Soma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estrutura dunha neurona típica

O soma é o corpo celular das neuronas, que contén o núcleo e o citoplasma. O citoplasma recibe o nome de pericarion (etimoloxicamente "arredor do núcleo"). Do soma celular saen as expansións das neuronas: dendritas e axón. Hai moitos tipos diferentes de neuronas, e o seu tamaño e o do seu soma é moi variable. O perfil do pericarion é xeralmente anguloso ou poligonal, e a superficie cúrvase e é algo cóncava antes das zonas desde onde emerxen as dendritas e o axón, pero tamén hai casos de somas arredondados, como os das neuronas dos ganglios das raíces dorsais.

O núcleo é grande e similar ao doutras células, coa cromatina espallada de modo moi uniforme na maior parte dos casos.

O pericarion contén todos os orgánulo típicos, incluíndo uns gránulos característicos chamados corpos de Nissl e inclusións e un citoesqueleto moi desenvolvido. O aparato de Golgi é semicircular e está situado a metade de camiño entre o núcleo e a membrana plasmática e nas tincións clásicas con prata ou osmio perfilábase perfectamente. As mitocondrias son moi numerosas e con forma de bastonciño, pero son xeralmente máis pequenas ca as dos tecidos non nerviosos e as súas cristas non se orientan sempre transversalmente como é máis común, senón que con frecuencia son paralelas ao eixe maior da mitocondria. Os centriolos están presentes nas células preneuronais embrionarias, pero son menos frecuentes nas células adultas de vertebrados.

No pericarion poden aparecer vesículas especializadas cargadas de substancias, como as vesículas das células produtoras de catecolaminas que conteñen o neurotransmisor, ou as vesículas cargadas de hormonas das neuronas do hipotálamo[1]. No pericarion son frecuentes as inclusións en forma de gránulos de pigmentos escuros, que en neuronas como as da substancia negra son de melanina. tamén son moi comúns os gránulos de lipofuscina e as gotiñas de lípidos. Son máis raros os depósitios granulares de ferro, que aparecen nalgunhas neuronas como as da substancia negra ou o globo pálido. Polo contrario, as neuronas diferenciadas non presentan gránulos de glicóxeno.

Os corpos de Nissl son característicos das neuronas e destacan tinguindo a célula con colorantes básicos. Aparecen como masas fortemente basófilas formadas por cisternas do retículo endoplasmático rugoso dispostas de xeito ordenado e paralelo [1]. Conteñen moitos ribosomas, e polirribosomas, polo que son áreas de intensa síntese proteica. O seu tamaño e distribución varía dunhas células a outras e co estado patolóxico[2].

O citoesqueleto está moi desenvolvido. Os seus principais compoñentes son neurofilamentos e microtúbulos. Os neurofilamentos están constituídos por tres proteínas trenzadas. Tanto os neurofilamentos coma os microtúbulos están dispostos en feixes que ocupan os espazos entre os corpos de Nissl e a aparato de Golgi, e continúanse polas dendritas e axón.

O cono axónico ou protuberancia do axón é a zona do pericarion onde se orixina o axón. Esta zona está desprovista de corpos de Nissl e de polirribosomas. No cono axónico os distintos elementos celulares son clasificados entre os que permanecerán no soma e os que entrarán no axón (citoesqueleto, mitocondrias). Ademais, ten unha membrana plasmática especializada que contén moitas canles iónicas reguladas por voltaxe, xa que é normalmente a zona onde se inicia o potencial de acción do impulso nervioso.[2]


Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 D. W. Fawcett (11ª edición). Tratado de Histología. 
  2. 2,0 2,1 Larry Squire, Darwin Berg, Floyd Bloom, Sascha du Lac, Anirvan Ghosh, Nicholas Spitzer (2008). Fundamental Neuroscience (3rd ed.). Academic Press. ISBN 978-0-12-374019-9.