Stéphane Hessel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Stéphane Hessel no peche de campaña da coalición Europe Écologie nas eleccións rexionais francesas de 2010.

Stéphane Frédéric Hessel, nado en Berlín o 20 de outubro de 1917 e finado o 27 de febreiro de 2013,[1] foi un diplomático e embaixador alemán nacionalizado francés en 1937. Combatente da Resistencia francesa durante a Segunda Guerra Mundial e un dos redactores da Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, volveu adquirir sona recentemente con motivo da publicación do ensaio Indignez-vous!, publicado en galego co título de Indignádevos! pola editorial Factoría K de libros[2].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nacionalizado francés antes de cumprir os 20 anos, foi mobilizado polo exército deste país ao inicio da Segunda Guerra Mundial, para logo unirse á Resistencia, ata que en 1941 foi capturado pola Gestapo e deportado ao campo de concentración de Buchenwald, do cal logrou escapar, e ao de Mittelbau-Dora, tras ser capturado novamente. Condenado a morrer na forca, e tras fracasados intentos de fuxida, logra escapar novamente durante o traslado ao campo de concentración de Bergen-Belsen.

Tras o remate da contenda mundial, participa na elaboración da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, adoptada en París en 1948 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, en calidade de xefe de gabinete de Henri Laugier, secretario da Comisión de Dereitos Humanos da ONU.

En 1962 funda a AFTAM (Asociación para a Formación dos Traballadores de África e Madagascar), da cal foi presidente. Máis tarde, en 1982, foi nomeado membro da Alta Autoridade Francesa da Comunicación Audiovisual, por un periodo de 3 anos, onde foi responsable das radios locais privadas.

Activismo[editar | editar a fonte]

Membro da Coalición Francesa para a Cultura, a Paz e a Non Violencia, denunciou publicamente ao Goberno francés polo que consideraba o seu fracaso no cumprimento do artigo 25 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, o dereito á participación política, e reclamoulle a achega de fondos para prover de vivenda aos sen teito. Especialmente crítico coas intervencións armadas de Israel no Líbano e en Palestina, chegounas a considerar como crimes de guerra, ou mesmo crimes contra a humanidade[3].

En outubro de 2010 publicou o seu ensaio Indignez-Vous!, o cal xa vendera 600.000 copias cara a fins do ano. Hessel opina que a sociedade francesa ten que reaxir e crear unha nova Resistencia ao xeito da da Segunda Guerra Mundial. Mais desta volta a causa non residiría na invasión dun exército estranxeiro, senón nas cada vez maiores diferenzas sociais entre ricos e pobres, no abuso do capital, o trato aos inmigrantes, a degradación medioambiental, a causa palestina, a perda da liberdade de prensa e o deterioro do Estado do benestar. O autor pide unha insurrección pacífica e non violenta.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]