Trastorno de personalidade paranoide

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O trastorno de personalidade paranoide caracterízase esencialmente por un patrón de desconfianza e suspicacia xeral cara a outros, de forma que as intencións destes son interpretadas como maliciosas. Este patrón empeza ao principio da idade adulta e aparece en diversos contextos (DSM-IV).[1] Ocorre no 0,5 - 2,5% da poboación xeral, sendo máis común en individuos do sexo masculino e certos estudos revelaran unha certa estreita relación coa esquizofrenia e trastornos delirantes.[2]

Os individuos con trastorno paranoide da personalidade pensan que os demais se van aproveitar deles. Se alguén, por exemplo, saúda a unha persoa con este problema, inmediatamente este pensará que quen o saúda "quere ou argalla algo". Teñen dúbidas inxustificadas sobre a "lealdade" dos seus amigos ou da fidelidade da súa parella, e cústalle aceptar que se equivocan. Aparentan ser fríos, pero realmente só é un intento de evitar que os demais coñezan os seus puntos débiles e poidan aproveitarse deles; son moi rancorosos, e nunca esquecen un insulto ou unha crítica.

As persoas paranoides teñen escasas relacións sociais, en parte, pola súa desconfianza cara ás persoas, pero isto tamén se debe a que adoitan provocar rexeitamento nos demais, debido ao seu comportamento hostil. De todos os xeitos, poden desenvolverse moi ben na vida, xa que non lles gusta que outros se ocupen dos seus asuntos.

Hai que distinguir este trastorno da paranoia, aínda que ambos trastornos comparten características.

Diagnóstico segundo DSM IV[1][editar | editar a fonte]

Segundo o famoso Manual diagnóstico e estatístico de trastornos mentais, para diagnosticar este trastorno tense que dar na persoa:

A. Desconfianza e suspicacia xeral desde o inicio da idade adulta, de forma que as intencións dos demais son interpretadas como maliciosas, que aparecen en diversos contextos, como o indican catro (ou máis) dos seguintes puntos:

  1. sospeita, sen base suficiente, de que os demais se van aproveitar deles, lles van facer dano ou os van a enganar
  2. preocupación por dúbidas non xustificadas acerca da lealdade ou a fidelidade dos amigos e socios
  3. reticencia a confiar nos demais por temor inxustificado a que a información que compartan vaia ser utilizada na súa contra
  4. nas observacións ou os feitos máis inocentes albiscan significados ocultos que son degradantes ou ameazadores
  5. alberga rancores durante moito tempo, por exemplo, no esquece os insultos, inxurias ou desprezos
  6. percibe ataques á súa persoa ou á súa reputación que non son aparentes para os demais e está predisposto a reaccionar con ira ou a contraatacar
  7. sospeita repetida e inxustificadamente que o seu cónxuxe ou a súa parella lle é infiel

B. Estas características non aparecen exclusivamente no transcurso dunha esquizofrenia, un trastorno do estado de ánimo con síntomas psicóticos ou outro trastorno psicótico e non son debidas aos efectos fisiolóxicos directos dunha enfermidade médica.

Tratamento[editar | editar a fonte]

A adhesión ao tratamento é moi difícil pola propia característica do trastorno de non confiar nos outros, até en profesionais da saúde, de non contar as súas intimidades con medo ser traizoados, de non precisar feitos para chegar a conclusións e de mesmamente aceptar este diagnóstico.

A terapia cognitivo-comportamental pode ser útil, en especial a terapia do esquema que é específica para tratar trastornos de personalidade. Algunhas das partes importantes do tratamento é conseguir establecer un vínculo de confianza e intimidade, estimular, practicar e reforzar probas de realidade baseándose en feitos e probabilidades máis realísticas antes de sacar conclusións e facer un adestramento de asertividade e desenvolvemento de habilidades sociais.[3]

Algúns antipsicóticos en pequenas doses poden previr crises, que son comúns a este trastorno, que poden implicar violencia e serios riscos a outros e a si mesmo.

Posibles vítimas famosas[editar | editar a fonte]

Algunhas das posibles vítimas célebres deste trastorno son:[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Trastorno paranoide de la personalidad". http://personal.telefonica.terra.es/web/psico/dsmiv/dsmiv16.html#f60.0. Consultado o 31 de marzo de 2012. 
  2. GUNDERSON, J.G. & PHILLIPS, K.A. - Personality Disorders. In: KAPLAN, H.I.; SADOCK, B.J. - Comprehensive Textbook of Psychiatry, Baltimore, Williams & Wilkins, 6th, 1995, pp. 1434-6.
  3. GABBARD, G.O. - Psiquiatria Psicodinâmica na Prática Clínica. Porto Alegre, Artes Médicas, 1992, pp. 227-35.
  4. Guilherme Rubino de Azevedo Focchi e José Carlos Ramos Castillo.(1999) Transtorno de personalidade paranóide. Uma revisão. Instituto de Psiquiatria - Faculdade de Medicina da Universidade de São Paulo. Dispoñible en: http://priory.com/psych/para1099.html. Consultado o 31 de marzo de 2012.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • López-Ibor Aliño, Juan J. & Valdés Miyar, Manuel (dir.) (2002). DSM-IV-TR. Manual diagnóstico y estadístico de los trastornos mentales. Texto revisado. Barcelona: Editorial Masson. ISBN 9788445810873. 
  • Millon, Theodore & Davis, Roger D.. Trastornos de la personalidad. Más allá del DSM-IV. Primeira edición 1998. Reimpresións 1999 (2), 2000, 2003, 2004. Barcelona: Editorial Masson. ISBN 9788445805183. 
  • – & Grossman, Seth & Millon, Carrie & Meagher, Sarah & Ramnath, Rowena. Trastornos de la personalidad en la vida moderna. Primeira edición 2001, segunda edición 2006. Barcelona: Editorial Masson & Elsevier. ISBN 9788445815380. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]