Anos das Lámpadas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Arda.Tengwar.svg A Historia de Arda
Anos Valianos

Anos das Lámpadas
Anos das Árbores
Anos do Sol

Idades dos Fillos de Ilúvatar
Batalla Final
Liña Temporal de Arda

No legendarium de J. R. R. Tolkien, os Anos das Lámpadas son o primeiro dos tres grandes períodos de Arda, o mundo no que se desenvolven a maioría dos acontecementos narrados na súa mitoloxía. Os dous períodos seguintes son os Anos das Árbores e os Anos do Sol, nesa orde.

Os Anos das Lámpadas comezaron pouco despois da creación de Arda. Cando os Valar descenderon ao mundo, Arda carecía de vida e de trazos xeográficos marcados: a forma orixinal de Arda, escollida polos Valar, era un enorme continente simétrico.

Aulë, o ferreiro dos Valar, creou a estrutura das lámpadas (e tamén dos piares que as sostiñan). Despois Varda encheunas concentrando a difusa luz que iluminaba Arda daquela, e Manwë consagrounas. A lámpada chamada Illuin foi situada no estremo norte de Arda, e a outra, Ormal, no estremo sur. No medio, onde confluía a luz de ambas, atopábase un gran lago que rodeaba a illa de Almaren, onde habitaban os Valar.

O período que seguiu á creación das lámpadas coñécese como a Primavera de Arda, na que os Valar organizaron o mundo como desexaron e repousaron en Almaren. Esta é a época na que apareceron os primeiros animais e na que medraron as primeiras fragas. Melkor, o Vala maligno, que até daquela asexara alén dos Muros da Noite, aproveitou o sono de Tulkas para entrar en Arda inadvertido, xunto coa súa hoste, e construíu no norte a súa primeira fortaleza, Utumno.

As lámpadas foron destruídas nun ataque de Melkor, que supuxo a fin definitiva da Primavera de Arda, xa eivada en parte polo mal e o odio que manaban desde Utumno. Arda ficou unha vez máis ás escuras, e a caída das lámpadas estragou a perfecta simetría da súa superficie. Co cataclismo creáronse novos continentes: Aman no oeste, a Terra Media no medio, as terras inhabitadas (máis tarde coñecidas como a Terra do Sol) no leste, e a Terra Escura no sur. No lugar onde caeu Illuin formouse máis adiante o Mar Interior de Helcar, no que se atopaba a baía de Cuiviénen. A destrución das Dúas Lámpadas marcou a fin dos Anos das Lámpadas e o inicio dos Anos das Árbores.