Portal:Celtas/Lugar de interese/9

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Galia (Gallia en latín) é o conxunto de territorios ocupados polos galos, pobos denominados así polos romanos, e que corresponden coas actuais Francia, Bélxica e parte de Suíza, así como terras dos actuais Países Baixos e Alemaña situadas ao oeste do río Rin. A palabra galo refírese habitualmente aos habitantes celtas desa rexión nos tempos antigos e foi empregada principalmente polos romanos, que moi raras veces chamaban celtas a este conxunto de tribos diversas. O xentilicio conservouse a través dos tempos soamente na extensión de terras que hoxe compoñen a República francesa e aínda hoxe se continúa chamando galos aos franceses, e de feito Gallia é o nome de Francia en grego moderno.

Na Galia Central vivían os celtas que eran, con moito, os máis importantes poboadores da Galia, tanto en número como en extensión territorial. Non formaban unha nación en conxunto, nin tiñan xefe común. Hábiles loitadores, mellores metalúrxicos e ourives, só tiñan un elemento que os unía e ese era a relixión. Esta desunión era decote aproveitada polos seus veciños, as tribos xermánicas, e foi o elemento esencial para a súa conquista polos romanos.

Os galos estendéronse por toda Europa en tempos romanos, falando unhas linguas celtas que diverxeran en dous grupos. Ademais dos galos da actual Francia, outros estabelecéranse entre os séculos IV e III a.C. nas chairas do norte de Italia, na provincia que os romanos coñecían como Galia Cisalpina, ("Galos deste lado dos Alpes") Venetia e Istria.