triceratops fracturadas.