Sclerodermus domesticus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Sclerodermus domesticus, tamén mencionado ás veces como Scleroderma domesticus, Scleroderma domesticum ou Scleroderma domestica (coñecido vulgarmente como ‘amigo dos anticuarios’ e outros nomes, como 'luisitos'[1]), é unha pequena especie de insecto da orde dos himenópteros, pertencente á familia dos betílidos.

Descrición[editar | editar a fonte]

Ilustración

É unha especie predadora que se nutre principalmente das larvas de caruncho ou couza (Anobium punctatum), aínda que tampouco despreza as doutros coleópteros, (como Stegobium paniceum, Lasioderma serricorne, Hylotrupes bajulus e Nicobium castaneum) ou mesmo lepidópteros.

O macho é alado e carece de aguillón, pero vese raramente; a femia pode medir de 2 a 5 milímetros de longo, ten aguillón pero non ás, é de cor marrón-negro e semellante a unha formiga. A femia introdúcese nos buratos escavados polas súas presas, que paraliza coas picadas do seu aguillón, e deposita os seus ovos: unha vez que eclosionan, estes aliméntanse da vítima. O aguillón, como nos outros himenópteros, encóntrase na parte posterior do corpo e sae dun ovopositor modificado, comunicando cunha glándula de veleno.

Interacción coa especie humana[editar | editar a fonte]

Este insecto nútrese de larvas doutros insectos tradicionalmente recoñecidos como daniños polo home, en particular o caruncho ou couza que devoran a madeira, característica pola cal ás veces se menciona como ‘amigo dos anticuarios’.

A pesar diso, ocasionalmente, pode picar persoas, de día ou de noite. A picada é moi dolorosa, e á parte da picadela ou pápula prurixinosa pode causar malestar xeral, febre, diarrea, dermatite e/ou reaccións alérxicas. Un só exemplar pode inflixir numerosas picaduras, e os seus efectos poden durar ata dúas semanas. Mesmo os profesionais sanitarios poden confundir estas lesións coas provocadas por ’’Pyemotes ventricosus (unha especie de ácaro de hábitos semellantes), ou por outros insectos, de xeito que moitas persoas chegan a convivir durante anos con ’Sclerodermus’ sen saber exactamente a causa dos seus males e postergando dese xeito a súa curación, o cal pode xerar mesmo danos psicolóxicos en forma de crises de ansiedade desatadas polas picaduras.

Ademais dos referidos danos á saúde, hai que ter en conta os danos económicos que causa ‘Sclerodermus domesticus’ polo custo da desinsectación, que só é posible erradicando ó mesmo tempo os carunchos ou couzas dos que se alimenta.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Sclerodermus domesticus

’Sclerodermus domesticus’ é unha especie cosmopolita, aínda que prefire os climas temperados. Hai informes da súa presenza en España, Italia, Francia, Alemaña, as Illas Británicas, a antiga Iugoslavia Próximo Oriente, Estados Unidos e Costa Rica.

Encóntrase principalmente dentro das casas, nos ambientes frecuentados polas súas presas, como os mobles de madeira antigos; no exterior pode atoparse en toros vellos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Citado así nunha publicación realizada polo dep. de Bioloxía do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo para a Feira da Ciencia de Ribadeo en 2014

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]