Saúde mental e prisión

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os problemas de saúde mental son o principal problema de morbilidade do sistema penal.[1] A asociación estadounidense de psicoloxía reporta que case un 50% de reos teñen ou tiveron problemas de saúde mental, e entre un 10 e un 25% teñen algún tipo de trastorno mental severo; sendo máis grande a porcentaxe nas mulleres e nas minorías étnicas. Ademais, o encarceramento pode crear ou agravar os problemas de saúde mental.[2] Segundo a Secretaría Xeral de Institucións Penais en España aproximadamente o 25% da poboación reclusa ten algún tipo de trastorno mental, que aumenta até aproximadamente un 49% se se inclúe a drogodependencia. A porcentaxe de reos con trastorno mental está entre tres e catro veces por encima do que se atopa na poboación civil; e é frecuentemente secundaria ó abuso de sustancias.[3][4] Segundo outro estudo italiano, o 20% dos reos presentaban á vez un trastorno psiquiátrico e abuso de sustancias.[5] En Inglaterra, segundo un estudo de 1998, o 20% dos homes e o 40% das mulleres encarceradas recibiran algún tipo de asistencia por problemas mentais ou emocionais no ano anterior ó seu ingreso na cadea, excluíndo o abuso de sustancias.[1]

O encarceramento está altamente relacionado cos trastornos de saúde mental, e esta prevalencia desproporcionada de casos de saúde mental nas cárceres débese a diversas razóns.[6] En liñas, xerais estas son: A idea errada de que as persoas con saúde mental son perigosas, a intolerancia de certas sociedades cara ás condutas diferentes ou difíciles de xestionar; e sobre todo, a incapacidade para aplicar tratamentos, coidados efectivos e a falta de acceso a servizos de atención á saúde mental.[7] Moitos destes trastornos atópanse presentes antes do encarceramento, podendo ser acentuados durante este. Doutra banda, en moitos outros casos, o propio encarceramento e as condicións de tensións que se derivan deste provocan o desenvolvemento de trastornos mentais novos, nalgúns casos específicos da carcelación como son as psicoses carcerarias, o aumento da violencia (agresións e suicidios) ou de problemas sexuais; e nos casos máis graves tamén debidos ás torturas ou á violación dos dereitos humanos.[8]

Nalgúns países as persoas con trastorno mental ou con problemas de abuso de sustancias son encarceradas por delitos menores debido á falta dun sistema xeral de saúde no que ser tratados; en moitos casos agravando a situación.[7] Dáse especialmente nos casos de abuso de sustancias, trastornos psicóticos, depresión maior, trastorno bipolar, trastorno obsesivo-compulsivo, trastorno por tensión postraumática, e un número de casos en aumento de enfermidades relacionadas coa terceira idade como a demencia.[6]

Argumentouse que o feito de que haxa unha maior porcentaxe de persoas con enfermidades mentais na cadea que na poboación xeral sexa debido a que a poboación carceraria é máis nova e está formada nun maior número por persoas de minorías étnicas, dous dos factores socio-demográficos que correlacionan máis cos trastornos mentais, pero, tendo en conta a corrección estadística destes dous factores, a diferenza segue sendo significativa, sendo entre dúas e tres veces máis alta a prevalencia dos trastornos mentais en prisión.[9]

O medio penal[editar | editar a fonte]

O cárcere é unha institución formada ademais de por un espazo arquitectónico, por unha estrutura social á que o preso deberá adaptarse, coas consecuencias que iso acarrexa. Esta estrutura social ten á súa vez estruturas sociais formais (como as normas e as leis) e informais (como as relacións de poder ou as relacións persoais); principalmente estruturadas a través dos dous grandes subgrupos que a compoñen, a administración penal e os reclusos.[6]

Erving Goffman acuña o concepto de institucións totais na súa obra Internados para describir o establecemento penais, nos que o control, o sometemento á autoridade e a dependencia son as principais características ás que o preso deberá adaptarse. Os reclusos son illados da sociedade, dos espazos familiares, de lecer e de traballo durante un tempo determinado, e deben seguir unha rutina diaria sometida á autoridade, reducindo a súa axencia, e limitando o acceso aos recursos propios.Michel Foucault polo seu lado, no seu ensaio Vixiar e castigar, usa o concepto de institucións disciplinarias para describir aqueles centros nos que; mediante a disciplina e o castigo, preténdese homoxeneizar e corrixir todas aquelas condutas disfuncionais ou antisociais.

Debido a estas características intrínsecas dos establecementos penais a situación de encarceramento é unha experiencia que busca a tensión psicolóxica do recluso e supón, en liñas xerais, unha experiencia traumática para a persoa encarcerada e as súas familias, sobre todo nos casos que levan máis tempo en prisión e nos de prisión provisional. O encarceramento require do recluso un esforzo adaptativo constante que, como consecuencia, xéralle unha serie de distorsiones afectivas, emocionais, cognitivas e perceptivas. A falla de espazos de intimidade, o illamento, ou os estresores ambientais como a falla de hixiene, ou o frío e a calor, ou a masificación provocan un maior ou menor desgaste psicolóxico, e afectan ó estado de saúde física e mental; e aumentan a aparición de comportamentos desadaptados.[6][10][11]

Características específicas da poboación recluída[editar | editar a fonte]

A poboación presidiaria considérase colectivo de risco de exclusión social, tanto pola súa condición de reclusión como polas condicións previas a esta. A maior parte veñen de contornas difíciles, con contextos familiares marxinais e niveis socioeconómicos baixos e cunha porcentaxe de abusos previos moi alto; sobre todo de abusos sexuais e malos tratos infantís. O nivel educativo adoita ser baixo e, segundo o país, cunha porcentaxe de analfabetismo bastante elevado.[12]

Doutra banda destacan certas características en canto ó perfil psicolóxico.[13]

  • Dáse unha porcentaxe moi elevada de exposición a eventos traumáticos nas historias de vida, tanto de accidentes como de situacións de violencia ou de abusos sexuais e violacións. Un estudo sueco de 2007 atopou que o 76% dos reclusos enquisados experimentara polo menos un evento traumático na súa vida.[14] A porcentaxe de persoas que presentan trastorno por tensión postraumática en prisión considérase que está entre o 10 e o 30%.
  • Existe unha presenza frecuente de abuso de drogas e alcol, chegando a presentar criterios de abuso ou drogodependencia en aproximadamente a metade da poboación presa antes e durante a súa estancia en prisión. Este consumo a miúdo atópase ligado a cadros de depresión, ansiedade, ou trastorno mental; e están correlacionados coas vivencias traumáticas e as condutas violentas.
  • A prevalencia de trastornos mentais na poboación recluída é significativamente máis alta que na poboación xeral; sendo máis comúns o trastorno psicótico e a depresión maior, presentes nun de cada sete presos, e os trastornos de personalidade. Tamén é preciso mencionar o elevado risco de condutas suicidas.

Consecuencias para a saúde[editar | editar a fonte]

Os presos con trastorno mental teñen o dobre de posibilidades de recibir castigos por algún tipo de infracción, o que empeora aínda máis a súa situación mental.[15] A maior probabilidade de recibir un castigo débese, en parte, a que os síntomas das persoas con trastorno son considerados como faltas de disciplina polos traballadores das institucións carcerarias que non posúen a formación necesaria en materia de saúde mental, polo que se multiplican os castigos disciplinarios, a dureza destes e mesmo a lonxitude da pena de prisión.[16][17]

Prisionalización[editar | editar a fonte]

O fenómeno da prisionalización, tamén traducido en ocasións como prisionización, foi descrito por primeira vez por Donald Clemmer no seu libro The prison community, e refírese ao “conxunto de adaptacións biolóxicas, psíquicas e sociais do individuo en prisión ao esquema normativo da comunidade de reclusos”. Este proceso adaptativo caracterízase pola asimilación dos hábitos do recluso á comunidade carceraria, tanto das normas da propia prisión como das regras informais da comunidade de reclusos, diminuíndo o repertorio de condutas individuais. O grao de prisionización depende de moitos factores como as características da cárcere, a masificación, a salubridade, a duración da condena ou o contacto co exterior. Tamén poden influír as características da personalidade.[18][19] Outro termo equivalente usado en socioloxía é o de institucionalización.

Este proceso de adaptación ao encarceramento leva consecuencias psicolóxicas como a despersonalización, a externalización do locus de control, a desvalorización da propia imaxe e diminución da autoestima, e unha visión máis negativa do mundo; así como tamén un aumento de respostas biolóxicas desadaptativas da conduta, como o aumento do instinto de ataque, as dificultades para conciliar o sono e os problemas de privación sexual.[10]

Illamento[editar | editar a fonte]

O confinamento é un dos principais problemas no cárcere. Os reclusos en cadeas locais e os centros de prisión preventiva tenden a recibir peor trato e a vivir en peores condicións xa que son centros que reciben menos financiamiento, polo que adoitan ter problemas de espazo e de persoal, e a pasar máis horas encerrados nas súas celas. Neste tipo de prisións os reclusos poden chegar a permanecer entre 20 e 23 horas ao día nas súas celas, segundo un informe estatal de prisións de Inglaterra. No ano 2019 o 30% dos reclusos reportaron pasar menos de 2 horas ao día fóra da cela.[20] Isto fai que as persoas con problemas psiquiátricos preexistentes empeoren a súa situación e outros que son vulnerables a desenrolar problemas de saúde mental se descompensen nestas condicións. Ademais as persoas con trastornos psicóticos tenden a ser confinadas nas súas celas por períodos máis longos.[21] Os problemas relacionados co confinamento fanse especialmente patentes coa medida disciplinaria do confinamento solitario, e mesmo nos presos sen historia de trastorno mental o confinamento solitario aumenta significativamente a probabilidade de condutas autolesivas.[22][23][24]

Tratamento psiquiátrico[editar | editar a fonte]

En moitas ocasións, a prisión é o primeiro lugar onde as persoas con risco a sufrir problemas de saúde mental, teñen contacto co sistema de saúde, (como en situacións de trastorno mental ou drogodependencia), e estes espazos poden tomar un papel importante tanto para tratar a mesma adicción, como outros problemas de saúde mental presentes, ou mesmo para educar en asuntos de hixiene como as enfermidades de transmisión sexual. A pesar disto, debido á saturación dos sistemas de saúde, á súa ineficiencia, ou mesmo á súa inexistencia, en numerosas ocasións a situación da persoa con trastorno mental en prisión adoita empeorar.[25]

Por exemplo en Inglaterra, aínda que o sistema de saúde nas prisións está xestionado polo Instituto Nacional de Saúde público, e a pesar de que legalmente un interno cunha urxencia psiquiátrica ten dereito á atención psiquiátrica nun prazo de 14 días, adoitan ter que esperar ata un ano a ser trasladados a un hospital psiquiátrico.[26]

Outro dos problemas principais que xera o encarceramento de persoas con necesidades de tratamento psiquiátrico por trastornos graves, como poden ser a psicose ou a esquizofrenia, é que son ingresados no módulo de enfermaría durante gran parte do tempo da súa condena. Isto fai que non poidan participar nas actividades comúns do centro nin nas indicadas para realizar unha intervención psicosocial terapéutica, o que pode xerar unha cronicidade dos síntomas da enfermidade, así como institucionalización (submisión ao réxime de vida do cárcere); o que á súa vez pode levar á persoa a unha dependencia crónica do sistema psiquiátrico unha vez cumprida a súa pena.[27] As recomendacións principais de numerosas institucións como a Unión Europea, as Nacións Unidas ou a OMS son derivar ás persoas con trastorno mental do sistema penal ao sistema xeral de saúde, e a formación do persoal penal en temas de saúde mental.[28][29]

Suicidio[editar | editar a fonte]

O suicidio é outra das consecuencias máis graves do ingreso en cadea. En Inglaterra aproximadamente a metade das mortes que ocorren en prisión son por suicidio, e destas, a metade ocorren no tres primeiros meses da condena.[1] Un 77 por cento dos reclusos que se suicidan nun réxime carcerario ten un historial de trastorno mental previo.[30] Os colectivos con máis risco de suicidio son as persoas novas, as que se atopan nun réxime preventivo, as drogodependentes e as que teñen cargos por asasinato. Estas últimas teñen unha probabilidade 19 veces maior de cometer suicidio que calquera outro recluso, polo que se deberían considerar persoas de risco, incorporando tratamento e programas de prevención.[31]

Existen diferenzas significativas en canto ós intentos de suicidio en prisión, sendo os casos en mulleres case o dobre respecto dos homes. Segundo unha estatística de 1998 feita en Inglaterra, o 27% dos homes e o 44% das mulleres en prisión preventiva dixeron que tentaran suicidarse durante a súa vida; O 15% e o 27%, respectivamente, dixeron que tentaran suicidarse no último ano.[32]

Drogodependencia[editar | editar a fonte]

En 2012 só no sueste asiático e as illas do pacífico contabilizáronse unhas 300.000 persoas detidas polo uso de drogas e prostitución, incluíndo nenos que sufriron abusos sexuais.[33]

Segundo a declaración conxunta sobre o uso de drogas e os centros de rehabilitación da ONU, ACNUR, UNICEF, OMS e outras, a resposta máis efectiva nos casos de drogodependencia e dos danos relacionados coa saúde asociados a ela, como a infección polo VIH ou a tuberculose, baséase en tratar a drogodependencia como un problema de saúde a través de enfoques centrados na evidencia, e non desde un enfoque que criminalice ó consumidor. Esta declaración pon o foco en que sempre hai que ter en conta os dereitos da persoa en todas as intervencións de atención da saúde, incluído o tratamento das persoas con drogodependencia, e estes deben ser voluntarios con consentimento informado. Non hai evidencia de que estes centros de detención sexan unha contorna favorable ou eficaz para o tratamento da drogodependencia, nin para mellorar a situación das persoas que se dedican ó traballo sexual. Levar a cabo unha política de detención das persoas con problemas de drogadicción ou de traballadores sexuais só empeora a saúde dos detidos, tanto mental como física, mesmo a través dunha maior vulnerabilidade ao VIH ou á tuberculose.[34]

Diferenzas de xénero[editar | editar a fonte]

Aproximadamente o 5% da poboación carceraria mundial son mulleres, aínda que esta porcentaxe pode variar. En Inglaterra a proporción atópase aproximadamente no 3'5%, e nos Estados Unidos ou Chile atópase por encima do 8'5%, segundo datos do 2010.[35][36]

As mulleres que están na cadea teñen máis probabilidades de recibir castigos disciplinarios que os homes, e outro tipo de abusos incluíndo abusos sexuais.[37][38][39] A metade dos abusos sexuais nas prisións son perpetrados polos gardas.[40][41] Nos Estados Unidos proximadamente un 30% dos abusos sexuais perpétranse a mulleres, a pesar de que a porcentaxe de mulleres nos cárceres é de menos do 13%.[41] O 20% das persoas transxénero sufriron abusos sexuais por parte do persoal de prisións ou doutros reclusos.[42]

As mulleres recluídas teñen unha porcentaxe moito máis alta que os homes en historiais de saúde mental, abusos e traumas; aínda que tamén son máis propensas a buscar axuda dentro da prisión. En canto ó tipo de historial clínico, nos homes a segunda categoría máis frecuente (despois da drogodependencia) é o trastorno paranoide de personalidade e, nas mulleres o trastorno límite da personalidade. As taxas máis altas de trastorno da personalidade atopáronse entre os presos de menor idade.[43] As mulleres presentan máis frecuentemente casos de ansiedade, características de personalidade límite e síntomas relacionados co trauma; aínda que a personalidade límite e os síntomas relacionados co trauma preséntanse tamén nun terzo dos reos homes. Os problemas relacionados co alcol son o dobre de prevalentes entre os homes.[44]

As persoas reclusas con fillos teñen un factor adicional que aumenta a súa vulnerabilidade, especialmente a causa da tensión; sendo as mulleres as que máis sofren neste aspecto. Segundo datos de 1997, dous terzos das mulleres presas eran nais, e a metade das mulleres que foron enviadas á cadea tiñan fillos vivindo con elas. De tódalas mulleres que tiñan fillos ó seu cargo, só o 25% tiñan unha parella ou exparella que se encargase da crianza mentres elas cumprían condena.[43]

Enfermidade mental e xurisprudencia[editar | editar a fonte]

A peritación en psiquiatría forense é a especialidade que se encarga de peritar o estado mental da persoa acusada dun delito, para poder xulgar o seu grao de culpabilidade e responsabilidade. O psiquiatra forense non se encarga de valorar a súa culpabilidade ou inocencia. Este valora o posible trastorno mental que poida ter e o seu alcance, a consciencia no momento de cometer o delito se fose o caso, se o delito perpetrado fose ou non unha consecuencia directa do trastorno.[8]

Na maioría dos sistemas xurídicos cando foi probada a participación da persoa nun feito delituoso, pero por razóns biolóxicas ou psíquicas considérase que a persoa é inimputable, é sometida a unha medida de seguridade alternativa á pena. Segundo o caso esta inimputabilidade pode ser completa ou incompleta. A medida de seguridade alternativa á pena pode ser privativa de liberdade (como unha prisión, un centro psiquiátrico ou un centro de rehabilitación), ou non privativa de liberdade, que se poden cumprir na comunidade, en centros sociosanitarios ou facendo algún tipo de formación.

En Dereito Civil úsase a miúdo o termo "enaxenación mental" porque renza do concepto de "trastorno mental", que vai modificando co tempo o obxecto ao que se está referindo debido á investigación científica, o alleamento mental é un concepto menos específico e pode adaptarse mellor aos cambios dos avances médicos e psiquiátricos. Utilizar o termo "trastorno mental" daríalle ao código penal un carácter transitorio.[45]

A situación das persoas con trastorno mental nas institucións penais expón catro grandes cuestións. Primeiro, onde situar o límite da imputabilidade da persoa con trastorno mental, xa que a súa alienación mental xa a sitúa nunha posición de responsabilidade penal distinta á falta de trastorno; restrinxíndoa de personalidade xurídica. Na maioría dos países a alienación mental supón non só unha falta de responsabilidade xurídica, senón tamén unha necesidade de tutela. Segundo a clasificación das persoas que enfrontan os cargos; terceiro, dilucidar quen, onde e como se debería tratar ás persoas que delinquiron e non sexan imputables, e cuarto, actualizar as leis penais a medida que vai progresando o coñecemento que temos sobre as causas xenéticas e neurobiolóxicas da violencia e outros causantes da delincuencia.[8]

Vulneración dos dereitos humanos nas institucións psiquiátricas[editar | editar a fonte]

A vulneración dos dereitos humanos nas persoas con trastorno mental dáse a escala global, tanto fora como dentro das institucións psiquiátricas. Estas vulneracións veñen dadas principalmente como negación da posibilidade de emprego, matrimonio, procreación e educación; desnutrición; abuso físico; violacións e neglixencia.[46] A severidade destes abusos dáse en graos distintos dependendo da cultura e as crenzas que se teña sobre a saúde mental; e debido tamén ás diferenzas no acceso a recursos económicos. As persoas en escalas sociais máis baixas, as mulleres, e as persoas pertencentes a etnias minoritarias son especialmente vulnerables a estes abusos.[47] O estigma que supón o diagnóstico de persoa con trastorno é tamén un factor debilitante no tratamento deste colectivo, xa que sitúaos na periferia da sociedade.[48]

As violacións dos dereitos humanos, así como a falta de condicións básicas de saúde dáse especialmente nos centros psiquiátricos, xa que en moitas ocasións trátase simplemente de centros de detención para persoas con trastorno mental. É habitual que as persoas ingresadas en centros psiquiátricos reciban peor tratamento que as persoas ingresadas en prisión por un delito, chegando mesmo a ser internadas para sempre nun centro psiquiátrico en contra da súa vontade sen cometer ningún delito.[49][48]

Recomendacións da OMS a nivel global[editar | editar a fonte]

A OMS, no informe de 2012 sobre as persoas con trastorno mental en prisión, marcou unha folla de ruta global co obxectivo de diminuír a poboación na cadea e de mellorar as condicións de vida destas persoas. Principalmente expoñen que o máis importante é desviar ás persoas con trastornos mentais cara ós sistemas nacionais de saúde antes de chegar a prisión, evitando as institucións de gran tamaño e illadas do contexto de vida diaria; sobre todo para as persoas con trastornos mentais que foron acusadas de cometer delitos menores. Por outra banda é importante darlle ós reclusos acceso a tratamento e atención de saúde mental axeitados, incluído o abuso de sustancias, como integral dos servizos xerais de saúde dispoñibles nos centros penais. É importante tamén a formación dos profesionais da saúde e das prisións para chegar a dar acceso a tratamentos e medicación da mesma calidade que na poboación xeral. Tamén recomendan dar acceso á atención de saúde mental aguda nas salas psiquiátricas dos hospitais xerais. Cando os reclusos requiran atención aguda, deben ser trasladados temporalmente ás salas psiquiátricas dos hospitais de réxime xeral cos niveis de seguridade axeitados xa que de acordo cos principios de desinstitucionalización, desaconsellan firmemente os hospitais psiquiátricos penais especiais por ser pouco eficaces e extremadamente caros.[7]

Erros de diagnóstico[editar | editar a fonte]

Un dos principais problemas relacionados coa saúde mental nas prisións son os erros de diagnose, sendo moito máis acentuados os erros á hora de detectar a presenza dun problema de saúde mental; e polo tanto excluíndo á persoa dun tratamento. Calcúlase que entre un 10 e un 15 por cento dos diagnósticos poderían ser errados, sendo diagnosticados ou non dependendo da persoa que fai a avaliación.[50] Noutro estudo, o 75% dos que ingresaron en prisión cun diagnóstico de trastorno mental (excluíndo abuso de sustancias) non presentaban alteracións do estado mental de ningún tipo no exame de saúde realizado polo persoal sanitario da prisión.[51]

Varios estudos conclúen tamén que hai unha porcentaxe significativa de casos de persoas que finxen ou esaxeran os síntomas dunha enfermidade mental por diversos motivos. No contexto xudicial, a porcentaxe de casos nos que se alega un problema mental é do 1%; e destes calcúlase que a prevalencia da simulación dunha enfermidade mental dáse entre un 8 e un 21%.[52] As razóns soen ser para ser declarado ou ben incompetente para declarar, ou declarado non culpable por razóns de trastorno mental.[53] Nos estudos feitos en internos de prisións, atopouse unha gran variabilidade na estimación do número de peticións de axuda psiquiátrica que poderían ser finxidas, e vai dun 32% a un 66%, aínda que os estudos onde se atoparon máis casos só os presos que eran sospeitosos formaban parte do estudo.[54]

Referencias[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Birmingham, Luke (2003/05). "The mental health of prisoners" (en inglés) 9 (3): 191–199. ISSN 1355-5146. doi:10.1192/apt.9.3.191. Consultado o 2021-03-21. 
  2. "Incarceration nation". Consultado o 2021-03-16. 
  3. "Informe prevalencia de trastornos mentales en centros penitenciarios españoles: estudio PRECA" (en castelán). 2012-06-14. Consultado o 2021-03-16. 
  4. Rocamora García-Valls, Pedro (2016). Conciencia y psiquismo : análisis neurocientífico de la condición humana. Icaria Editorial. p. 125. ISBN 978-84-9888-690-0. OCLC 944012866. Consultado o 2021-03-16. 
  5. Piselli, Massimiliano; Elisei, Sandro; Murgia, Nicola; Quartesan, Roberto; Abram, Karen M. (2009-03). "Co-occurring psychiatric and substance use disorders among male detainees in Italy" 32 (2): 101–107. ISSN 1873-6386. PMID 19237198. doi:10.1016/j.ijlp.2009.01.006. Consultado o 2021-03-29. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Brinded, Philip M. J.; Simpson, Alexander I. F.; Laidlaw, Tannis M.; Fairley, Nigel; Malcolm, Fiona (2016-11-17). "Prevalence of Psychiatric Disorders in New Zealand Prisons: A National Study:" (en inglés). ISSN 1440-1614. doi:10.1046/j.1440-1614.2001.00885.x. Consultado o 2021-03-15. 
  7. 7,0 7,1 7,2 "Mental health" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 06 de maio de 2022. Consultado o 2021-03-16. 
  8. 8,0 8,1 8,2 Rocamora García-Valls, Pedro (2016). Conciencia y psiquismo : análisis neurocientífico de la condición humana. Icaria Editorial. p. 125. ISBN 978-84-9888-690-0. OCLC 944012866. Consultado o 2021-03-15. 
  9. Teplin, L A (1990-06). "The prevalence of severe mental disorder among male urban jail detainees: comparison with the Epidemiologic Catchment Area Program." 80 (6): 663–669. ISSN 0090-0036. PMC 1404724. PMID 2343947. Consultado o 2021-03-16. 
  10. 10,0 10,1 Garcia, Nuria; Pacheco, Meritxell (2012-06-13). "La Construcción Subjetiva de las Consecuencias del Encarcelamiento: el Punto de Vista del Recluso [Subjective Construction of Imprisonment Consequences: Prisoner’s Viewpoint]" 9 (2): 21–34. ISSN 1578-908X. doi:10.5944/ap.9.2.4101. Arquivado dende o orixinal o 01 de xaneiro de 2024. Consultado o 2021-04-09. 
  11. DuRand, C. J.; Burtka, G. J.; Federman, E. J.; Haycox, J. A.; Smith, J. W. (1995-07-XX). "A quarter century of suicide in a major urban jail: implications for community psychiatry" 152 (7): 1077–1080. ISSN 0002-953X. PMID 7793448. doi:10.1176/ajp.152.7.1077. Consultado o 2021-04-09. 
  12. "Ser reclusos y enfermedad mental, un doble estigma" (en castelán). 2019-04-29. Consultado o 2021-04-09. 
  13. Argudo, Zulema Altamirano (2013). "El bienestar psicológico en prisión: antecedentes y consecuencias" (en castelán). Universidad Autónoma de Madrid: 90. Consultado o 2021-04-09. 
  14. Urbaniok, Frank; Endrass, Jérôme; Noll, Thomas; Vetter, Stefan; Rossegger, Astrid (2007-03-10). "Posttraumatic stress disorder in a Swiss offender population" 137 (9-10): 151–156. ISSN 1424-7860. PMID 17370156. Consultado o 2021-04-09. 
  15. Metzner, Jeffrey L.; Fellner, Jamie (2010-03-01). "Solitary Confinement and Mental Illness in U.S. Prisons: A Challengefor Medical Ethics" (en inglés) 38 (1): 104–108. ISSN 1093-6793. PMID 20305083. Consultado o 2021-03-16. 
  16. Matejkowski, Jason; Caplan, Joel M.; Wiesel Cullen, Sara (2010-09-01). "The Impact of Severe Mental Illness On Parole Decisions: Social Integration Within a Prison Setting" (en inglés) 37 (9): 1005–1029. ISSN 0093-8548. doi:10.1177/0093854810372898. Consultado o 2021-03-21. 
  17. "OMS | Salud mental y desarrollo: Poniendo el objetivo en las personas con problemas de salud mental como un grupo vulnerable". Consultado o 2021-03-23. 
  18. Argudo, Zulema Altamirano (2013). "El bienestar psicológico en prisión: antecedentes y consecuencias" (en castelán). Universidad Autónoma de Madrid: 109. Consultado o 2021-04-09. 
  19. "Prisionización: estructura y dinámica del fenómeno en cárceles estatales del sistema penal chileno" (en castelán). Consultado o 2021-04-09. 
  20. "HM Chief Inspector of Prisons annual report: 2019 to 2020" (en inglés). Consultado o 2021-03-23. 
  21. Birmingham, Luke (2003/05). "The mental health of prisoners" (en inglés) 9 (3): 191–199. ISSN 1355-5146. doi:10.1192/apt.9.3.191. Consultado o 2021-03-23. 
  22. Kaba, Fatos; Lewis, Andrea; Glowa-Kollisch, Sarah; Hadler, James; Lee, David; Alper, Howard; Selling, Daniel; MacDonald, Ross; Solimo, Angela (2014-3). "Solitary Confinement and Risk of Self-Harm Among Jail Inmates" 104 (3): 442–447. ISSN 0090-0036. PMC 3953781. PMID 24521238. doi:10.2105/AJPH.2013.301742. Consultado o 2021-03-16. 
  23. "Madrid v. Gomez, 889 F. Supp. 1146 (N.D. Cal. 1995)" (en inglés). Consultado o 2021-03-16. 
  24. Walker, J.; Illingworth, C.; Canning, A.; Garner, E.; Woolley, J.; Taylor, P.; Amos, T. (2014). "Changes in mental state associated with prison environments: a systematic review" (en inglés) 129 (6): 427–436. ISSN 1600-0447. doi:10.1111/acps.12221. Consultado o 2021-03-16. 
  25. "WHO | Health in prisons. A WHO guide to the essentials in prison health". Consultado o 2021-03-16. 
  26. Moore2019-05-28T11:30:00, Alison. "Prisoners face 'year-long' waits for hospital beds" (en inglés). Consultado o 2021-03-16. 
  27. Zabala Baños, Maria Carmen (2015-12-18). "' Prevalencia de trastornos mentales en prisión: análisis de la relación con delitos y reincidencia" (en castelán). p. 65. Consultado o 2021-04-12. 
  28. "Manual sobre reclusos con necesidades especiales" (PDF). 2011. Consultado o 12 de abril de 2021. 
  29. "Prison Conditions in the Member States: Selected European Standards and Best Practices - Think Tank" (en inglés). Consultado o 2021-04-12. 
  30. Goss, J. Richard; Peterson, Kari; Smith, Lawrence W.; Kalb, Kate; Brodey, Benjamin B. (2002-05). "Characteristics of suicide attempts in a large urban jail system with an established suicide prevention program" 53 (5): 574–579. ISSN 1075-2730. PMID 11986506. doi:10.1176/appi.ps.53.5.574. Consultado o 2021-03-16. 
  31. DuRand, C. J.; Burtka, G. J.; Federman, E. J.; Haycox, J. A.; Smith, J. W. (1995-07). "A quarter century of suicide in a major urban jail: implications for community psychiatry" 152 (7): 1077–1080. ISSN 0002-953X. PMID 7793448. doi:10.1176/ajp.152.7.1077. Consultado o 2021-03-16. 
  32. Birmingham, Luke (2003/05). "The mental health of prisoners" (en inglés) 9 (3): 191–199. ISSN 1355-5146. doi:10.1192/apt.9.3.191. Consultado o 2021-03-29. 
  33. "WHO | Prisons". Consultado o 2021-03-15. 
  34. "UN calls to close compulsory drug detention and rehabilitation centres without delay". Consultado o 2021-03-15. 
  35. ChartsBin. "World Female Prisoners (percentage within the Prison Population)". Consultado o 2021-03-23. 
  36. "UK: man vs female prison population 2019" (en inglés). Consultado o 2021-03-23. 
  37. Initiative, Prison Policy. "The Gender Divide: Tracking women's state prison growth" (en inglés). Consultado o 2021-03-23. 
  38. "Disciplinary responses to misconduct among female prison inmates with mental illness, substance use disorders, and co-occurring disorders.". doi:10.1037/prj0000110. Consultado o 2021-03-23. 
  39. "Mental Health Problems of Prison and Jail Inmates | Office of Justice Programs". Consultado o 2021-03-23. 
  40. News, A. B. C. "Half of Sexual Abuse Claims in American Prisons Involve Guards, Study Says" (en inglés). Consultado o 2021-03-29. 
  41. 41,0 41,1 "Sexual Victimization Reported By Adult Correctional Authorities, 2009–11" (en inglés). 2017-11-17. Consultado o 2021-03-29. 
  42. "2015 U.S. Trans Survey" (en inglés). Consultado o 2021-03-29. 
  43. 43,0 43,1 Birmingham, Luke (2003/05). "The mental health of prisoners" (en inglés) 9 (3): 191–199. ISSN 1355-5146. doi:10.1192/apt.9.3.191. Consultado o 2021-03-23. 
  44. Drapalski, Amy L.; Youman, Kerstin; Stuewig, Jeff; Tangney, June (2009). "Gender differences in jail inmates' symptoms of mental illness, treatment history and treatment seeking" 19 (3): 193–206. ISSN 1471-2857. PMID 19533597. doi:10.1002/cbm.733. Consultado o 2021-03-29. 
  45. "La enfermedad mental como causa eximente de la responsabilidad penal - Revista Electrónica de PortalesMedicos.com". Consultado o 2021-03-17. 
  46. "Mental health and development : targeting people with mental health conditions as a vulnerable group" (en inglés). Consultado o 2021-03-21. 
  47. Rosenfield, Sarah (2012-06-01). "Triple jeopardy? Mental health at the intersection of gender, race, and class". Gender and health: Relational, intersectional, and biosocial approaches (en inglés) 74 (11): 1791–1801. ISSN 0277-9536. doi:10.1016/j.socscimed.2011.11.010. Consultado o 2021-03-21. 
  48. 48,0 48,1 Mfoafo-M’Carthy, Magnus; Huls, Stephanie (2014-01-01). "Human Rights Violations and Mental Illness: Implications for Engagement and Adherence" (en inglés) 4 (1): 2158244014526209. ISSN 2158-2440. doi:10.1177/2158244014526209. Consultado o 2021-03-21. 
  49. Diseth, Rigmor R.; Høglend, Per A. (2011-11-01). "Potential legal protection problems in the use of compulsory commitment in mental health care in Norway" (en inglés) 34 (6): 393–399. ISSN 0160-2527. doi:10.1016/j.ijlp.2011.10.003. Consultado o 2021-03-21. 
  50. Martin, Michael S.; Hynes, Katie; Hatcher, Simon; Colman, Ian (2016-04-01). "Diagnostic Error in Correctional Mental Health" 22 (2): 109–117. ISSN 1078-3458. doi:10.1177/1078345816634327. Consultado o 2021-03-16. 
  51. Birmingham, L.; Mason, D.; Grubin, D. (1996-12-14). "Prevalence of mental disorder in remand prisoners: consecutive case study" 313 (7071): 1521–1524. ISSN 0959-8138. PMC 2353026. PMID 8978227. doi:10.1136/bmj.313.7071.1521. Consultado o 2021-03-29. 
  52. Callahan, L. A.; Steadman, H.; McGreevy, M. A.; Robbins, P. (1991). "The volume and characteristics of insanity defense pleas: an eight-state study.". Consultado o 2021-03-16. 
  53. McDermott, Barbara E.; Dualan, Isah V.; Scott, Charles L. (2013-05-01). "Malingering in the correctional system: Does incentive affect prevalence?". Special Issue on Prisons and Mental Health (en inglés) 36 (3): 287–292. ISSN 0160-2527. doi:10.1016/j.ijlp.2013.04.013. Consultado o 2021-03-16. 
  54. McDermott, Barbara E. (2012-12-01). "Psychological Testing and the Assessment of Malingering". Forensic Psychiatry (en inglés) 35 (4): 855–876. ISSN 0193-953X. doi:10.1016/j.psc.2012.08.006. Consultado o 2021-03-16.