Ron Gilbert

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ron Gilbert en 2005.

Ron Gilbert é un deseñador, programador e produtor de videoxogos, coñecido sobre todo polo seu traballo en varias aventuras gráficas clásicas de LucasArts, incluíndo Maniac Mansion e os dous primeiros xogos da saga Monkey Island.

Gilbert medrou nunha pequena vila de Oregón, sendo fillo dun profesor de física dun colexio. Mentres estaba na escola secundaria, Gilbert aprendeu pola súa conta a programar en linguaxe ensambladora e adicou moito do seu tempo ó desenvolvemento do seu talento como programador. Comezou a súa carreira profesional en 1983, sendo aínda estudante, escribindo un programa chamado Graphics Basic con Tom McFarlane. Eles vendérono a unha compañía da baía de San Francisco chamada HESware (Human Engineered Software). Impresionados co seu traballo, HESware ofreceulle traballo a Gilbert. Pasou alí medio ano, programando xogos de plataformas para o Commodore 64 (C64). Ningún deles chegou a ser publicado, pola quebra da compañía. Pouco despois, Gilbert uniuse a Lucasfilm Games, que máis tarde converteríase en LucasArts. Alí gañou a vida facendo conversións para o C64 dos xogos de Lucasfilm para o Atari 800.

En 1985 tivo a oportunidade de desenvolver o seu propio xogo sobre unha escura mansión vitoriana habitada por un científico tolo, a súa lixeiramente atrasada proxenie e estraños extraterrestres. Ron Gilbert e o artista de Lucasfilm Games Gary Winnick tiveron esta idea durante varias conversacións, que logo presentaron á dirección.

Gilbert programou unha linguaxe de script, que recibiu nome polo proxecto para o que fora escrita, Script Creation Utility for Maniac Mansion, máis coñecido como SCUMM.

Maniac Mansion foi lanzado en 1986 (máis tarde para a NES) e tivo un éxito incrible. SCUMM demostrou ser unha base técnica perfecta para aventuras gráficas. Gilbert creou máis xogos para LucasArts usando o seu motor, incluíndo o clásico The Secret of Monkey Island, ata que deixou a compañía para fundar Humongous Entertainment con Shelley Day, tamén de LucasArts.

En Humongous Entertainment, Gilbert foi o responsable de xogos como Putt-Putt, Freddi Fish, Pajama Sam e a serie Backyard Sports. Gilbert tamén foi fundador de Cavedog Entertainment e produtor de Total Annihilation.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]