Protocerátops

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Reconstrución a partir de fósiles reais dun protocerátops.

O protocerátops, que significa literalmente primeira cara con cornos, era un pequeno dinosauro, que viviu no Deserto do Gobi, en Mongolia, hai uns 110 a 66 millóns de anos, na etapa do Campaniano do Cretáceo Superior.

Este dinosauro era herbívoro e alimentábase de vexetación nada espléndida: follas e plantas rexas do deserto. Por iso, os seus dentes estaban dispostos en filas na boca, para poder mastigar sen dificultades esa dura vexetación, e contaba cunha boca en forma de pico curvado, coma a dalgúns paxaros, para cortar as plantas con facilidade.

Este pequeno ceratópsido, de 1'5 a 2 metros de lonxitude e só un de altura, era, non obstante, moi robusto: tiña un corpo abombado e estaba protexido grazas a unha placa ósea que lle cubría a noca. Porén, á parte desta placa ósea, non tiña boas defensas, os cornos dos que fala o seu nome fan referencia a unhas terminacións óseas da cabeza, que non servían para a defensa (nin para o ataque). A defensa do protocerátops limitábase entón a cargas e a mordedelas ca boca curvada. A ferocidade deste pequeno dinosauro era enorme, pois era moi receloso dos seus dominios, que defendía valorosamente dos seus inimigos. De feito, atopáronse os esqueletos dun protocerátops e dun velociráptor en pleno combate, e que deberon de morrer ambos polas feridas causadas nun período de tempo parecido.

Fósiles de rotocerátops e velociráptor loitando

Unha expedición científica ao deserto do Gobi (Gansu, Mongolia Interior) feita en 1922 permitiu coñecer moitos datos deste dinosauro e dos seus veciños. Atopáronse niños de até 30 ovos. Crese que estes niños eran comunais, ou sexa, que era compartido por varias femias, o que dá a entender que este dinosauro era sociable e vivía en familias. Porén, ultimamente pénsase que eran de oviráptor.