Ron Mueck

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ron Mueck (Melbourne, Australia 1958 -) é un escultor australiano famoso pola súa técnica hiperrealista que combina coa amplificación ou diminución das pezas respecto do modelo natural que representan. Dende 1983 vive en Londres, Inglaterra.

Biografía[editar | editar a fonte]

Nace en Melbourne en 1958, fillo de fabricantes de xoguetes. Seu pai adicábase á escultura en madeira mentres que súa nai crearía unha empresa artesanal de fabricación de bonecas.

Sendo aínda moi novo entrará no mundo do espectáculo e dos efectos teatrais antes de se incorporar en 1979 á emisión infantil de Shirl's Neibourghood, programa no que traballará como marionetista durante case cinco anos.

A carreira inicial de Mueck's como modelista e marionetista de programas de televisión amplíase coa súa participación en filmes coma Dentro do labirinto ("Labyrinth") no que tamén aportou a voz de Ludo.

En 1983 Mueck deixa Australia e instálase en Londres, onde o agarda un contrato como marionetista de Sesame Street e Muppet Show. Con Jim Henson colaborará tamén en dúas longametraxes Dreamchild e Dentro do labirinto, nas que Henson é o realizador e el o encargado dos efectos especiais. Tras establecer a súa propia compañía en Londres realizando props foto-realistas e animatrónica para a industria da publiciade, comeza a obsesionarse con producir esculturas cada vez máis realistas e perfeccionadas e non unicamente monicreques deseñados unicamente para ser fotografiados dende un só ángulo e agochar a estrutura construtiva.

En 1996 Mueck comeza a súa transición cara ás artes ó colaborar coa pintora portuguesa Paula Rego, nai da súa muller, na produción de pequenas figuras, entre elas unha de Pinocchio para unha mostra que está a preparar na Hayward Gallery. Sería ela quen o presentaría ó coleccionista Charles Saatchi, que se entusiasmaría co Pinocchio e lle encargaría varios traballos, dándoo a coñecer internacionalmente.

A peza que lle daría sona e reputación artística foi, Dead Dad ("Papai Finado"), que Saatchi incluiría na escandalosa exposición de 1997 Sensation. Young British Artists from the Saatchi Collection da Royal Academy. Dead Dad consiste nunha escultura de silicona do corpo morto do pai de Mueck reducida a uns dous terzos do tamaño real. É a única obra na que Mueck se servirá do seu propio cabelo para conseguir o produto final.

A partir de aquí coñece un éxito crecente. Na Bienal de Venecia no 2001 presenta o seu Boy ("Rapaz") de cinco metros de alto realizado en 1999 e amosado anteriormente na Millennium Dome. Sería igualmente seleccionado para a exposición Melancolía do Gran Palacio en decembro do 2005.

No 2002, a súa escultura Pregnant Woman ("Muller preñada") foi mercada pola National Gallery de Australia por 800.000 dólares australianos.

Estilo[editar | editar a fonte]

As súas esculturas reproducen fielmente o corpo humano ata os máis mínimos detalles anatómicos pero xoga coa escala producindo imaxes visuais chocantes. A perfección formal hiperrealista conséguea grazas á unha depurada técnica na utilización de silicona, fibra de vidro, resinas e pinturas ó óleo. A súa precisión fisionómica transparenta un gusto case mórbido a través da decadencia de corpos obesos ou envellecidos acentuado polas dimensións anormais das pezas.

Son as pezas escultóricas xigantes ou estrañamente diminutas de Mueck as que fixeron sacudir nos últimos tempos a escultura contemporánea ó seren capaces de establecer tensión entre o mundo real e o simulacro constitúído polo universo ficticio que tamén forma parte del. Retomando as técnicas realistas do século XIX recrea, coma aqueles, personaxes case vivos, pero sempre sorprendéndoos no momento decisivo e ambiguo do cambio que parece estar a punto de operarse.

Sumerxidos en pensamentos indicibles, xeralmente tristes ou preocupados ou enlouquecidos, metidos nunha cotidianeidade da que só parece extraelos o seu corpo espido, os personaxes de Mueck parecen simplemente vivos ata no máis pequeno detalle que se nos poida ocorrer. Non é só a meticulosidade anatómica a que nos fascina senón o sentimento que son capaces de transmitir. A cor da pel, as enrugas do corpo, o pelo que medra neles, todo nos induce a enxergalos como seres vivos dispostos en calquera intre a dirixirnos a palabra se ousamos observalos demasiado na súa nuez, tan expresiva física como psicoloxicamente.

Séntese, en suma, que non se trata dunha simple vontade de realismo banal. Ademais da perfección figurativa, froito do detallismo técnico do autor, preséntese en cada unha das personalidades complexas representadas a carga psicolóxica que arrastran consigo e que, intuitivamente, nos induce ós espectadores a completar por medio da nosa ficción persoal.

O estilo mueckiano aproxímase o do artista Stanley Spencer dos anos trinta ou ó seu contemporáneo Jenny Saville.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Dead Dad ("Papai finado") 1996, silicona, pintura acrílica e pelo humano. Escultura de pouco máis dun metro (a 2/3 tamaño natural), representa o pai de Mueck deitado de costas e espido. Saatchi Collection.
  • Boy ("Rapaz"), 1999, fibra de vidro, resina, silicona. Escultura de 5 metros de alta, representa un rapaz de crequenas. Mostrado primeiramente na exposición Millennium Dome. É propiedade do Museo da Arte da cidade dinamarquesa de Aarhus, que a usa como peza de marca.
  • Pregnant Woman ("Muller Preñada") 2002, fibra de vidro, resina, silicona. Escultura de 2.5 metros de alta dunha muller en cinta cruzando as mans sobre a cabeza.
  • Wild Man ("Home salvaxe") 2005. Unha escultura xigante dun home barbudo e espido de ollada inqueda sentado nunha cadeira.
  • In bed ("Na cama"). Unha muller de 6 metros de longo que está incorporada de medio corpo na cama e que non parece poder erguerse.
  • Spousing Couple ("Parella esposada"): Un home e unha muller duns 40 centímetros estirados un ó lado do outro en roupa interior coma se estivesen deitados nunha cama.
  • Mask III ("Máscara III"), unha enorme faciana dunha muller adulta negra.
  • Two Women ("Dúas mulleres" 2005. Dúas velliñas diminutas, vestidas que parecen estar falando na rúa.

Exposicions[editar | editar a fonte]

Do 19 de novembro de 2005 ó 19 de febreiro de 2006, a Fundación Cartier Boulevard Raspail (París XIV) expón 5 obras encargadas especialmente pola fundación con ocasión da primeira exposición en Francia do autor.

Unha exposición importante da súa obra foi mostrada en Edimburgo, Escocia, como parte do Festival de Edimburgo no edificio da Royal Scottish Academy ata o 1 de outubro de 2006 [1].

Unha exposición individual de nove obras está sendo presentada no Brooklyn Museum de Nova York dende o 3 de novembro do 2006 ó 4 de febreiro do 2007 [2].


Ligazóns externas[editar | editar a fonte]